por Francisco Xosé Rei García, en Terra e Tempo:
A pasada semana presentábase na Coruña, da man da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, un interesante e necesario proxecto de recuperación da microtoponimia costeira da contorna da Torre de Hércules, apoiado pola tristemente próxima a se extinguir (quédalle escasamente unha semana de vida) Concellaría de Normalización Lingüística e alentado, como tantísimas outras cousas fermosas que aquí se fixeron e fan, polo sempre disposto Xurxo Souto.
Non é, porén, unha iniciativa exactamente nova: xa hai máis de dez anos a propia Agrupación Alexandre Bóveda fora pioneira en ir sinalizando, a través dun roteiro, diferentes puntos da costa da Torre; sinais que, como se recordou, non tardaran máis que uns días en desaparecer. Simple vandalismo ou memoria que incomoda e ofende?
Tamén naquela altura fora, unha vez máis, Xurxo Souto quen, a través do seu exitoso espazo radiofónico A tropa da tralla, comezara a recuperar a memoria silenciosa (e silenciada) desa Coruña galega e popular, que existe e, aínda téndoa diante dos ollos, hai quen non quere ver. Memoria recuperada, de nomes e de vivencias persoais, individuais mais profundamente colectivas, a través de quen mellor as podía contar: os propios protagonistas; os percebeiros do mar da Torre.
Un deles, Emilio Milucho Mariñas, aínda en plena forma, é en realidade quen fai posíbel o proxecto de recuperación da microtoponimia costeira da península da Torre: el é quen nos vai sinalando os nomes, unha a unha, de cada unha das pedras percebeiras e demais accidentes xeográficos da contorna mariña do símbolo máis coñecido da Coruña. O mesmo que fixo no seu día -tamén para Xurxo - o Paroleiro do Portiño, redescubrindo un a un o outro feixe de nomes máxicos que dan nome a cada unha das pedras que van do mar de San Roque de Fóra á illa Redonda de Bens e que Manuel Rivas mesmo levou á ficción-realidade da escrita n'A man dos paíños.
O relativo éxito social e mesmo o eco mediático que -cando menos a nivel local -teñen iniciativas deste tipo (atrévome a dicir que superior ao impacto que poden ter outro tipo de iniciativas do ámbito filolóxico máis científicas) foi o que me levou a matinar estes días -pouca orixinalidade a miña, moi probabelmente! -na importancia e utilidade que ten o estimular a participación social en todo proceso de restauración e recuperación da memoria, tanto no que ten a ver coa nosa lingua (por exemplo, a través da toponimia) como coa nosa antropoloxía en xeral.
Partirmos dunha base tan obvia como é que a lingua pertence, antes de máis, ás súas e aos seus utentes débenos levar a unha outra conclusión: no proceso de recuperación da memoria da lingua é saudábel, conveniente e necesaria a súa implicación e participación. Téndomos ben presente a realidade sociolingüística, por suposto: unha lingua secundarizada, atomizada, desprestixiada mesmo entre os seus propios falantes habituais, sometida a millenta prexuízos brutais. Porén, unha lingua aínda viva. Viva e con grandes posibilidades de restauración e restitución. Experiencias máis que positivas están aí para seren vistas e analizadas, para aprendermos delas e multiplicármolas, para adaptármolas a ámbitos onde aínda non se puxeron en práctica.
A memoria da lingua existe non só alí onde o galego xa se fala sempre e é visíbel. Tamén pervive, aínda que non a vexamos, nos espazos urbanos onde xa non se escoita falar (case) nunca galego. Mais se rañamos un pouquiño, o galego agroma; aparece; sae á luz con toda unha diversidade de formas, texturas, cores e sabores; como se na realidade seguise a desenvolverse nunha especie de mundo subterráneo e fose un ser vivo que só desexa que o leven pasear a unha superficie constantemente imaxinada.
Contar coa xente, facela partícipe e protagonista, usuaria e á vez posuidora da súa propia lingua, cultura, identidade, orixe. Non se me ocorre un mellor antídoto fronte á infamia do prexuízo artificial: "es que La Curuña siempre se dijo así"; "es así de toda la vida"; "en La Coruña nunca se habló gallego"; e tantos e tantos tristes etcéteras.
Ningún comentario:
Publicar un comentario