Non podemos pasar por alto a edición do volume Ricardo Carvalho Calero: ciencia, literatura e nación que publica a UDC con coordinación editorial dos profesores Sánchez Rei e Biscainho Fernandes. O libro recolle os traballos presentados na Reitoría coruñesa ás xornadas homónimas que conmemoraban o centenario do nacemento do erudito ferrolán e o vixésimo aniversario do seu pasamento.
A relevante obra literaria e científica de don Ricardo sumada a unha personalidade que encarna os mellores trazos do galeguismo contemporáneo fan desta obra unha nova ocasión de achegármonos a unha das figuras centrais da Galiza do século XX. Subscribimos plenamente as palabras dos editores cando subliñan a valía intelectual, a honestidade académica e o compromiso co seu país e a súa lingua do autor de Scorpio. Fronte ao silencio ao que é relegado por algunhas institucións das que foi membro, a Universidade coruñesa, na que traballan algúns dos seus máis brillantes discípulos, pon en valor o legado de quen foi fillo e continuador da xeración Nós, membro principal do Seminario de Estudos Galegos ou primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galega na USC.
Tratamos e coñecemos ao autor da Historia da literatura galega contemporánea logo da súa xubilación en 1980. Nese último decenio asumiu unha defensa do noso idioma en particular e dos intereses xerais do noso país cun rigor que está presente en ducias de escritos e intervencións públicas e publicadas. Co paso dos anos a súa figura axigántase e cobra aínda máis valor a súa achega como erudito, como escritor, como profesor e como home público galego. Como todas as figuras relevantes, don Ricardo non se sumou ao discurso máis cómodo nin riu as grazas dos diversos poderes. Coñecendo o seu pensamento e a súa praxe non resulta difícil saber que opinaría dos asuntos máis decisivos do debate político, financeiro, cultural e lingüístico que presiden a Galiza dos nosos días. A súa figura e o seu pensamento estarán felizmente moi vivos neste século como o proban os contributos recollidos no volume Ricardo Carvalho Calero: ciencia, literatura e nación.
Ningún comentario:
Publicar un comentario