por Robert Neal Baxter, no Terra e Tempo:
Referinme noutro artigo á falta de precisión á hora de definir o termo 'bilingüe', un dos piares teóricos básicos sobre os que se alicerzan os argumentos de quen avoga por 'renovar' o discurso lingüístico do nacionalismo galego. No entanto, por moito que se adoite barallar o concepto de 'bilingüismo' como se se tratase dun concepto científico claramente definido, este artigo pretende demostrar que, lonxe de existir calquera consenso ao respecto, os usos reais que se fan do termo son tan plurais e diverxentes que acaba non significando absolutamente nada. Así, o leitmotiv do 'bilingüismo' deixa de valer como ferramenta para a plena normalización social do galego, que é o único que nos debería preocupar.
Ante todo, pois, cómpre distinguir entre 'comunidades bilingües' -por comodidade empregaremos aquí o termo 'bilingüe' para nos referirmos a calquera situación onde conviven máis de unha lingua- e 'individuos bilingües'.
O concepto de 'comunidade bilingüe' (por 'comunidade' enténdase 'país' ou 'estado' segundo o caso) é complexo e variado e mesmo excluínte, ao non adoitar incluír aquelas comunidades onde conviven unha variedade de linguas traídas da inmigración, independentemente do seu peso. Por exemplo, no Reino Unido 570,000 persoas falan panxabi, dez veces máis que o gaélico escocés, mais non por iso se adoita considerar un 'país bilingüe'. Tampouco se adoitan clasificar como 'comunidades bilingües' aquelas con linguas de seu sen recoñecemento oficial, como a Bretaña. É dicir, habería 'comunidades bilingües' de iure e de facto, sen que exista unha coincidencia simétrica entre ambas. Mais, aínda dentro do marco reducido das comunidades oficialmente bilingües, a concepción do que 'bilingüe' quere dicir abraia pola súa diversidade: desde unha minoría de casos onde existen varias linguas cooficiais en todo o territorio (11 na África do Sur, 4 na Suíza, etc.), até o máis frecuente de linguas cooficiais dentro dun determinado territorio reducido, como por exemplo as linguas do Estado español cuxos falantes carecen de dereitos fóra das súas respectivas Comunidades Autónomas. Nunha palabra, o concepto de 'comunidade bilingüe' é tan nebuloso que deixa de ter sentido como marco teórico útil fóra do ámbito de cada caso concreto.
Por outra banda, sería inxenuo pensar que as comunidades bilingües estean (necesariamente) compostas, ás súa vez, por individuos bilingües. Neste sentido, o caso da Bélxica é paradigmático mais, desde logo, non único: un estado composto por varias comunidades lingüísticas basicamente monolingües, onde mesmo a comunidade oficialmente bilingüe de Bruxelas, enclavada no territorio histórico de Flandres, se está a tornar cada día máis unha comunidade monolingüe francófona na práctica.
Mais o que é que se entende exactamente por 'individuo bilingüe'? A primeira observación coincide coa feita a respecto da definición excluínte de 'comunidade bilingüe'. Como por norma un individuo 'bilingüe' se entende como aquel que ten igual capacidade e dominio lingüístico en varios idiomas, non se adoita cualificar de 'bilingües' falantes non nativos, por moi ben que falen unha segunda lingua na que non foron criad@s desde pequen@s. Esta relación que se estabelece entre 'falante bilingüe' e 'falante nativo' é tanto máis importante no caso de linguas como o galego ao excluír de facto @s neofalantes, que non se consideran propiamente 'bilingües' - sempre terán eivas e lagoas, como quen escribe. Mais non nos podemos permitir o luxo de prescindirmos de quen, a todas luces, vai ser garante en grande medida do futuro do idioma. Acho infinitamente máis beneficioso -por moi pouco 'bilingües' que foren en termos de dominio lingüístico- un/ha neofalante activ@ do que cen falantes nativos bilingües potenciais que se decantan polo español como lingua habitual ou exclusiva (e que cabería activar tamén como galegofalante monolingüe).
Eis o miolo da cuestión. Non se pode falar de 'falantes bilingües' ao describir quen sabe varias idiomas mais opta por un deles. Iso é, a trampa na que caen algunhas persoas ao non distinguiren entre a capacidade potencial e o uso activo real.
Esta é a única realidade: o monolingüismo, quer en español, quer en galego. Ou unha alternancia diglósica entre ambos os monolingüismos segundo o prestixio que se lle acorde a cada unha das linguas. Talvez resulta obvio, mais cabe apuntar que, por moitas linguas que se saiban, non se pode utilizar máis de unha á vez. Un exemplo moi elocuente diso e das súas consecuencias achámolo no manifiesto/manifesto colgado na páxina oficial da acampada no Obradoiro: só un/ha militante concienciado/a se molestaría tan sequera en comprobar se existe unha versión traducida ao galego despois de ler o texto orixinal en español colgado en primeiro lugar.
Non pequemos de acomplexad@s. Hoxe máis que nunca, o nacionalismo precisa de ideas claras e de mensaxes claras de cara á sociedade no canto de discursos confusionistas de media tinta. Non podemos renunciar aos nosos principios básicos, entre os cales destaca a defensa do galego como lingua da Galiza, nun desacertado afán de fuxirmos da imaxe distorsionada de 'radicais excluíntes' que os medios españolistas pretenden impor non só na sociedade, senón tamén en nós mesm@s.
O concepto de 'bilingüe' resulta tan confuso que acaba nun sen sentido, a pesar das tentativas de concretalo con epítetos diversos, desde o 'harmónico' até o 'restitutivo'. A práctica monolingüe en galego é a única solución viábel para contrarrestar o monolingüismo español. E non se trata de excluír ninguén, senón de fomentar a instalación inclusiva do pobo galego na súa lingua patrimonial para romper coa alternancia desequilibrada entre o español e o galego que algunhas persoas denominan 'bilingüismo' e que leva inexorabelmente a un cada vez maior desgaste do galego na sociedade.
E deixemos claro que non pretendemos excluír a ninguén. Todo o contrario: para evitarmos a fractura lingüística da nación galega que queren as forzas do españolismo, defendamos a aplicación de todos os mecanismos posíbeis para que todas e todos quixeren pasarse ao galego, desde unha escolarización baseada na inmersión lingüística para corrixir as eivas provocadas polo notorio desequilibro entre o español e o galego, até a obrigatoriedade de o funcionariado público saber e usar o galego como lingua preferente cos seus contactos coa cidadanía, pasando pola defensa resoluta da utilización exclusiva da forma xenuína dos nosos topónimos en todos os ámbitos e unha radio e televisión públicas integramente en galego como contrapeso fronte ao monolingüísmo español das restantes canles. O papel do nacionalismo debe consistir en motivar a sociedade para que empregue o galego no canto do español, e defender a aplicación das medidas institucionais que vaian neste sentido. A medio e longo prazo, esta é a única 'restitución' posíbel.
Ningún comentario:
Publicar un comentario