Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 22 de xuño de 2011

A megafonía do galego

por Pilar García Negro en Terra e Tempo:

En artigo recente neste mesmo meio, Bieito Lobeira puña o dedo na ferida verbo da futura lexislación da CRTVG, que aínda poda supoñer un menor degrau de galeguización do que existe. A Lei vixente, 9/1984, con nada menos que vintesete anos de existencia, non prevé o servizo á galeguidade das dúas sociedades, a radio e a televisión públicas, como algo adxectivo ou tendencial, senón como algo substantivo, consubstancial á mesma natureza e existencias destes dous meios de comunicación. Reléanse os seus artigos e comprobarase esta afirmación, tanto no que di a respeito da identidade xeral da Galiza, canto á exteriorización da súa lingua, e con particular atención á cultura distintiva do noso país. Estes principios, incribelmente, están lonxe de se veren cumpridos. Eis as deficiencias principais, xa coñecidas e denunciadas desde hai moito tempo:

(a) a imaxe dun idioma galego normal e xeralmente usado está decote quebrado pola introdución de emisións en español, a través de convidados-as foráneos (ou internos) que se expresan neste idioma, para alén da contratación inmisericorde de todo canto-a artista español-hispanoamericano existir, mesmo de figuras en franco declive no entramado musical español, con ausencia clamorosa de artistas galegas-os, portugueses-as, brasileiros-as ou en lingua portuguesa;

(b) a percepción provocada de que a Galiza non contén nela expertos-as nos temas verdadeiramente "importantes" e as súas voces  -as voces galegas-  son aptas só para "domestic flights";

(c) o reinado do castrapo máis inclemente e devorador;

(d) a oferta de continuas leccións de diglosia, onde esta non só non é cortada, senón reforzada con tais prácticas;

(e) o confinamento da programación cultural en horas e espazos de vocación minoritaria;

(f) a desorbitación informativa, sempre pendente do centro español-europeu-norteamericano, con reforzo constante do carácter apendicular -léase sobrante- da realidade galega;

(g) o descarado uso das ondas e da pantalla como terminais da acción gobernamental da Xunta de Galiza e, aínda máis, do Partido Popular.

Esta listaxe admitiría, por suposto, moitos máis itens. Abonde con reiterar que, após 27 anos de vixencia da lei mencionada, os seus obxectivos non se cumpriron e, aínda, no canto de lento progreso, pódese falar de involución, ao compás dunha vaga reespañolizadora-desgaleguizadora crecente. O cálculo, neste sentido, é total. Algúns exemplos: a Radio Galega Música, só con programación musical, dedica a súa diurna ao imperio do español e do inglés. Chegamos á noite e madrugada (a programación "pornográfica", que diciamos no noso tempo de portavoz parlamentar do BNG na Comisión de Control da CRTVG) e, supetamente, muda o panorama completamente: unha oferta de música boísima. ¿A que chamo tal? A música variada, onde, ouh, milagre!, podemos ouvir e escoitar música en galego (tradicional e moderna), cantantes portuguesas-es, caboverdianas, italianas-os, música en francés... Embárganos a emoción!: hai vida musical fóra do español e inglés! Nunca o daríamos imaxinado! Mais a ilusión da noite fina co día e, de novo, voltamos ao "normal", no seu duplo sentido: o habitual e o prescritivo. De novo ficamos embargados mais non pola emoción, senón polo embargo en si, isto é, polo furto constante que da nosa música, e doutras, se fai na programación de maior audiencia, a diurna. Moralexa: cómpre ser noctámbulo-a, rendista, desocupado-a... para ser fiel á programación musical nocturna.

Contertulios-as de diferente laia e condición poden estar discutindo minutos e minutos sobre feitos, decisións, actos... que nada a ver teñen con algo que desde a Galiza se poda arranxar ou, sequer, transmitir. E, obviamente, non me refiro ao dereito de valorar, desde a Galiza, calquer episodio internacional, senón a como se utiliza deliberadamente esta externalización informativa, para esvaír ou anular aquelas fontes de información netamente galegas que deberan ser centro, e non periferia ou accidente, do painel da programación.

Ora ben, mal faremos se nos apontarmos a un consumo resignado dos meios de comunicación que todas e todos pagamos. Como tais consumidores, podemos  -e suxiro que debemos- facer chegar a nosa voz ás-aos responsábeis das dúas sociedades e mais aos xefes de programación correspondentes. En calidade de que?: en calidade de ouvintes-telespectadores da Radio e da Televisión Galegas, con dereito indisputábel a que se cumpran, como mínimo, os principios reitores da creación da CRTVG.

A megafonía do galego -isto é, a súa proxección pública e con vocación de masividade social- é unha crianza entangarañada, falta de calcio, iodo e todas as proteínas e vitaminas imaxinábeis. No noso XIX, Curros e Lamas Carvajal, en senllos poemas, denunciaban o fatalismo do tangaraño e, como bons ilustrados, demandaban acabar coa superstición e aplicar os remedios de alimentación, hixiene e cuidados médicos precisos para terminar con tan lacerante lacra evitábel. Igualmente, a megafonía da lingua galega  -tan obstaculizada, entorpecida, problematizada- necesita duns meios de comunicación públicos que, mesmamente, naceron para garantírena e promovérena. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario