Varela é soamente o mensaxeiro?
Varela forma parte dun goberno que está a masacrar conscientemente o galego, pero non creo que sexa o inimigo. Outra cousa é que non fose galego falante, pero tampouco eu o era cando me mudei a Bruxelas. Eu empecei a falar galego na emigración, cando me decatei de que se precisaba un referente.
E cando aconteceu iso exactamente?
En 1989, tiña eu trinta e un anos. Falábao de cando en vez con algún amigo, pero pouco máis. A partir dese momento, na miña casa e na miña vida privada sempre se falou galego. Cando remato a miña xornada laboral, que transcorre en inglés, francés e algo menos en italiano, portugués ou español, chego á casa e falo galego. É bastante liberador.
[...]
“O noso é un pobo de mariñeiros máis que de navegantes; os mariñeiros non escriben novelas e os navegantes non tiñan conciencia de nación”. Desolador.
Que eu saiba, si. Nin os irmáns Nodal de Pontevedra nin Mourelle de la Rúa, que andou á procura de Alasca, escribiron en galego. Hoxe é máis fácil atopar o diario de Mourelle de la Rúa en inglés ca en galego, porque en galego non existe. Todo aquel que nace en Galicia é galego, pero hai quen exerce e quen non exerce. Non hai máis que mirar para o que temos no goberno da Xunta.
No Encontro Internacional de Literatura de Viaxes (Litvi), que financia a Xunta con 20.000 euros, non hai un só escritor galego. Non os hai ou non os ven?
Unha cousa é que non teñamos unha experiencia marítima e outra que non sexamos viaxeiros ou non teñamos literatura de viaxes. A literatura da emigración é literatura de viaxes, e temos abondosos exemplos recentes, como New York, New York de Inma López Silva, Fin de século en Palestina de Miguel Anxo Murado ou o que escribín sobre as miñas viaxes por Asia. A metade deSaltimbanquis no paraíso, de Xelís de Toro, tamén se desenvolve en Londres. E hai literatura de catedrais, por suposto. De que fala Trece badaladas? De que fala Festina lente? Falan de catedrais. Se fose profesor de literatura e non biólogo, podería dar moitísimos máis exemplos.
Daquela, como se explica?
Supoño que a dirección consideraría que aos autores galegos non son abondosos, nin en número nin na súa calidade. Eu estiven na primeira edición, e coido que en igualdade de condicións con xente como Julio Llamazares ou César Antonio Molina. Nunca me sinto inferior cando estou con autores de sistemas literarios cun idioma maioritario, pero tampouco podemos esquecer que o galego é unha lingua minorizada en Galicia. Unha lingua que, debendo ser maioritaria, como indica o noso Estatuto de Autonomía, está a ser atacada pola xente que ten medo, pola dereita. Ser de dereitas consiste niso, en ter medo.
Medo a que?
Medo a que cambie unha coma no libro sagrado, no sistema de referencias no que eles se sinten seguros. O máis revolucionario en Galicia é escribir en galego, e por iso o fago.
Ningún comentario:
Publicar un comentario