Na biografía intelectual de V. Paz-Andrade sobrancea un libro publicado en Bos Aires, na editorial Citania, que leva por título Galicia como tarea (1959). No seu prefacio aseveraba que para el Galicia non era “algo que nos ha sido dado irremediablemente hecho y, en parte, contrahecho”, senón que Galicia se debería entender como “algo que hemos de hacer, o rehacer, todos los días”. Era todo un programa económico e material, pero tamén cultural e espiritual. Un programa propio dunha persoa de reflexión e de acción, que estaba atenta ás correntes intelectuais do seu tempo e que teimaba en aplicalas á realidade galega. Pasou máis de medio século e aquela idea forte segue en pé. Pero agora, como figura central do Día da Letras Galegas de 2012, ábrese unha nova tarefa, que é a de repensar e mesmo imaxinar Galicia da man deste autor e da súa fecunda biografía.
A figura de Paz-Andrade permite revisitar un capítulo esencial da cultura galega como foi o xornalismo, como práctica profesional e como concepción empresarial. É ben sabido que o xornal Galicia (1922-1926) foi un exemplo de publicación moderna, independente e galeguista, que se distanciou claramente da prensa de partido ou dos diarios de avisos e comerciais, tan frecuentes aínda naquela época. O moderno xornalismo galego ten neste diario un precedente, ademáis, pola calidade dos colaboradores que nel se reuniron, desde Castelao ou Vicente Risco ata Otero Pedrayo ou Blanco Torres. Esta vocación pioneira de Paz-Andrade tivo continuidade no xornalismo profesional, como é a revista especializada Industrias Pesqueras, cabeceira fundada en 1927 e que felizmente aínda segue viva, como un raro exemplo de lonxevidade nun campo de tan difícil supervivencia.
Pero a longa vida desta revista non é realmente unha casualidade. Expresa a verdadeira paixón de V.Paz-Andrade polos asuntos pesqueiros e, máis amplamente, polo mundo do mar. Ten mérito que nunha terra de esmagadora hexemonía da terra como lugar de traballo e mesmo de identidade, houbera persoas que reclamasen protagonismo para o mar. O mar foi a gran novidade da historia galega do século vinte, como motor dunha revolución industrial moderna baseada na pesca e na conserva, e como camiño de ida e volta dos fluxos migratorios entre Galicia e América. A esta chamada do mar responderon empresarios conserveiros e navais, pero tamén técnicos que foron quen de pensar e de analizar as potencialidades da pesca. Neste campo, Paz-Andrade foi o perito máis sólido, como o acreditan non só os seus textos sobre cuestións pesqueiras, senón a súa condición de experto da FAO e a súa participación na fundación da gran multinacional galega Pescanova, a máis perenne aposta do empresario Xosé Fernández López e a máis acaída plasmación das ideas de Valentín Paz-Andrade.
Home da comunicación e da empresa, tamén merece ser revisitado como activo político nas campas do galeguismo autonomista da preguerra, como un teimudo resistente na longa ditadura franquista e como unha voz da lexitimidade republicana nos tempos da transición democrática. Mantivo intensas relacións co exilio e frecuentou a amizade de moitas das súas figuras, desde Seoane e Dieste ata Blanco-Amor ou Lorenzo Varela. Alén diso, foi un atinado ensaísta e un notable escritor. Ensaísta en materia económica e pesqueira, foi tamén biógrafo de dúas figuras descomúns como Valle-Inclán e Castelao, expresión da súa concepción de Galicia como “nodriza” de dúas grandes literaturas. Moi innovadoras son as contínuas reflexións de Paz-Andrade sobre as necesarias relacións entre Galicia e a cultura de expresión luso-brasileira, á que se achegou de forma sistemática e á que dedicou algunha das súas obras maiores, como é o seu ensaio sobre A galecidade de Guimarâes Rosa, un dos grandes da literatura brasileira do século XX.
Para o ano 2012, pero xa desde agora, ábrese unha tarefa especial, que é a de retornar sobre obras e accións deste home singular da Galicia do século XX que foi Paz-Andrade. Revisitar os seus ensaios e biografías axudará a entender como de actuais son algunhas das súas reflexións. Achegarse ás súas iniciativas empresariais permitirá ollar un tempo en que economía e cultura andaban de parcería. E reparar no seu estilo vital, de home tenaz e talentoso, aberto ao mundo pero sen abdicar do compromiso coa súa terra e coas súas xentes, será un espello en que se poidan mirar as novas xeracións que viven nun tempo en que tampouco nada lles é dado, no que todo ha de ser conquistado. Como lle aconteceu a devanceiros como Valentín Paz-Andrade, que quería “rehacer Galicia todos los días”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario