Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 2 de xuño de 2011

No ILG posicionámonos contra o Decreto pois "podería parecer que 'quen cala, consente'"

Miguel Rodríguez Fernández entrevista a Rosario Álvarez,  directora do ILG, no Cartafol da USC. Na última pregunta faise referencia ao escrito enviado polo ILG no mes de xaneiro do 2010, rexeitando as bases do decreto. Tamén se fala do Atlas Lingüístico, das normativas e de prexuízos.


Rosario Álvarez é a directora do Instituto da Lingua Galega (ILG), que neste 2011 celebra o corenta aniversario da súa creación. Case medio século de traballo e investigación pola lingua galega imprescindibles para coñecermos mellor o elemento máis sensible da nosa identidade: o galego. Neste entrevista a actual directora do ILG falaranos do traballo desenvolvido nestes 40 anos e dos retos presentes e futuros deste instituto de investigación.


Van aló 40 anos dende que se creaba en Compostela o Instituto da Lingua Galega. Como mudou o ILG ao longo de case medio século de existencia?

Mudou moito como consecuencia dun proceso de consolidación: asentouse como un espazo referente de investigación e mellorou cuantitativa e cualitativamente. Ampliamos o número de membros e diversificamos as figuras profesionais que traballan no instituto, xa que partimos dun núcleo de media ducia aló por 1971 e agora andamos polos 70 membros. Ademais melloramos tamén as infraestruturas. O ILG creouse nun faiado da Facultade de Historia que pertencía ao Departamento de Filoloxía Románica, e logo de pasarmos por Mazarelos, dende o ano 84 ocupamos a casa de López Ferreiro. Esta mellora das infraestruturas redundou nunha mellora do traballo realizado e ademais supuxo o recoñecemento por parte da USC do labor levado adiante polo ILG.

Está todo feito ou aínda queda moito por investigar?

Queda moitísimo! Oxalá puideramos dicir que estamos preto de ter todo investigado, pero o traballo de tipo filolóxico ou humanístico non remata nunca. De todos os xeitos cómpre facer un balance positivo, porque todo o coñecemento que temos da realidade do galego e da súa historia era inimaxinable hai 40 anos. Os que estamos no ILG pode ser que non o percibamos tan ben, mais os que están fóra e o ven con outra perspectiva, asómbranse da capacidade de facer algo que noutras sociedades se tardou dous séculos en conseguir. Non debemos ser fachendosos, pero é así.

Cal das súas áreas de investigación tivo un maior desenvolvemento ao longo destes anos?

Non creo que poida mencionar só unha área concreta, a nós interésanos todo. Somos un centro de referencia en xeografía lingüística e un exemplo diso é o Atlas Lingüístico, sen o cal o proceso de estandarización sería moi diferente. Para elaboralo foi preciso un traballo de campo que fai que hoxe teñamos 8000 gravacións de falantes. Eu non coñezo ningún outro centro de investigación con esta cantidade de material. Outra liña fundamental é a investigación do galego medieval, tanto no tratamento dos datos lingüísticos como na edición de textos, que se ve reflectida a través do Tesouro Medieval Informatizado da Lingua Galega (TMILG). Outra das áreas importantes é a onomástica, cuxos traballos están moi vencellados ás orixes do Instituto. Por suposto tamén debemos salientar o traballo de estandarización da gramática, no que cooperamos coa Real Academia Galega, que é a responsable última de aprobar as normas.

En que novos proxectos se está a traballar dende o ILG arestora?

Un deles é o proxecto do Tesouro de Léxico Patrimonial, feito a partir das enquisas de falantes. Con el pretendemos xuntar todo o léxico que temos na nosa base de datos, extraído de gravacións, teses, memorias de licenciatura… Deste xeito imos ofrecer a posibilidade de localizar onde se di cada unha das variantes en Galicia, Portugal e Brasil. É un proxecto moi ambicioso, que ideamos nós e no que está traballando xa o comité galego, o comité portugués, que conta en Coimbra e Lisboa con nove investigadores, e unha rede brasileira de 49 investigadores distribuídos por todas as rexións de Brasil. Interésanos coñecer cales son os vías de penetración do galego no Brasil porque hai palabras empregadas aló que pensan que teñen orixe amerindia e realmente son galegas ou do norte de Portugal.
Estamos traballando tamén no Atlas Prosódico, como parte do proxecto chamado Atlas Multimedia Prosódico de Espazo Románico, no que participan diferentes comités europeos; os comités galego e portugués colaboran para investigar as semellanzas e diferenzas entre a entoación galega e portuguesa. Ademais, aproveitamos a información deste Atlas Prosódico para facer estudos de variación lingüística, de dialectometría. Así, aplicamos os datos do Atlas nunha serie de programas de xeito que reflicten sobre o mapa cales son os puntos de Galicia onde existe maior ou menor similitude atendendo a determinadas variables.
Dentro da sección de sociolingüística están traballando no proceso de codificación do galego dos dous últimos séculos, pero sobre todo do século XX. E finalmente, tamén estamos a desenvolver o dicionario histórico ou odicionario de dicionarios. Son, realmente, moitos proxectos en curso.

Cales son os grandes retos que debe afrontar o ILG de cara ao futuro?

Son moitos os proxectos en curso que hai que rematar. O que pretendemos é dar un salto importante a medio-longo prazo na divulgación dos resultados das nosas investigacións, mellorando o aproveitamento das novas tecnoloxías. Estar á vangarda tecnolóxica foi algo que distinguiu sempre o ILG.

Para parta destas investigacións os propios falantes son a fonte principal. De feito, tedes recollidos testemuños de falantes de case a metade das 3.400 parroquias do país. A mingua do galego nalgunhas zonas dificulta ese traballo de investigación das falas?
Non, o problema para este tipo de investiación non é a perda de falantes, senón que a sociedade mudou moito económica e culturalmente. Hai trinta ou corenta anos, cando comezamos as enquisas polos anos 70, non había un televisor en cada casa. Era moi fácil atopar o informante ideal, máis illado do resto do mundo e cunha vida social máis endogámica, que mantiña os trazos dialectais propios da zona, e agora, esa figura do falante sen contaminar, xa non existe practicamente. De todos os xeitos iso non é un problema para a lingua, xa que os idioma sempre mudan co tempo, e xa ao longo da historia déronse procesos de superioridade dunha variedades dialectais sobre outras. Simplemente, son manías de dialectólogo.

Parte do voso traballo está orientado a coñecer a realidade da lingua e das súas variedades. A diversidade que hai dentro do galego enriquece a nosa lingua? Ponse en valor ou menosprézase?

Por suposto, a variación lingüística é unha riqueza, un valor. Por unha banda,  o feito de que haxa variantes da lingua implica un grao importante de viveza, de instalación social, e por outra banda, cantas máis variantes coñeza alguén para dicir o mesmo, máis destreza ha ter para usar esa lingua.

Socialmente sobre as linguas minorizadas sempre cae unha especie de acusación minusvalorativa, realmente porque as linguas minorizadas están en proceso de estandarización. Mais o certo é que os galegofalantes tenden a pensar que o español é aquilo que está no libro de texto e non se dan conta de que, se en lugar de vivir en Chantada vivisen en Cuenca, tamén habería diferenza entre o que falan e o estándar.

Algunha xente de a pé di que a normativa do galego anda cambiando cada pouco, o cal lles serve de xustificación para non falalo. A que se debe este tipo de impresións que non se dan tanto sobre castelán ou outros idiomas?

Eu creo que se xoga con esa mentira para alimentar os discursos contra o galego. Quen di que non fala galego porque cambia a normativa continuamente podía, logo, quedar nas Bases do ano 1976! Alegan unha escusa inaceptable. O español acaba de cambiar a norma panhispánica e ninguén rachou as vestiduras. Cando eu estudaba, a forma verbal española dio levaba til e antes de rematar os estudos eliminara o til. Ninguén se queixou nin insinuou deixar o castelán por iso. A grafía é unha convención e se non podemos cambiala, apañados estamos.

Cal foi a maior achega que lle fixo á lingua e á sociedade o Instituto logo destes 40 anos?

A contribución ao proceso de estandarización e, polo tanto, a elaboración do Atlas Lingüístico Galego.

Esta estandarización sempre deu lugar á polémica e parece que aínda non se chegou a un consenso total. É posible normalizar unha lingua mentres exista división no ámbito da normativa?

Os problemas dificultan todo, xa sexa na normalización ou na asociación de veciños. A existencia de problemas no tema da normativa axuda ademais a crear unha atmosfera de «nin eles mesmos se estenden» que alimenta esas campañas de desprestixio contra o noso idioma. Houbo momentos nos que a polémica foi dura e deixou moitas feridas e moitos feridos polo camiño, pero en canto miramos ao redor vemos que estes conflitos son habituais. Non houbo procesos de estandarización limpos, sen discusións durante séculos. Pola banda que nos toca, esta polémica creouse cos círculos lusistas e hoxe en día é na lusofonía onde tamén están tendo un conflito coma o noso, pois chegaron a un acordo ortográfico con moitos problemas de configuración que está dando lugar a divisións; a reforma non está sendo doada e se non saen as cousas como deberan, pódese crear unha fractura entre o portugués do Brasil e o portugués europeo. Nos procesos de estandarización do catalán e o italiano tamén pasou algo polo estilo, así que o problema normativo non é algo que teñamos só os galegos, como moita xente pensa.

O ILG non acostuma tomar posicionamento en cuestións de carácter político ou institucional. Porén si que o fixo no caso do Decreto do plurilingüismo. Por que?

Non acostumamos saír á escena política porque o noso cometido é outro,  mais isto non quere dicir que sexamos indiferentes: traballamos nunha liña que deixa inequivocamente clara a nosa posición co galego. Naquel momento había unha contestación social moi forte e cremos axeitado fixar posición aínda que só fose excepcionalmente; onda non, podería parecer que «quen cala consente».

Ningún comentario:

Publicar un comentario