Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 19 de xuño de 2011

Carta aberta a Roberto Blanco Valdés

pola Mocidade Nacionalista Galega, no Galicia Hoxe:

Estimado Roberto Blanco Valdés: Dirixímonos a vostede en calidade da MNG (Mocidade Nacionalista Galega), rama política xuvenil do BNG, para responder ao seu artigo de opinión intitulado Lenguas en RTVG y miedo a la libertad e publicado no diario La Voz de Galicia no pasado 12 de xuño de 2011. A polémica provocada nun amplo sector da sociedade galega tras a lectura das intencións do PPdeG de abrir a RTVG a outras linguas mais sobre todo ao castelán e da súa opinión no devandito xornal, obríganos a ofrecer o noso punto de vista sobre unha realidade, a RTVG, que afecta, en maior ou menor medida, a todos os galegos quer individualmente quer colectivamente. E, xa que logo, vémonos incitados a encetar algunha das expresións que chegou a empregar na súa carta.
Antes de máis, queremos sinalar cales foron as frases principais que motivaron o feito de que agora esteamos a escribirlle esta nosa carta resposta: "Cuando en 1984 se creó la Compañía de Radio Televisión de Galicia, el artículo 1.º de su ley fundacional determinó que aquella tendría la misión de promocionar, difundir e impulsar la lengua gallega. Aunque de esa declaración no se deducía forzosamente el monolingüismo en RTVG, tal acabó por ser, sin embargo, el modelo de nuestros medios públicos de comunicación"; "Es discutible si tal modelo estuvo justificado en su momento, y lo es que todos los que apoyaron ese artículo lo hicieran con la intención de expulsar por completo de RTVG al castellano"; "un modelo de RTVG monolingüe, tal y como acaba de aceptar el PP por las presiones del PSOE en la negociación sobre la nueva ley reguladora de los medios públicos gallegos, constituye un grave error y una injusticia flagrante con una parte del país: la que, con todo su derecho, habla en castellano y paga sus impuestos, pero no puede ver ni oír en la radio y la televisión que se financian con ellos ningún programa realizado en su propia lengua"; " lo que tendrían que explicar los que temen a la libertad como a la lumbre es por qué después de tantos años de promoción e impulso del gallego en todos los niveles oficiales (eso que llaman normalización lingüística) su número de hablantes viene disminuyendo de forma permanente"... etc...
Ante semellantes atravementos que deixan o mellor lingüista do mundo a velas vir, as persoas que conformamos a MNG non podemos máis que declarar rotundamente:
1º) Que no Estado español existen máis de 20 canles de televisión vehiculizadas exclusivamente en castelán (sen contar outras tantas televisións locais). Pola outra banda tamén se poden sintonizar ducias e ducias de emisoras de radio vehiculizadas unicamente en lingua castelá (sen facer referencia tampouco ás radios locais). Alén diso, todos os días podemos asistir á edición de centenas e centenas de revistas e diarios exclusivamente en castelán. Esta realidade dáse, mesmo, na maior parte dos medios de comunicación coñecidos como galegos. Pola contra, en Galicia/Galiza (como prefira chamala), só dispomos de dúas canles de televisión medianamente vehiculizadas en lingua galega, e declaramos medianamente porque todos coñecemos que de continuado se inclúen certos espazos e anuncios dirixidos ao público unicamente en castelán. Na nosa propia terra, tamén dispomos de bastantes canles televisivas locais que ignoran por completo a lingua galega, excepto contadísimas excepcións. Xa que estamos, fagamos referencia á única emisora de radio que vehiculiza, tamén medianamente, a súa programación en galego e que é a Radio Galega. Na mesma liña, existen numerosas emisoras de radio locais ao longo e largo de Galicia/Galiza que non saben falar galego e as únicas que o usan dun xeito amplo e non ­anecdótico soamente son percibidas en liñas de onda curta e non en todo o territorio.
Vostede tenta darnos unha lección de moralidade, democracia e liberdade, e como tal, asegura abertamente que os medios públicos galegos como son a radio e a televisión deberían ser bilingües galego-castelán, por disque existen castelanfalantes que se senten discriminados por estaren vehiculizados "exclusivamente" en galego. A realidade cae polo propio peso: se cadra hoxe en día, os galegos, especialmente os galegofalantes debemos ser xenerosos e saber renunciar á ÚNICA televisión e á ÚNICA radio públicas que empregan o galego dun xeito máis ou menos normalizado porque existen certas persoas que aínda posuíndo unha oferta de máis de 20 canles televisivas e ducias de emisoras de radio que só atenden e entenden ao español, se senten discriminadas. E logo os galegofalantes que queremos facer uso da RTVG, como nos deberiamos sentir cando soamente posuímos dúas canles televisivas e unha radio en galego? Atendendo ao mesmo sentido de democracia e liberdade que vostede proclama, sería igual de xusto que, existindo no Estado español máis de 7.000.000 de persoas que usan unha lingua diferente á castelá e que pagan ou pagarán os seus impostos mantendo, desta maneira, a existencia da RTVE, fosen incluídas na programación da Radio e da Televisión Españolas as seguintes porcentaxes: 1/4 en galego, 1/4 en euskera, 1/4 en catalán-valenciano e 1/4 en castelán, superando deste xeito a propia concepción feijoana do "trilingüismo harmónico", nós propomos o perfecto "cuadrilingüismo". Á fin e ao cabo, os impostos destes 7.000.000 de persoas que teñen como lingua materna linguas diferentes ao español, son tan válidos como os do resto da poboación española. Ou non señor Roberto? Ou se cadra quere dicirnos que os impostos desas persoas son de segunda categoría?
2º) Que o señor Blanco Valdés acaba de mandar pola borda o labor inxente realizado por filósofos, psicólogos, lingüistas, psicolingüistas, sociolingüistas, etc. de todo o mundo ao longo dos anos, ao afirmar sen pelos na lingua que "lo que tendrían que explicar los que temen a la libertad como a la lumbre es por qué después de tantos años de promoción e impulso del gallego en todos los niveles oficiales (eso que llaman normalización lingüística) su número de hablantes viene disminuyendo de forma permanente". A MNG gostaría de convidalo amabelmente a que acuda a aulas de lingüística xeral, adecuadas para o seu nível de entendemento, e que nos seus momentos libres faga por escoitar e por ler a Juan Carlos Moreno Cabrera (entre outros) un lingüista madrileño que explica para persoas que mostran niveis tan avanzados de intelixencia coma o seu aspecto, entre outros moitos, como a que se debe que unha lingua minorizada / minoritaria perda falantes ano tras ano...o cal non se debe á suposta "imposición lingüística" ou á "problemática" acción da "normalización lingüística" senón, entre outras consideracións, á simple existencia dunha lingua xigante que ocupa a maior parte dos ámbitos da sociedade. Estaría ben que nos indicase cando celebrará o seu próximo aniversario xa que, moi gostosos, lle regalaremos os seus primeiros libriños de lingüística para principiantes que de seguro lle van campar moito e necesitaraos máis do que nós. Á fin e ao cabo, "o saber non ocupa lugar" e culturizarse nun determinado tema que un mesmo descoñece é o principal antes de botar libremente a lingua a pacer.
3º) Que como vostede afirma, señor Blanco Valdés, se realmente existise en Galicia/Galiza unha democracia e liberdade reais, o galego estaría en mellor situación e gozaría realmente dos mesmos dereitos dos que dispón a lingua castelá. E non, señor, non temos medo nin á liberdade nin á democracia, pola contra, devecemos por elas. De feito, as palabras de Xavier Queipo (escritor compostelán) na última entrevista que lle fixeron hai uns días, mostra moi ben o sentimento de moitas persoas ao respecto: "A xente que ataca a lingua galega é a que ten medo" e "O medo á liberdade é o que predica a dereita máis antidemocrática, esa que prefire a inxustiza á desorde".
4º) Que atacar o ben común máis importante que posuímos na nosa terra, o galego, desde unha posición privilexiada, influente e poderosa, contando con todos os medios audiovisuais e escritos á súa disposición é o máis sinxelo e simple que se pode realizar, mais non deixa de ser a acción máis rastreira, ruín e mesquiña que poida existir. Esperamos que vostede, se aínda tiver un pouco de decencia, saiba cavilar sobre destas palabras bastante certas.
5º) Que se vostede, señor Blanco Valdés, ten honestidade e vergoña, e fai unha introspección das súas múltiples e malparadas declaracións sobre a lingua galega, alén de sobre os diversos nacionalismos do Estado español, facendo fincapé sobre o galego, vasco e catalán, debería entón deixarlle de facer as beiras ao nacionalismo español. Á fin e ao cabo todo nacionalismo se basea nuns principios comúns: unha lingua-unha nación-un estado (aínda que o galego, vasco e catalán se atopen a millóns de anos luz do que proclama o español). Se vostede se declara tan "antinacionalista" comece por deixar de ser nacionalista español, ou polo menos recoñeza selo. Non hai persoa máis descarada, desvergoñada, hipócrita e obscena que aquela que di "non ser" e despois resulta "ser".
O noso máis sincero saúdo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario