Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 30 de xuño de 2011

Perdemos outra batalla

por Ceferino Díaz, n´A Nosa Terra:


Asistimos con moita mágoa hai meses ao peche forzoso do semanario ANosa Terra, que abandonaba o soporte papel para ficar resistindo na rede. Tócalle agora a Galicia Hoxe, nun evidente signo de que as cousas non se están facendo ben. Que sexan precisamente dous medios de comunicación escritos integramente na nosa lingua os que paran a rotativa non pode ser casualidade.
Pese a quen lle pese, a existencia de medios de comunicación co galego como única lingua (si, tamén a televisión) é imprescindíbel para poder normalizalo, pero non só; tamén o bilingüismo harmónico precisa deses medios en aras de conquerir o necesario equilibrio.
Comezando por admitir culpas, é unha mágoa que os que dicimos defender o galego, os que nos consideramos máis comprometidos co país, non fosemos quen de lles garantir a estes medios un número maior de lectores. Dito isto, esa falla de ‘seareiros’ non pode xustificar o peche da edición en papel. Os poderes públicos –neste caso a Xunta de Galicia– teñen a obriga de defender e potenciar o noso idioma e, por ende, de apoiar aqueles medios de comunicación que naceron con esa clara vontade.
Porén, os preconceptos ideolóxicos pódenlle unha vez máis á Xunta, que castiga coa indiferenza cando non coa presión os medios que considera hostís e, seguramente, que se atreveron a empregar unicamente o galego nas súas páxinas.
Nin A Nosa Terra nin Galicia Hoxe gozaron como correspondía dun apoio especial do Goberno de Galicia pola promoción da lingua galega nin pola súa contribución á normalización. Moi ao contrario, houbo nos últimos tempos, co Goberno acabado de chegar, castigo na concesión de axudas e discriminación total no amparo indirecto a través da publicidade institucional que, por respecto aos cidadáns, debía estar presente en todos os medios.
Pobre país! O Goberno, que ten a obriga de defender a máis importe creación cultural que ao longo da Historia permaneceu como patrimonio inmaterial, esquece con chulería e frivolamente este mandato mentres que a cidadanía non somos capaces de censuralo nin de sublevarnos para manter algúns estandartes propios (os medios de comunicación en galego deberan selo).

Ningún comentario:

Publicar un comentario