por Bieito Lobeira, en Terra e Tempo:
Manipulo a mantenta o título do filme "Sexo, mentiras e fitas de vídeo", comedia dramática norteamericana, do mesmo xeito que PP e PSOE manipulan a información relativa á Proposición de Lei, por eles tamén pactada, de modificación da Lei da CRTVG. Velaí outro bon exemplo de comedia dramática, neste caso máis perralleira. En concreto no referente ao papel dos medios de comunicación de titularidade pública, Televisión de Galiza e Radio Galega, no que ten a ver coa lingua galega.
O pasado 10 de xuño facíase público o acordo PP-PSOE para a reforma do marco legal desta Compañía pública. Afirmaban os respectivos portavoces do PP e PSOE que por esta vía se "blindaba" o galego na TVG e Radio Galega. O que é a vida. Ese mesmo día, case á mesma hora, o PP (e a abstención do PSOE) rexeitaban unha iniciativa parlamentar do BNG para dignificar e galeguizar plenamente a CRTVG. O grande argumento para botar abaixo a nosa proposta -agarraivos- foi o de que "o nacionalismo pretende unha TVG e Radio Galega monolingües". O que entraría no terreo da lóxica máis esmagadora convértese nun terríbel delito. Pois si, un monolingüismo similar ao de TVE, Tele 5, Antena 3, Cuatro, La Sexta, Clan TV,... mais en galego. Vaia pecado! Solicitar para nós o que outros xa teñen, e en inxusta proporción. Multiplícase a oferta televisiva en español (através da TDT), mentres o galego se reduce en exclusiva á TVG e, por extensión redundante, á G2.
PP e PSOE chegaron a un pacto, mais ese acordo pretende afondar no actual proceso, máis visíbel dende o acceso do PP ao Goberno galego, no 2009, que provocou un significativo retroceso na función galeguizadora da TVG e Radio Galega, mesmo no uso do noso idioma, degradando a súa corrección e introducindo directamente o español (ou o inglés: Teletubbies, Dawson Creek) para desprazar o galego.
Desgaleguización lingüística e de conteúdos. Á evidente e acusada dependencia respecto da axenda informativa, cultural e ideolóxica que se marca dende Madrid a fin de remarcar unha dialéctica informativa e comunicacional na que Galiza non sexa centro, senón periferia, súmanse tamén calculados usos lingüísticos que remarquen o esquema diglósico e conflitivo que padece o noso idioma: A Radio Galega no seu espazo informativo matinal entrevistará integramente en español durante varios minutos a un "experto" que opinará sobre o futuro de Novacaixagalicia (na Galiza parece que non hai opinións solventes ao respecto, e moito menos expresadas en galego), mais si figurarán entrevistas en galego na TVG referidas á festa do polbo do Carballiño ou ao medre de tubérculos descomunais nalgunha explotación agraria. A reprodución interesada, en definitiva, dos peores e máis inxustos tópicos inculcados historicamente no noso pobo, segundo os cales o galego non é idioma apto para falar de economía, mais si para o ámbito doméstico, familiar, coloquial, ou vinculado a un medio rural tamén deformado para o asociar cunha imaxe de atraso que cumpre superar.
É habitual, e o pasado 10 de xuño votaron en contra de eliminar esta práctica perversa, que agora nos espazos de opinión e análise política se introduzan "tertulianos" que utilizan sistematicamente o español, mesmo provocando -é posíbel comprobalo no espazo "A Crónica", da Radio Galega- que o resto de participantes abandonen o galego e pasen a debater e intervir en español. Esténdese este criterio ao peculiar programa da TVG "Foro Aberto", xa coñecido popularmente como "Foro Alberto".
É perceptíbel tamén a degradación hibridizante no uso do galego en numerosos espazos, tanto do punto de vista fonético e prosódico como do sintáctico ou lexical. Disto teñen xa falado colaboradores do "Terra e Tempo" tan solventes neste ámbito como Xosé Ramón Freixeiro Mato ou Xosé Manuel Sánchez Rei. Até no "Land Rober" é posíbel ouvirmos, nunha forma lingüística de pretensión exaxeradamente popular "madre", "Órdenes" (topónimo), "me lo papo", "prueba", "pa la juventú", ao tempo que participan convidados españois (con criterios, por certo, esencialmente horteras) que non falan en galego. E isto non é ningunha caste de dignificación ou fidelidade coa fala popular. É simplemente un exercicio de desleixo co noso idioma que non é de recibo nuns medios creados xustamente para todo o contrario.
Posición e voto tamén contrarios do PP para que a emisora radiofónica temática "Radio Galega Música" contribúa a divulgar e popularizar as distintas músicas que, en lingua galega, se producen no noso país. Resulta lamentábel que nesta canle case a totalidade dos espazos musicais en sesión continua -sen interrupcións- que representa o 85% do tempo de emisión, está ocupada por producións musicais foráneas (fundamentalmente música española e en menor medida anglosaxona), ficando a rica, vivaz e diversa expresión musical do noso país completamente secundarizada e marxinalizada, practicamente excluída.
Aí está o acordo PP-PSOE e as súas mentiras. O nacionalismo galego non participou desa pantomima. Por pura coherencia. Pódese abondar en máis información e argumentos, alén dos estritamente lingüísticos, nun artigo clarificador da nosa posición crítica escrito por Ana Pontón en diversos medios de comunicación.
Mais tamén teñamos presente que non é este un caso illado ou esporádico. Lembremos como funciona o acordo PP-PSOE en casos como o da Lei de Disciplina Orzamentaria, estratexia para Galiza de fondos comunitarios, estatus do noso país na UE, protocolo de fusión e estratexia en NCG, modificación da Lei de Caixas de Galiza, Lei de Comercio interior de Galiza, Lei do Servizo de Gardacostas de Galiza, resolucións do Plano Estratéxico de Galiza 2010-2014, mantemento do encoro do Umia, Lei de protección urbanística, reforma da Lei do Solo, transferencias en materia de salvamento marítimo, supresión de deputacións, rexeitamento da declaración de Galiza como territorio libre de transxénicos, transposición de directivas da UE á lexislación galega, e tamén -lembremos- a designación do actual Director Xeral da CRTVG. Moito ruído, si. Moita dialéctica mediática e confronto aparencial. Mais non o esquezamos: PP e PSOE, PSOE e PP manteñen posicións moi similares en ámbitos fundamentais (política económica, exterior, UE, rol da Galiza no estado español) porque son pés imprescindíbeis para o dominio político de Galiza. Outra cousa é como actuemos tacticamente nese contexto, en función da actual correlación de forzas. Mais nunca perdamos de vista esa realidade. Nunca fixo tanta falta nacionalismo na Galiza.
Ningún comentario:
Publicar un comentario