Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 7 de xuño de 2011

A falsa posición

Os libros de artmética mercantil foron "best sellers" no XV. Hoxe considérase que debido ao seu elevado prezo eran  eran adquiridos polas casas de mercadorías para lexitimar a súa actividade. Por esta razón os primeiros libros de matemáticas impresos na historia eran desta temática. O primeiro deles, a Aritmética mercantil de Treviso foi publicado no 1478. O segundo, Summa de l´art d´aritmètica, de Francesc Santcliment, sería publicado no 1482 en catalán.
Un dos contidos do libro consistía na explicación do método da falsa posición que permitía resolver problemas que se ecuacionan da forma ax=b. Trátase de supoñer un valor para x,  a falsa posición, para despois dun breve proceso chegar á solución verdadeira.
O mellor para saber en que consiste o métido da falsa posición é pensar nun exemplo: a suma dunha cantidade e a súa cuarta parte é 15. Cal é esa candidade?.
Primeiro,supoñamos por un momento que o número buscado é 4.  Como a súa cuarta parte é 1 a suma dará 4+1=5. Non obtemos 15 polo que realmente 4 non é a solución, só é a falsa posición. Agora ben, se multiplicamos 5*3=15, polo que parece razonable que solución consita en multiplicar a falsa posición, 4, tamén por 3 (e dá 12). Efectivamente , se a 12 lle sumamos a súa cuarta parte (que é 3) temos como resultado 15, tal e como indicaba o enunciado do problema

500 anos despois aparece a primeira publicación de matemáticas en galego. Neste caso non é un incunable, senón a obra Matemáticas 1 do "Colectivo Vacaloura", redactado por un grupo de máis de cincuenta profesores sobre uns apuntes experimentados durante meses con máis de setecentos alumnos. O libro ve a luz no ano 1979 e será o primeiro libro de Edicións Xerais, cando a editorial comenzaba a súa historia baixo a dirección Xulián Maure. Curiosamente nese mesmo ano apróbase o tristemente coñecido como Decreto de Bilingüismo que, na práctica, viña a prohibir a impartición de aulas noutra lingua que non fose o castelán.
Este libro representa as ansias do profesorado de realizar o seu traballo na súa língua, rompendo barreiras. Polo tanto o libro do "Colectivo Vacaloura" é unha bandeira que hoxe pode volver a izarse contra a zunia imperante no goberno da Xunta. As medidas que se enmarcan dentro da política lingüística dos últimos tempos, aínda que son vendidas como a solución ao conflito lingüístico presente en Galicia, veñen sendo na realidade un trasunto da falsa posición. E para adecatármonos de que isto é así basta con sumar 4+1 e comprobar que non dá 15.

P.S.:Polo obvio do caso non vou a entrar a considerar as diferenzas das situacións sociolingüísticas de Galicia e Cataluña pois boa metáfora das mesmas e das súas respectivas historias son as portadas dos libros aquí retratadas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario