A Real Academia Galega acaba de facer pública a decisión de adicar o Día das Letras Galegas 2012 a Valentín Paz Andrade. Este acordo permite facer, aínda que tardiamente, un pouco de xustiza a unha das figuras claves da Galicia do século XX. Dende logo o noso país non sería o mesmo sen a contribución de persoeiros de primeiro nivel coma Castelao, Otero Pedrayo ou Paz Andrade en circunstancias ademais extremadamente difíciles.
A súa traxectoria política ven marcada por ser un dos principais impulsores do Partido Galeguista e redactor do Estatuto de Autonomía do 1936, e despois como un dos referentes senlleiros do galeguismo no interior do país e punto de enlace co galeguismo do exilio liderado polo seu amigo Alfonso Daniel R. Castelao durante a ditadura franquista.
Na longa noite de pedra da ditadura, Paz Andrade foi detido e desterrado en varias ocasións pola súa permanente defensa dos intereses da súa amada Galicia. Neste eido o seu pensamento refléxase en textos coma Galicia coma Tarea publicado no 1959 ou na súa obra poética, era membro da xeración do 1925, na que destacan Pranto Matricial no 1954 ou Sementeira do Vento no 1968. Ao mesmo tempo esta intensa actividade política e literaria compaxinouna cunha vocación empresarial que foi decisiva para o crecemento e a expansión internacional de Pescanova, a multinacional pesqueira galega, da que chegou a ser vicepresidente. Este compromiso co mar e o sector pesqueiro veuse tamén reflectido na revista Industrias Pesqueras, da cal foi director.
A nivel internacional débese salientar que foi o primeiro galego que ocupou responsabilidades nas Nacións Unidas, concretamente na FAO, a Axencia Mundial para a Alimentación e a Agricultura. Neste sentido e como alto representante e experto da FAO visitou moitos países de América Latina, o que lle permitiu manter o contacto coas colectividades galegas espalladas no estranxeiro.
Valentín Paz Andrade (1898-1987) é sen dubida un dos exemplos máis nidios de compromiso con Galicia e lamentablemente aínda non suficientemente coñecido polas novas xeracións de galegos e galegas. O Día das Letras Galegas 2012 será unha excelente oportunidade para difundir o seu legado e recoñecer o seu papel na defensa da cultura e lingua de Galicia. Este papel amosouse dende a súa mocidade, onde Paz Andrade promoveu a creación do xornal Galicia, editado entre o 1922 e o 1926 ata o seu peche pola ditadura de Primo de Rivera, que foi dende as súas páxinas un exemplo de promoción da cultura e lingua galegas.
É moi importante agora non esquecer o traballo desinteresado e abnegado dunha xeración de galegos e galegas –da que Valentín Paz Andrade é un dos máis sinalados representantes– que contribuíron decisivamente a que hoxe podamos vivir nunha Galicia en liberdade, orgullosa da súa lingua e cultura milenarias e aberta o mundo. Felicidades e parabéns a Real Academia Galega por unha decisión que Galicia levaba moito tempo agardando.
Ningún comentario:
Publicar un comentario