Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 19 de abril de 2013

Morte, u-la tua vitoria?

Outra desas perlas de Xabier P. Docampo. No Sermos Galiza:

Hoxe estiven en varios colexios de primaria. Cada curso escolar visito moitos para falar cos rapaces de libros e de lectura. É cousa que fago con gusto, práceme colaborar cos mestres e mestras que se esforzan en que no alumnado de colexios e institutos prenda o interese pola lectura e que o hábito enraíce. Tocou hoxe nunha das sete cidades máis grandes de Galicia e en dous dos seus concellos limítrofes. Alí fun, como se trata de rapaces e rapazas máis pequenos un fai por acomodar o discurso: por que lemos os que lemos?, que nos dá a lectura?, que libros penso que lles poden gustar dos que eu coñezo? Cos máis pequenos contarlles algún conto e falarmos del... e, sempre, sempre responder ás preguntas que me fan. Nin que dicir ten que eu só lles falo en galego e pídolles que eles tamén me fagan as súas preguntas nesa lingua. Como o que máis vou ao longo do ano é a institutos, en xeral, aínda que se dirixan a min de primeiras en castelán, ao pouco a conversa, mellor ou peor, pasa ao galego, mesmo en contornos urbanos. Pero hoxe estiven só con alumnos de primaria de contorno urbano e periurbano, é dicir con rapaces e rapazas de entre seis e doce anos que xa rexeron os seus estudos baixo a norma do chamado decreto de plurilingüismo.
Ben, pois dos arredor de trescentos nenos e nenas cos que hoxe estiven, máis do noventa e cinco por cento deles foron incapaces de se dirixir a min en galego. Houbo algún que non foi quen de traducir ao galego unha frase na que a única diferenza era substituír “el”, por “o”, porque as outras palabras eran iguais nas dúas linguas. A frase era: por que aparece el gato repetido en todo el libro? Non puido o bo do rapaz e o segundo artigo dicíao en castelán, de tan allea que lle soaba a lingua galega. Outros houbo que intentaron dirixirse a min na nosa lingua e non houbo maneira de que unha soa frase fose minimamente galega. Son unha xeración que xa perdeu a lingua propia do seu país.

Pero aínda pasou outra cousa curiosa. Nun dos centros presentáronme un neno dicíndome: este é o único que hai no centro que fala sempre en galego. E presentábanmo como quen pon diante de ti un fenómeno, non no sentido laudatorio que se lle dá a esta palabra no seu uso coloquial, senón naquel outro da miña infancia en que se lles chamaba así a persoas e animais, que eran exhibidas polas feiras, por teren dúas cabezas ou seis patas, coma a famosa vaca Juanita. A eses seres chamábanlles fenómenos, e así me presentaron a este bo rapaz, coma se me dixeran: “aquí tes este neno que ten rabo”. Pero non acaba aí a cousa, porque a continuación dixéronme: “ e non hai maneira de quitarllo”. Eu quero entender que a persoa que me falaba quixo dicir que era inmune á contaminación lingüística do contorno escolar e non a que o profesorado non eran quen de lle tirar o nefasto vicio de falar en galego.Chegados aquí quero preguntar aos responsábeis da educación e da normalización lingüística do goberno de Galicia: visto que xa temos unha xeración que perdeu a posibilidade de se expresar en galego, poderían dicirme que gañamos?
Vostedes diminuíron a presenza da lingua galega na escola e agora pasa isto e non pasa o que dixeron que había pasar: igual competencia en galego e en castelán e incremento do dominio do inglés. Nesta lingua, comprobeino, seguen igual: saben os nomes das cores, dos días da semana e dos números até dez. Nun dos centros tiñan un “nativo” que estaba corrixíndolles exercicios escritos, coma sempre. Díganme, están satisfeitos de que os nenos e nenas saben menos galego? Era iso o que, en segredo, pretendían?
Si, xa sei que a perda comezou pola familia que rompeu a transmisión. Pero eses pais e esas nais, téñoo ben comprobado, son suficientemente competentes en galego como para transmitir a lingua. Fixeron algo, vostedes responsábeis da política lingüística por eliminar os prexuízos que lles impedían darlles aos seu fillos e fillas a lingua de noso? Houbo algunha campaña para prestixiar o coñecemento da lingua galega e favorecer a súa utilidade? Non, vostedes gobernantes de Galicia, chamaron pola morte e a morte acode. Mais, cal é a vitoria da morte? Que gañaron estes nenos e nenas con perderen a lingua dos seus avós? Porque se gañaran algo aínda a cousa podería ter unha explicación, pero é que non gañaron nada só perderon. A non ser que, vostedes son capaces de velo así, o gaño sexa que xa non parecen galegos nin galegas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario