Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 30 de xuño de 2011

O galego na ciencia, o plurilingüismo e o sesquilingüismo

Xosé Ramón Freixeiro Mato acertou co punto que máis me interesa, a ciencia, dentro no ámbito deste blogue, do da normalización. No Terra e Tempo:

Sabemos que hoxe o inglés se converteu na lingua internacional no ámbito científico, de modo que é nesta lingua onde se publican normalmente os traballos de investigación sobre os aspectos máis diversos daquilo que en termos xerais podemos chamar ciencia. Con todo, as linguas normalizadas do mundo, que polo común son aquelas que gozan do status de linguas oficiais dos estados, teñen tamén o seu ámbito de uso científico, con algunhas revistas de prestixio que total ou parcialmente publicaron ou publican artigos utizándoas como vehículo de comunicación e divulgación das pesquisas realizadas no ámbito universitario nomeadamente. 

O uso dunha lingua para producir e difundir ciencia dótaa de prestixio, evidentemente, e colócaa nunha posición destacada no mercado lingüístico mundial, que tamén existe. As grandes linguas estatais polo xeral xa posúen un prestixio consolidado tanto a nivel local como internacional, de modo que esa concesión ao inglés como lingua científica é un luxo que os estados se poden permitir a curto e medio prazo sen grandes custos para os seus idiomas respectivos. Aínda así, é evidente que os custos existen a longo prazo, tanto porque por esta e por outras vías o inglés pode iniciar un paulatino proceso de substitución das linguas propias, como porque estas van ir inevitabelmente perdendo léxico e fraseoloxía deste ámbito para incorporaren termos e expresións do inglés, nun proceso xa iniciado e mesmo bastante avanzado nalgún caso.

Desta forma ábrese un camiño perigoso para a manutención da diversidade lingüística no mundo, coa correspondente ameaza tamén para a variedade cultural, pois o que ocorre no ámbito científico pode estenderse aos demais, como de facto xa acontece na música, no deporte, nas finanzas, na técnica etc. A aposta en exclusiva polo inglés, ou o que é o mesmo, investir todo o esforzo, tamén económico, na aprendizaxe deste idioma, como hoxe se está a facer en moitas partes do mundo e tamén na Galiza, supón renunciarmos ao enriquecemento cultural que nos achegan as linguas próximas. Resulta lóxico ou razoábel, tanto en termos culturais como económicos, que un español, un francés, un italiano e un portugués, por exemplo, acudan ao inglés para se comunicaren entre si? Con canto menor esforzo o poderían facer nas súas respectivas linguas!..., contribuíndo dese modo para a manutención da diversidade cultural e lingüística que caracteriza Europa e, en definitivo, para a defensa da biodiversidade e da ecoloxía lingüística.

O profesor Moreno Cabrera, catedrático de Lingüística Xeral na Universidade Autónoma de Madrid, propón o sesquilingüismo como alternativa ao dominio do inglés e das grandes linguas estatais, e defíneo como a capacidade de entendermos unha lingua sen a falarmos, quere dicir, un monolingüismo produtivo acompañado de plurilingüismo receptivo; por exemplo, unha persoa francesa, falando a súa lingua, podería comunicarse con outra que falase calquera lingua romance. Mais para que o sesquilingüismo se converta nun instrumento de intercomunicación máis eficaz propón desenvolvelo cara á vertente do que denomina sesquilingüismo cooperativo, que se logra cando quen fala a súa lingua ten en conta os seus coñecementos da lingua do ouvinte. Así entendido, para este autor o sesquilingüismo cooperativo fomenta a convivencia de linguas nun plano de maior igualdade e parécelle especialmente axeitado para o aplicar no ámbito da Unión Europea, pois contribúe para equilibrar moito máis o uso dos diferentes idiomas. 

O modelo sesquilingüista pode, de certo, preservar a diversidade lingüística de Europa, incluídas as linguas minorizadas, e de facto xa se vén practicando nos países nórdicos. Presenta a vantaxe de que todas ou a maioría das persoas dunha comunidade política plurilingüe comprenden todas as linguas desa comunidade aínda que as non falen. Polo contrario, o concepto de plurilingüismo activo, en que todas as persoas desa comunidade falarían todas as linguas existentes nela, é un obxectivo pouco realista. O sesquilingüismo permitiría, por tanto, que nunha sociedade plurilingüe se puidesen usar verdadeiramente todas as linguas e promovería o plurilingüismo real e igualitario, pois dese xeito non habería falantes que tivesen de renunciar ao seu idioma por medo a non seren entendidos. 

Neste sentido, tamén o sesquilingüismo podería contribuír para preservar a pluralidade lingüística dentro do Estado español, pois se no sistema educativo se incluíse a adquisición de competencias pasivas nas diferentes linguas, ninguén se vería forzado a utilizar outra distinta da súa inclusive para se relacionar con persoas de fóra da súa comunidade lingüística. E na Galiza sen dúbida eliminaría obstáculos ou escusas para a plena normalización da lingua galega, pois ninguén podería aducir o seu descoñecemento, nin sequera aquelas persoas procedentes doutras comunidades do Estado. Alén disto, tal proposta tórnase especialmente proveitosa para nós, pois, aplicando o concepto sesquilingüista ás diferentes modalidades do primitivo galego estendido polo mundo, con pouco esforzo pódense adquirir no sistema educativo altas competencias nas variedades galega, portuguesa, brasileira e inclusive africana do mesmo sistema lingüístico galego-portugués, alén de logo ampliar a competencia pasiva ás outras linguas romances de Europa. 

Nesta dirección apunta, en certo modo, o Manual de Galego Científico de Carlos Garrido e Carles Riera, do cal acaba de saír agora do prelo unha segunda edición revista e acrecentada, após unha primeira de 2000 xa esgotada. Esta obra, importante e rigorosa, é un instrumento imprescindíbel para un cultivo eficaz do galego científico. Porque, retomándomos o inicio destas liñas, en galego tamén se fixo e se fai ciencia, aínda que infelizmente debamos lamentar a escasa presenza do noso idioma neste ámbito, como costuma acontecer en xeral coas lingua minorizadas. Son estas, precisamente, as máis necesitadas de prestixio e o galego non pode renunciar a el mediante o seu emprego na ciencia. Aínda admitindo o dominio do inglés neste ámbito, debemos loitar porque o galego teña tamén aí o seu espazo. Para iso precisamos dotalo das ferramentas máis acaídas tanto no relativo aos aspectos prosódicos e ortográficos como á morfoloxía lexical (procedementos derivativos e compositivos, empréstimos, decalques etc.), á semántica dos termos (sinonimia, antonimia, interferencia etc.) ou mesmo á morfosintaxe científico-técnica. E isto é o que nos ofrece o extenso e completo libro de Garrido e Riera, que conclúe cun utilísimo glosario de termos técnicos citados. Eis, por conseguinte, un instrumento valioso para podermos facer ciencia en galego seguindo un modelo propio e non dependente do español. Porque tamén é evidente que para que o galego se aproveite do prestixio que lle pode dar o uso científico, debe ter o seu propio modelo, á marxe do da lingua de interferencia e en estreita conexión coa variante normalizada do seu propio sistema.

Esta é a focaxe da obra, que está redixida na norma reintegracionista adaptada pola Associaçom Galega da Língua ao Acordo Ortográfico da Língua Portuguesa -felizmente aplicado por fin en Portugal e no Brasil- e que contempla as solucións para un galego científico-técnico desde a harmonización cun estándar internacionalmente consolidado. Nesta liña, podemos afirmar que o manual de que falamos é de inspiración sesquilingüista, pois desde o galego ábrenos a unha comunidade científica moito ampla con que facilmente nos podemos comunicar. Independentemente da norma da escrita, a obra é de grande interese e axuda tanto para quen utilizar o galego oficial como o reintegrado ou mesmo o portugués. De seguirmos as súas propostas e solucións, estaremos construíndo con certeza un modelo de galego científico-técnico descastelanizado e auténtico, capaz por iso de recadar o prestixio preciso nese ámbito. De paso, deixaríase ben en claro que en galego tamén se pode facer ciencia e que o galego está perfectamente capacitado para vehiculizar o ensino da Matemática, das Ciencias Naturais ou de calquera disciplina tecnolóxica, embora as autoridades da Consellaría de Educación, lamentabelmente, non acrediten nel.

En resumo, vivimos nun mundo en que o plurilingüismo está a cada paso máis presente nas nosas sociedades. Mais isto nunca debe servir de escusa para renunciarmos á nosa lingua propia nin para a secundarizarmos. Resulta evidente que o inglés domina no mundo científico, mais o galego tamén debe estar presente nel e aproveitar todo o potencial que lle dá a súa estreita e privilexiada vinculación co (galego)portugués estendido polo mundo, nomeadamente no Brasil. Ao mesmo tempo, o inglés non debe utilizarse como desculpa para tentar reducir ou anular a enriquecedora diversidade de linguas existente na humanidade, nin na Europa nin na península ibérica. Face á tendencia ao imperialismo lingüístico (do inglés, mais tamén do español e doutras linguas dos grandes estados), o sesquiligüismo preséntase como unha alternativa digna de ser considerada. O que está a acontecer no mundo da ciencia non podemos permitir que se estenda aos demais ámbitos da vida. Polo contrario, e polo que a nós atinxe, debemos loitar pola hexemonía do galego en todos eles. Na Galiza, en galego, como se vén reclamando desde hai tempo

Ningún comentario:

Publicar un comentario