Países co máis alto grao de desenvolvemento (EE.UU, Xapón, Reino Unido etc.) percibiron hai décadas no que se ten chamado produción inmaterial un sector estratéxico da súa economía. O capitalismo, a cultura -a cultura toda, non só a de masas- e a tecnoloxía globalizada da comunicación formaron unha sociedade de rendemento antes inimaxinable.Así o entendeu con pragmatismo a monarquía británica, brazo espiritual da Commonwealth, ao conceder ao grupo The Beatles distincións ata daquela reservadas á nobreza, ou algo máis tarde a República de Eire cando fixo da música folk unha fonte de ingresos crucial para o aparato produtivo. Pódese case deducir hoxe o nivel de renda dun Estado atendendo só á porcentaxe que a cultura e a tecnoloxía asociada ao lecer ocupan no PIB.Non se ten divulgado abondo o lugar da cultura na riqueza global do noso país. Sen que iso signifique renunciar a outros sectores -castigados nas últimas décadas polos intereses que representan a UE e o resto dos centros mundiais de decisión- e incluso a pesar do atraso, a cultura ocupaba en 2003 o cuarto posto do Produto Interior Bruto. Nada menos ca un 2% do total, por encima da pesca e da industria téxtil, e unha media crecente de 20.000 postos de traballo entre 2000 e 2008 (dos estimados 16.900 no último ano do século ata os 26.000 que se rexistraron oito anos despois).A industria editorial, a audiovisual, o teatro, a música e un longo etcétera, lonxe de se consideraren estratéxicos por parte do goberno Feijoo, están sendo obxecto da maior agresión da historia recente mentres outros sectores de triste actualidade continúan acaparando diñeiro público, malversado ás veces na cloaca do capitalismo financeiro. Polo demais son, ao noso ver, dous extremos dun mesmo e improdutivo erro a conversión de cultura en show -ruinoso: a Cidade da Cultura- e a concepción da lingua como fetiche identitario.Cómpre facer pública a verdade: o desmantelamento cultural e o retroceso lingüístico conforman dúas caras dun único proxecto. A política da Xunta non só pretende reducir ao testemuñal iso que os seus ideólogos neoliberais e neofranquistas consideraron sempre ameazante -a existencia dunha cultura en diálogo co mundo-, senón que envía ao paro miles de persoas e bota polo sumidoiro, neste contexto de crise, un motor decisivo para crear riqueza.
Páginas
Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego
sábado, 27 de abril de 2013
Lingua, cultura e PIB
por Xabier Cordal, nas Voces de Prolingua:
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario