A RAG decidiu dedicarlle o Día das Letras Galegas 2012 a Valentín Paz Andrade (Lérez 1898-Vigo 1987), fronte a unha serie de propostas con argumentarios serios que incluían, por exemplo, Xosé Fernando Filgueira Valverde e Ricardo Carvalho Calero, dúas candidaturas pares coa do polifacético empresario. Nin eu nin o cronista sabemos, como é lóxico, as razóns que levaron os presentes na deliberación a se pronunciar a favor do grande amigo e biógrafo de Castelao, pero polo si ou polo non, tanto o cronista coma un servidor coidamos que a bóla caeu na casiña deste con toda xustiza, toda vez que Paz Andrade, con igual ou máis méritos, pero sobre todo cunha cronoloxía que debería primar en casos de empate, vira pasarlle por diante, xa fose en vida (Manuel Antonio, 1979, Amado Carballo, 1982, Iglesia Alvariño, 1986), xa dende o alén (Celso Emilio Ferreiro, 1989, Cunqueiro, 1991, Avilés de Tarmancos, 2003, María Mariño, 2007, Novoneyra, 2010) unha serie de nomes de indubidábel valor para Galicia pero máis novos, e mesmo por veces moito máis novos, que ben poderían esperar quenda, por máis que a moitos nos alegrase ver os amigos xa desaparecidos no centro das homenaxes institucionais e populares.
O criterio cronolóxico, xunto co valor simbólico, a presenza no campo cultural e a situación no canon literario, que nun principio, mutatis mutandis, semellaban ser os que prevalecían no ánimo da institución (1963, dedicado a Rosalía de Castro, nada en 1837; 1964, a Castelao, nado en 1886; 1965, a Eduardo Pondal, nado en 1835; 1966, a Francisco Añón, nado en 1812, etc. ) deixaron de aplicarse estritamente bastante pronto, pero, en calquera caso, durante algúns anos, os nomeados pertencían sempre a unha banda etaria suficientemente vedraia e distante da actualidade como para que a sociedade os percibise como clásicos e como autoridades a venerar nunha implícita confrontación entre antigos e modernos, ao xeito da histórica polémica europea ou querelle des Anciens et des Modernes que mesmo en Galicia adquirira certo valor sistémico xeracional ao enfrontar vellos/ novos na Época Nós (1916-1936).
Perante isto, e dando por bos os criterios cronolóxicos cando os nomes a barallar presentan méritos semellantes e sobrados, Valentín Paz Andrade (1898-1987), cunha presenza xa moi activa na emerxente Galicia moderna de 1920, ben pode pasarlle por diante a Filgueira (1906-1996) e a Carvalho Calero (1910-1990), aínda que tamén ambos os dous comezaran moi novos a loitar pola causa: Filgueira, con presenza na fundación do Seminario de Estudos Galegos (1923) e cunha infatigábel actividade cultural até a súa morte; Carballo na creación do Partido Galeguista (1931) e, así mesmo, permanente referencia do galeguismo político e cultural que culminou o seu labor rexentando unha merecida cátedra universitaria chea de dinamismo enriqueccedor e polémico.
Calquera dos tres merecerían ser nomeados pantocrator 2012, así que, desde hoxe mesmo, haberá que comezar a centrar a atención no autor da sentida elexía Pranto matricial (Buenos Aires: Ediciones Galicia, 1955) primorosamente tecida en lembranza do seu grande amigo Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, nome e apelidos do rianxeiro que o propio Valentín converteu con inxenio, anagramaticamente, en Estrela zodiacal, guiador noso na fe..
Ningún comentario:
Publicar un comentario