Poño por aquí estas liñas que me publicaron nas Voces de Prolingua:
Comezou con mal pé. O día 28 de outubro de 2011 tivo lugar a sesión constitutiva da Rede de Dinamización Lingüística (RDL). Proxectada para dirixir a normalización desde os municipios anunciábase como o proxecto estrela da Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL). Dous meses despois pechaban 15 servizos de normalización lingüística. Os técnicos que viñan desenvolvendo o traballo de abrir o acceso ao uso normal do galego desde as oficinas municipais, que é presuntamente o labor da RDL, foron despedidos e seus postos eliminados.
Neste último mes de decembro a RDL celebraba unha reunión para establecer as liñas xerais a desenvolver durante este ano. Como novidade anunciaba que poría en marcha un programa piloto de bolsas de formación para técnicos de dinamización lingüística, a convocar no primeiro trimestre de 2013. Pasado o prazo non hai ningunha noticia de tal convocatoria e un non sabe xa se iso é bo ou malo. A presentación da iniciativa e os orzamentos da Secretaría Xeral de Política Lingüística facían sospeitar que se trataba dun plan para substituír con contratos precarios os servizos de normalización dos concellos. Ata o momento, nin bolsas, nin servizos de normalización.
Se facemos un repaso da actividade da RDL do primeiro trimestre deste ano podemos avaliar ata que punto dexenerou a política lingüística. A metade de toda a actividade da Rede neste período reduciuse á andaina do conta-contos 'O Señor das dunas', o único programa que se mantivo en activo xunto cos estertores dunha exposición sobre a obra de Neira Vilas ‘Querido Balbino,1961-2011. 50 anos de Memorias dun neno Labrego’ que pon en evidencia ata que extremo o funcionamento da RDL está morto. Esta exposición inaugurouse en abril do 2011, antes da posta en marcha da Rede, cando tiña algo de sentido a conmemoración. Dous anos despois continúa a celebrarse anacronicamente o aniversario porque a triste realidade é que non se fixo nada novo desde aquela. Con todo sería máis propio que a primeira destas iniciativas estivera a cargo da AGADIC e a segunda da Secretaría Xeral de Cultura. Porén a AGADIC estaba descabezada e paralizada e o departamento de Cultura centra os seus esforzos en alimentar o galpón do Gaiás e a sospeitosa Fundación Camilo José Cela.
Mentres se lle dificulta o traballo aos ENDL dos centros de ensino recortando brutalmente orzamentos e ámbitos de actuación ou impoñendo estrafalarios atrancos administrativos, a SXPL intenta inchar a galería de proxectos da Rede con actividades que se programan fóra do seu ámbito. Tal foi o caso do programa "Falaredes". Leváronse actuacións teatrais, obradoiros de hip-hop e proxeccións de cine a teatros e polideportivos baleiros nun escenario descontextualizado que aniquilaba todo o seu potencial normalizador. Paralelamente nas ateigadas aulas dos centros de ensino o profesorado dos Equipos de Normalización tiña as mans atadas coa soga económica.
A inanición da RDL é tal que nin tan sequera se enteraron de que a Axencia para a Modernización Tecnolóxica, dependente da Consellería da Presidencia, ten previsto poñer a disposición dos concellos dun tradutor automático galego-castelán-portugués. Velaí onde fica toda a transversalidade da política lingüística do actual goberno da Xunta.
O punto máis importante para o funcionamento da Rede é o da convocatoria de axudas ás entidades locais para o desenvolvemento de programas dos servizos de normalización. O orzamento para este capítulo reduciuse máis da metade desde o último presuposto do bipartito. O círculo péchase. Comézase por eliminar os servizos técnicos e acábase por afogar as vías de financiamento para manter o seu funcionamento. Ou sexa, que a Xunta entende que a mellor política lingüística consiste na que vai das mirras para as encollas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario