por Xosé Manuel Sánchez Rei, en Terra e Tempo:
Desde a chegada do ser humano ao que se coñece hoxe en día por Galiza, a cultura e o culto da pedra inspiraron manifestacións artísticas e arquitectónicas: estamos a nos referir, por vía de exemplo, aos dolmens, aos menhires, aos cromlech, á cultura castrexa, ao románico, ao gótico ou ao barroco. Non sería por un acaso, pois, que R. Otero Pedrayo perspectivase a época dos castros (que el identificaba co mundo celta galaico), o universo románico e a arte barroca cos tres momentos estelares da evolución histórica da cultura galega. Outrosí, constátase moito doadamente que a pedra serviu para construír innúmeros valos destinados a separaren terreos e para edificar variados tipos de vivendas ao longo e largo da nación: as casas do remo das Rías, as vivendas mariñeiras, a casa das fragas coruñesas, a casa das serras orientais, os pazos, a casa chairega, os diferentes tipos de hórreos etc. O elemento pétreo é, pois, un eixo fundamental da nosa milenaria cultura, como o tamén é doutras latitudes do ámbito atlántico a que pertencemos.
Por súa vez, e así como do punto de vista lingüístico, etnográfico e demográfico vén sendo costume diferenciarmos entre unha Galiza atlántica e unha outra continental, tamén a pedra, aínda que sexa máis imprecisamente, permite distinguirmos unha faixa occidental, a do granito, e unha outra oriental, a do xisto e a da pizarra. Nestes medios, o uso da cantaría, da cachotaría, do xisto ou do seixo delimita áreas xeográficas e técnicas construtivas, estas tan ben transmitidas secularmente polos mestres canteiros, os cales se autodenominan nas súas xirias arginas, arguinas ou arxinas. A nosa nación é, por tanto, tamén un país de canteiros, de pedreiros, de artistas da pedra, e lévao sendo desde os primeiros construtores de megalitos.
A importancia da pedra como material de construción e de culto obrigaba a ter as súas repercusións na linguaxe. Sabido é que existen dialectos sociais absolutamente herméticos, dos cales un dos máis interesantes talvez sexa o constituído por certos linguaxares profesionais de orixe gremial: son códigos forxados por determinados grupos coa finalidade de se tornaren completamente inintelixíbeis para as persoas alleas a esas dedicacións laborais. No caso dos canteiros, tan crípticas resultan algunhas das súas xirias como vira enigmático o simbolismo que aqueles deixaron gravado nas pedras das igrexas e catedrais medievais: unha introdución sinxela á significación de tales signos lapidarios e marcas é o traballo de J. L. Puente López, intitulado Firmado en la piedra. Marcas, signos lapidarios y símbolos por los maestros canteros medievales, que recolle até un total de cinco interpretacións de por que os mestres canteiros da Idade Media asinaron algunhas pedras dos edificios que construíron.
A configuración da Galiza tradicional contou, até non hai moito tempo, cos gremios, organizacións laborais que aparecen nalgúns casos xa na Idade Media. Varios deses colectivos posuían en ocasións un linguaxar só intelixíbel polos membros do grupo e que recibe, fundamentándose nesta característica e a depender de cada grupo en particular, denominacións como o "latín", "latín dos cabaqueiros", "latín dos canteiros", "latín dos daordes", "barallado", "barallete", "verbo" etc. Embora desde a época da Ilustración se tivese constancia da existencia dalgunhas desas falas, o certo é que no caso galego o seu aproveitamento literario remonta xa ao século XIX, como se sinala na obra colectiva A lingua literaria galega no século XIX: voces como verbo ('conversa', 'fala', 'idioma', 'lingua', 'palabra' etc.), queicoa ('deus', 'santo', 'igrexa') ou garlar ('cantar', 'falar') son ocasionalmente empregadas por algúns autores do Rexurdimento, como Benito Losada, Alfredo Brañas ou Cuveiro Piñol. A pesar desta utilización na altura, a súa produtividade na literatura contemporánea é ben escasa, pois só se coñece a composición de C. Emilio Ferreiro "Gabanzas dos canteiros", pertencente ao poemario Longa noite de pedra, e a novela A saga dun afiador, de X. Fernández Ferreiro, para alén dalgunhas voces que emprega esporadicamente R. Otero Pedrayo provenientes desas xirias (gandir, gandideiraetc.); máis modernamente, merecen ponderarse algunhas outras palabras que utiliza X. Vázquez Pintor, por exemplo n'A memoria do boi, onde se rexistran voces como arxina'canteiro', ganchear 'cortar', gabiarro 'cabelo', ginar 'vir' etc. A explicación desa escasa representativa rendibilidade na literatura contemporánea galega pode deberse á anormalidade lingüístico-cultural do país, produto directo da colonización española. A situación particular da Galiza a este respecto, pois, contrasta coa doutros países, en que se leva tirado aproveitamento estilístico-expresivo ás xirias, foren ou non de orixe tradicional, conforme ten sinalado Sant'Anna Martins na súa obra Introdução á Estilística.
Resultaría aquí imposíbel ofrecermos unha exhaustiva relación de todos e cada un dos linguaxares gremiais e moito menos do seu léxico. No entanto, non nos resistimos a comentarmos algunhas características semántico-lexicais canto á orixe de tales vocabularios, como é, por exemplo, que unha notábel cantidade de voces procede do éuscaro, cando menos entre os traballadores da pedra. No latín dos canteiros de Brantuas e de Niñóns, no concello bergantiñán da Ponteceso, documéntanse voces de innegábel filiación éuscara (arguina 'canteiro', chacurro 'can', gandideira 'boca', morrón e morrona 'rapaz' e 'rapariga', queicoa 'deus', etc.), sen deixaren de estar verificadas outras proveniencias, cal a francesa (moi 'eu', toi 'ti' etc.) ou mesmo a italiana (niento 'nada' etc.). A explicación parece estar nos deslocamentos profesionais que protagonizaron tradicionalmente eses colectivos de traballadores, moitos deles de orixe éuscara, que os levaban a desenvolveren as súas habilidades laborais en terras afastadas das súas. O contacto con outros colectivos en parecidas situacións non fixo máis que dar cobertura a un tipo de xiria que pasou a caracterizar profesionalmente as equipas de canteiros que aquí e acolá levantaban edificios. No ámbito galego-portugués, as primeiras documentacións do contacto entre canteiros do sur do país e os seus colegas miñotos e transmontanos remontan cando menos aos primeiros anos do século XVIII: operarios de Almofrei, Borela ou Tenorio foron traballar ás zonas de Braga, Guimarães, Barcelos ou mesmo Melgaço Arcos de Valdevez, onde se confundiron con xornaleiros e pedreiros portugueses. A prosperidade económica dos canteiros galegos non fixo senón atraer outros colegas do norte, co cal a interacción social, económica e lingüística debeu de se incrementar paralelamente.
A nosa experiencia con falares desta índole condúcenos a facermos unha outra reflexión sobre os contextos en que son utilizados. É evidente que o desexo de pertenza ao grupo marca o seu emprego, de forma que se converte nun obvio mecanismo de cohesión social en pequena escala, mais tamén é certo que, para alén do seu decrecente uso polos escasos profesionais que aínda fican dedicados a esas tarefas, as xirias abrochan ocasionalmente, á marxe dos seus orixinarios utentes, en situacións en que se desexa ridiculizar ou brincar con persoas que as non coñecen. Non raro, aparecen para faceren referencia a contidos de marcada obscenidade, os cales resultan totalmente incomprensíbeis para os individuos con que se estiver a facer a brincadeira, e tal foi o que temos observado en reiteradas ocasións no latín das dúas freguesías bergantiñás que antes comentabamos. Así, en contextos caracterizados por certa afectividade ou coloquialidade, documéntanse esporadicamente algunhas palabras como añafrío ('cigarro'), añafrotes ('pelos'), calmotas ('pancadas'),mouca ('vaxina'), roboi ('pene'), valsar ('penetrar') etc.
Na realidade, estas falas gardan certa relación coas linguaxes técnicas ou tecnolectos como se verifica a termos en conta a súa asociación a grupos determinados polas diversas profesións, un léxico particular etc. Porén, aínda que a xiria e o tecnolecto partillan evidentes puntos en común e a pesar de que ambos os termos poidan ser considerados conxuntamente como variedades parasitas da lingua, non se deben confundir, pois tamén posúen certos trazos que os diferencian. Primeiramente, a linguaxe técnica é adoito desprovida de vontade hermética ou críptica ou, cando menos, non resulta tan evidente como no caso das xirias. En segundo lugar, a xiria afecta todo o discurso, ao paso que a linguaxe técnica se limita a introducir os termos de maior rigor minimamente necesarios. E en terceiro lugar, interesa tamén pormos en relevo o feito de as xirias gremiais seren transmitidas pola única vía da oralidade: quer de pais a fillos, quer de mestres a aprendices, ora de colegas a colegas, ora polo intercambio económico-profesional con outros colectivos laborais de similares características, a existencia deses linguaxares gremiais puido chegar aos nosos días mercé á transmisión oral, o que serve, por seu turno, como máis unha diferenza cos tecnolectos en si propios, que chegan a coñecer algún tipo de literatura especializada.
Embora nalgúns casos, como sinala J. Rodrigues Gomes no seu valioso traballo Falas secretas, haxa procedementos gramaticais propios da xiria (como certos mecanismos de formación de palabras e determinados usos de verbos auxiliares, por exemplo), debe notarse que a xiria gremial costuma presentar polo xeral as mesmas estruturas sintácticas da lingua do país ou da zona. Repárese na seguinte cláusula, escrita no latín dos canteiros das freguesías de Niñóns e Brantuas, e verase como os artigos, as flexións, as frases e a construción clausal coinciden co galego: As morronas niento atervaron as arrias ('As raparigas nunca viron as pedras').
En síntese, podemos salientar estes linguaxares gremiais, e particularmente os dos mestres canteiros, como un legado cultural que non debería ficar no esquecemento. A cultura da pedra e a maxia dos elementos líticos posúen unha milenaria historia de asentamento na Galiza que ten de ser xustamente salientada como unha das partes da cultura tradicional do país. E as súas xirias, loxicamente, tamén merecen esa valorización.
Ningún comentario:
Publicar un comentario