Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 1 de xuño de 2011

O exame de conducir

Poucas veces poño por aquí un post recollido doutro blogue. Desta vez non puiden resistirme. Vía O marmurio das ondas:


Dime un amigo que a xente o que lle presta son historias reais arredor da lingua. O testemuño innegábel do que nos acontece é, ás veces, unha axuda para demostrar, mediante anécdotas, a situación do galego na cidade. Contarei o que me sucedeu hai uns anos cando fun facer o exame escrito de conducir.
Asistín ás aulas da Autoescola Fragoso (si, a publicidade é a mantenta) onde me impartiron leccións en galego aínda que o libro estivese en castelán (de feito un bo amigo meu, Daniel Lavesedo, quixo traducir o manual ao galego). Cando presentamos a documentación para facer a proba pedimos que o exame fose en galego.
Parece que xa antes houbera algunha persoa que fixera a mesma solicitude pero dicían os da DXT que non tiñan eses modelos. Aquelas reclamaron e entón xa podían ofrecermo.
Chegou o día.
Alí había unha morea de xente, na rúa chamada Camiño Barciela onde Coia ten o seu rural. Que seríamos, unhas 150 persoas? Por aí andaría. Os examinadores saíron cunha listaxe. Dixo un:
 -Hay varias personas que pidieron hacer el examen en outra lengua. Por favor, los que pidieron en inglés, chino y gallego que vayan entrando.
Non vos riades, que o conto é triste.


P.S.: e o título orixinal é moito mellor que o que lle puxen eu.

4 comentarios:

  1. Eu acabo de examinarme por promoción interna nunha grande cidade galega. Antes de empezar o exame algunhas aspirantes protestaban por que non estaban dispostas a que as obrigaran a facer o exame en galego.
    Ao sentármonos no auditorio (eramos unhas 40 persoas) a presidenta do tribunal pregunta: ¿Quién quiere el examen en gallego?
    Fun a única persoa que levantou a man. O resto fixo o exame en castelán.
    Non houbo obrigas, nin imposicións. Só a miña solitaria man erguida para pedir un exame na miña lingua.

    ResponderEliminar
  2. Non está mal: un 97,5% de castelán frente a un 2,5% de galego. Como para andar facendo políticas de redución de uso do galego.
    Dis que non houbo obrigas/imposicións nese momento. Pero, e antes? Todo (subliño o todo) o antes?

    ResponderEliminar
  3. Outra historia:
    Onte mesmo comentei cunha compañeira interina o sucedido. Ela é castelán-falante. Empezou a rir e dime que a ela pasoulle recentemente algo parecido. Nunha oposición á que foi repartiron a todas as aspirantes o exame cara abaixo. Ao rematar de repartir o presidente do tribunal preguntou se alguén o quería en castelán (seica o repartiran en galego). Unha marea de mans erguéronse.
    Síntoo pero os dous casos son verídicos.
    Eu xa non sei se rir, chorar ou que facer.

    ResponderEliminar
  4. Estas historias explican cal é unha moi boa parte da realidade das linguas en Galicia. A pouco que un se pare a pensar nesas historias entenderá que, por exemplo, eliminar as probas de galego das oposicións é un paso máis na aceleración dun suicidio colectivo. Isto é o que Anxo Lorenzo chama 'situación interesante'.

    ResponderEliminar