Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 14 de xuño de 2011

Entullo

por Xabier Queipo, n´A Nosa Terra:


Vivo nun país afastado da terra onde nacín, e dende alí, daquela atalaia teño visión anamórfica do que na terra de orixe acontece. Non vivo o día a día, a realidade esmagadora que os meus compañeiros de angueiras literarias padecen. Sei da súa loita constante na defensa e na dignificación da lingua nas varias plataformas que para ese fin se teñen construído.
Hai ataques diarios, arteiros, cheos de carraxe e de ignominia contra a esencia mesma do ser de noso, contra a lingua, por descontado, que é o noso xeito de ver o mundo, mais tamén contra as institucións culturais e os axentes culturais (o caso da Sala Nasa, centro neurálxico dunha aposta cultural intelixente e anovadora, é se cadra paradigmático, xa digo, coa ollada dende o niño da aguia).
Os ataques non van cesar, pois os voitres están empolicados no poder e coa desfeita do “mal goberno” central e os erros estratéxicos cometidos no goberno autonómico bipartito (a bicefalia foi un deses desacertos como mundos), incrementaron o seu poder. Para eles a cultura en xeral, e a cultura de raíz galega en particular, son o que se podería chamar “unha prioridade negativa”. Tamén o son por certo, a sanidade, a educación e o ensino en galego, as políticas sociais e ambientais, a ordenación do territorio e a democracia participativa.
Contra esa ondada de reacción hai que persistir no empeño solidario de construír cada día o territorio dunha cultura galega vizosa e autónoma. Nese empeño hai unha verba que eu considero esencial. Esa verba é solidariedade. Contra a maré de ataques e destrución, contra a redución das partidas orzamentarias destinadas á cultura usando a coartada da crise (e as políticas socias, por descontado, mais ese non é o obxecto deste artigo), é necesaria máis que nunca a solidariedade entre os axentes culturais do país, entre as súas institucións e os seus actores. A contribución de todos e cada un de nós é fundamental para artellar un novo rexurdimento, para evitar que estes anos nos que sufrimos a praga da sen razón e da negación interesada da nosa lingua se convertan, sen nós querelo e “polo pecado de omisión”, noutra xeira de anos escuros.
Hai ataques diarios contra a esencia mesma do ser de noso. Así, do país, da súa cultura e da súa lingua, fica un castelo en ruína, onde so quedan en pé algunhas paredes estomballadas... e o demais é entullo. Máis con ese entullo e coa forza liberadora da razón imos reconstruír cachote a cachote, laxe a laxe, perpiaño a perpiaño, o edificio da nosa cultura.
Ánimo compañeiros, sacade de dentro o mellor que hai de vós, esa carraxe creativa, esa indignación anovadora, esa ganas de vivir en liberdade, ese ímpeto democrático, esa forza de titáns atlánticos. Nós podemos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario