Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 13 de xuño de 2011

Don Valentín Paz-Andrade

por J. V. Domínguez, no Xornal:


Alá polo ano 1982, tiven a sorte de manter unha relación persoal, sobre todo epistolar, con don Valentín Paz-Andrade. Xa tivera a honra de coñecelo dez anos antes, cando a botadura dun barco factoría da empresa Pescanova, no que eu estaba enrolado.
Naquela andaina do 1982, ocupaba eu a subdirección xeral de Pesca e portos pesqueiros daXunta de Galicia, cando fun convidado a unha charla que daba don Valentín preto de A Coruña. Presenteime a el e, a partir daquela, comecei a escribir con asiduidade na revista Industrias Pesqueras. Foi para min moi gratificante e sobre todo encheume de confianza cando recibín unhas notas asinadas por el na que me animaba a escribir e remataba cunha inmerecida loanza dos meus artigos sobre temas pesqueiros e marisqueiros: “...le felicito por la brillantez de la exposición de sus artículos y el acierto en todo su desarrollo. Su amigo V. Paz-Andrade”
Recibir tal gabanza do home que máis sabía de pesca e asuntos pesqueiros de Europa, ademais do bo escritor que el era, deume motivo para celebralo coma unha festa ademais de lle mostrar a carta, (coma quen non quere a cousa), a algún ca outro compañeiro. Tamén hei dicir que a puxen a modo de apéndice do meu primeiro libro Con el sol por la popa, no que recompilaba moitos dos artigos publicados na súa revista.
Escoitar a don Valentín, daquela que os da miña xuventude pouco ou nada coñecíamos da verdadeira historia dos homes que quixeron facer grande a Galicia, era como descubrir un novo sentimento de amor a nosa patria. Falaba da Xeración Nós, do xornal Galicia ou de Industrias Pesqueras, coma quen conta cousas da súa familia.
É que Galicia e todo o que con ela puidese estar relacionado, formaba parte desa patria íntima que sempre defendeu; unhas veces aportando a súa sapiencia contribuíndo á redacción de primeiro estatuto de autonomía de Galicia, cando outras desde a participación política a través do cariño e permanente saudade que sentía polo Partido Galeguista ou desde calquera das tribunas periodísticas como Xan Quinto e outros pseudónimos en tempos de pasadas tebras.
Por iso, agora que se actualiza o recoñecemento a don Valentín non podo deixar de darlle as grazas polo seu agarimo, mesmo cando aplicaba supostas verbas de Kipling os seus queridos capitáns, neste caso do meu pobo: “Capitáns de Palmeira, para Kipling forxados”, dicía don Valentín que así o tiña dito o inglés. Así é como recordo a don Valentín, sempre tan cordial, tan afectuoso, tan nobre persoa...
Lémbroo lixeiramente contrariado unha soa vez cando me contaba cousiñas referidas a certo persoeiro do seu tempo de loita, daquela inesquecible xeración que tanto ser lle deu a Galicia. “Xa ve meu amigo, sonlle cousas da debilidade humana”, rematou xustificando con elegancia o comportamento postremo, lixeiramente servil, daquel seu compañeiro.
Xa era tempo de lle dedicar a este home de ben o día das Letras Galegas pois, na pluralidade da súa obra, sempre aflorou o máis fondo sentimento da súa indiscutible galeguidade. Parabéns a quen tivera o acerto de propoñelo e aos que asentiron coa proposta.

Ningún comentario:

Publicar un comentario