Hai pouquiño máis dun ano, con motivo da saída do meu libro En castellano no hay problema, este mesmo xornal facíame unha entrevista sobre a situación do idioma galego e das institucións culturais do país. Unha das preguntas era esta:
A poucos días para que se celebre o 17 de Maio, é necesario repensar o Día das Letras? E a RAG?
Penso que é bo que se consolide que o Día das Letras sexa unha xornada para saírmos á rúa, celebrarmos que temos unha lingua propia e mobilizármonos na súa defensa. Agora a cuestión é vermos se somos quen de consolidar aspectos que se foron corrixindo nos últimos anos. A RAG ten moitas cousas aínda por mellorar, mais está a ollos vista que se encontra nun dos mellores momentos da súa historia. Hai un antes e un despois da valente defensa do galego que realizou Xosé Ramón Barreiro diante do propio presidente da Xunta. Esta centenaria entidade ten catro retos a curto prazo: consolidar o seu aplaudido papel institucional de defensa do galego, abrirse e fomentar as relacións co sistema lingüístico ao que pertencemos (non me refiro só a nivel de estándar, que tamén), garantir unha representación plural das voces que conforman a cultura galega e corrixir de forma urxente a infrarrepresentación das mulleres. A verdade, non entendo como se pode seguir nomeando académicos varóns cando as mulleres, que teñen tantísimo peso na vida cultural galega, case non ocupan asentos na RAG.
Algunhas destas carencias da Academia Galega ficaron demasiado en evidencia, mesmo agresivamente en evidencia, despois do plenario da pasada fin de semana. Por iso quero volver a chamar a atención sobre estes catro retos, coa esperanza de que máis cedo que tarde sexan atendidos:
1) Consolidar o seu aplaudido papel institucional de defensa do galego
Agora que a Academia se encontra nun momento económico moito mellor (grazas á emenda presentada polo BNG no Congreso, asumida polos outros grupos, para conseguir unha dotación dun millón de euros ao ano por parte do Goberno central), non hai escusa para que non comece a actuar tamén na extensión social da lingua, como por exemplo fai o seu homólogo Institut d"Estudis Catalans. Estoutra entidade non só se encarga de estabelecer o estándar oficial ou tomar o pulso da gramática, senón que tamén se dedica a xestionar a introdución do seu idioma a novos ámbitos, un aspecto no cal aínda non hai ningunha experiencia na institución galega. Por pórmos un exemplo de actualidade, varias xestións que nos últimos tempos está a facer A Mesa coa empresa Movistar, no caso catalán emprendeunas, xa hai algún tempo, o Institut d"Estudis Catalans. Está moi ben que se levase aos tribunais o decretazo contra o galego, mal chamado decreto do plurilingüismo, porén é aínda moito máis o que se podería facer, tanto nese ámbito como noutros: administración, medios de comunicación, comercio, relixión, tecnoloxías, edición, música, etc. A participación activa da Academia Galega suporía un importante revulsivo para normalizarmos o noso idioma.
Aliás, coas maiorías absolutas do PP no Concello da Coruña e na Deputación da Coruña, ábrese un momento en que se van utilizar estas dúas administracións como arietes para tombar a Lei de normalización lingüística. A pretensión, anunciada aos catro ventos por Alberto Núñez Feijóo e Carlos Negreira -coa complicidade e apoio do secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo- é deixar sen efecto o artigo 10 desta Lei, que estipula que os nosos topónimos teñen como forma oficial a galega, a xenuína. Oxalá a Academia encabece a resposta institucional e social a este anunciado ataque!
2) Abrirse e fomentar as relacións co sistema lingüístico a que pertencemos
Non fai sentido que a Academia Galega permaneza sen relacións internacionais coas institucións oficiais de Portugal, Brasil, etc. e que nin se interesase formalmente por participar, aínda que fose como observadora, no proceso de consenso a que se chegou para o estándar lusobrasileiro. Eses cambios non deberían sernos indiferentes en Galiza.
3) Garantir unha representación plural no seu plenario das voces que conforman a cultura galega
Por exemplo, en Galiza hai tres universidades con tres departamentos de Galego. Por que só entran membros procedentes da Universidade de Santiago de Compostela, cando estes son tan meritorios como os da Universidade de Vigo ou da Universidade da Coruña? Tal corporativismo é bo para a cultura galega? Non debería, por exemplo, a gramática que agora está a elaborar a Academia Galega contar con participación dos tres centros universitarios? Por que non se quere estender o espírito que levou ao consenso de 2003?
Neste punto temos que incluír tamén o triste sectarismo que leva a que non se lle queira dedicar o Día das Letras a unha das figuras fundamentais da nosa cultura e da nosa lingua no século XX: Ricardo Carvalho Calero. Cando xa pasaron máis de dúas décadas desde o falecemento do escritor, investigador e activista, o que está a acontecer na rúa Tabernas non pode menos que considerarse un desprezo lamentábel, que ensombrece as mudanzas positivas que nos últimos tempos se desenvolveron na Academia.
4) Non entendo como se pode seguir nomeando e como poden seguir tomando posesión académicos varóns cando as mulleres, que teñen tantísimo peso na vida cultural galega, case non ocupan asentos na RAG
Dixen xa moitas veces en público a miña opinión de que todos os novos membros que entrasen na Academia Galega deberían ser mulleres, até acadar unha mínima igualdade. Nomes sólidos hai abondo: María do Pilar García Negro, Teresa Moure, María do Carme Kruckenberg, Marica Campo, María Xosé Queizán, Marilar Aleixandre, Uxía Senlle, Laura Tato e un longuísimo etcétera.
Este debate tivo ademais unha especial incidencia social e mediática nos últimos tempos, mais non moveu nin un milímetro o proceder do seu plenario, que persiste nunha actuación machista, excluínte, que debería ser propia doutros tempos.
É tan retrógrado o seu proceder neste aspecto que, se a Academia fose un organismo público, tería unha composición ilegal, por discriminatoria. Asístelle toda a razón a María Reimóndez cando denuncia que, se Rosalía de Castro vivise na actualidade, seguramente non sería aceptada na Real Academia Galega. Non é pouco dicir..
Ningún comentario:
Publicar un comentario