Constitúe xa un lugar común a afirmación de que os estudos filolóxicos e lingüísticos galegos coñeceron, nos últimos tempos, un desenvolvemento extraordinario, tanto pola cantidade de traballos dados a lume canto pola súa calidade. Por citarmos tan só unhas mostras, a lingua conta desde hai anos con descricións rigorosas das súas singularidades gramaticais (Gramática da lingua galega, de Rosario Álvarez & Xosé Xove, 2002; Gramática da lingua galega, de Xosé Ramón Freixeiro Mato, 2006, da cal falaremos de novo máis abaixo; etc.) ou da súa evolución co pasar do tempo como protagonista (Gramática histórica galega, de Manuel Ferreiro, 1999 e 1997; Historia da lingua galega, de Ramón Mariño, 1998; etc.). Son, como se pode observar, títulos publicados en finais do século pasado e nos primordios do presente, nuns momentos que a filoloxía galega conseguiu, en parte grazas a eles, a maioría de idade canto ao número e ao academicismo serio de monográficos sobre a súa descrición.
Mais a falta de normalidade sociolingüítica que padece a Galiza fai que tamén se converta noutro tópico a sentenza de que aínda fican lacunas por seren preenchidas. Isto corrobórase con total facilidade con só repararmos na escaseza de estudos sobre determinadas temáticas, como as relacións entre lingua e idade, lingua e xénero etc.: nestes medios, sabemos con total perfección, a día de hoxe, como son as regras que dispoñen os clíticos no interior da cláusula a respecto do verbo, mais ignoramos a práctica totalidade das marcas gramaticais que dan conta da mudanza lingüística desde os anos iniciais de adquisición do idioma até as derradeiras etapas da vida dun individuo; ao tempo, temos fidedigna constancia de como está organizado o subsistema de fonemas vocálicos, moito a pesar, poñamos por caso, de non dispormos de referencias que nos digan cales son os trazos xerais da fala das persoas de idade; e, na mesma liña, por colocarmos máis un exemplo, coñecemos cunha precisión digna de nota cales son as características fonéticas e morfolóxicas do lugar máis afastado da freguesía máis remota, mais aínda non somos capaces de sinalarmos que trazos sintáctico-semánticos definen con exactitude o comportamento dos verbos transitivos do punto de vista diatópico.
Coa estilística, que se define normalmente como o marco disciplinar da filoloxía encarregado de estudar a utilización artística e estético-expresiva dun idioma, quer sexa a nivel individual, quer sexa dun punto de vista da comunidade de falantes, acontecía algo similar, pois achábanse en falta obras que abordasen pormenorizadamente os trazos de estilo da nosa lingua. Así, até á publicación en 2013 da Estilística da lingua galega (en adiante ELG) de Xosé Ramón Freixeiro Mato, catedrático de Filoloxía Galega da Universidade da Coruña, percibíase con clareza un oco nos estudos sobre o idioma que se ocupase de tales albos de estudo. Grazas, pois, a este monumental contributo, o galego atinxe máis un espazo de normalidade dos moitos que aínda fican por ser alcanzados, situándose ao mesmo nivel que outras variedades do mesmo sistema lingüístico ou inclusive que diferentes linguas: estamos a nos referir aos clásicos contributos de Manuel Rodrigues Lapa (Estilística da Língua Portuguesa, 1945), de Joaquim Mattoso Câmara Jr. (Contribuição à Estilística Portuguesa, 1952), de Nilce Sant’Anna Martins (Introdução à Estilística. A expressividade da Língua Portuguesa, 1989) etc. ou aos de Joseph Sumpf para o francés (Introduction à la stylistique du français, 1971), de David Crystal & Derek Davy para o inglés (Investigating English Style, 1969) ou de Amado Alonso para o español (Poesía española. Ensayo de métodos y límites estilíticos, 1950). Mercé á ELG, a Galiza, por tanto, asenta no mesmo degrao que outras nacións ou comunidades lingüísticas relativamente á disciplina da estilística.
Na realidade, non é esta a primeira vez que Freixeiro Mato se ocupa de cuestións de estilo da lingua galega, pois unha das súas liñas de investigación académica centrouse, precisamente, no estudo da estilística de diversas autoras e autores da literatura galega contemporánea. Así, escritores como Antonio Noriega Varela, Crecente Vega, Manuel García Barros, Manuel María, Rafael Dieste, Rosalía de Castro, Sebastián Martínez Risco, Uxío Novoneyra etc. inspiraron respectivos estudos, normalmente traballos monográficos, en que se analizan pormenorizadamente os seus trazos gramaticais e estilísticos. Convén aquí sinalarmos que a calidade e a seriedade deses traballos fixérono ser gañador, en dúas ocasións, do prestixioso Premio Literario Ánxel Fole nas súas edicións de 1993 (co contributo Da montaña o corazón. Produción literaria e lingua en Noriega Varela, 1993) e 2006 (coa obra Cucou o cuco cuqueiro. Lingua e estilo na obra de Manuel María, 2007).
Mais, á marxe destes traballos dedicados a vultos das nosas letras, hai que salientar tamén o feito de a súa coñecida Gramática da lingua galega (2006, 2ª ed.) en catro volumes dedicar, en cada sección, unhas epígrafes específicas consagradas a aspectos estilísticos e expresivos, o que a converte na primeira obra de tal natureza que concede atención especializada a cuestións da expresividade no noso idioma; a maridaxe entre descrición gramatical, estilo e expresión foi o levou o autor, nesa obra, a botar man de fontes literarias para exemplificaren o sentido do seu discurso e das súas reflexións, o que, do mesmo xeito, constituíu no seu momento unha brillante e anovadora metodoloxía no panorama da lingüística e da filoloxía galegas. E, igualmente, non se pode perder de vista A lingua literaria galega no século XIX (2005), traballo tamén de Freixeiro Mato realizado en colaboración con outros autores, en que se proporcionan ao mesmo tempo moito interesantes datos relativos a cuestións de estilo e de expresividade referidas ao galego oitocentista, tendo como basilar referencia todas as obras literarias publicadas en formato de libro durante aquela centuria.
Ninguén, por tanto, máis apropiado que Xosé Ramón Freixeiro Mato para agora, nunha obra exclusivamente pensada estilística xeral da nosa lingua, nos ofrecer unha completa e profunda análise dos trazos que fan singular o galego neses termos a respecto doutros idiomas. Parabéns, pois, ao autor por presentar o público con esta achega, e parabéns, igualmente, á casa editora, Xerais, por acoller entre o seu catálogo de publicacións un excelente estudo chamado a se converter, en moito pouco tempo, nunha das obras máis importantes do panorama filolóxico, lingüístico e até literario do país. Partindo deste estado de cousas, o respectábel non ignorará que vira complexo podermos sintetizar nunhas poucas palabras as moitas luces dun traballo así. Con todo, gostariamos de salientar aquelas cuestións que, a noso ver, tornan esta ELG nun estudo tan necesario como amplo, tan rigoroso canto útil.
O primeiro que chama a atención é o feito de que todas as posíbeis perspectivas de análise lingüística son tidas en consideración para, mediante unha atenciosa abordaxe, seren descritas as súas rendibilidades estilísticas. Persoas expertas na variación lingüística, por exemplo, terán na sección 5.3, intitulada “A emotividade das palabras” (pp. 202-227), unha lúcida descrición do potencial expresivo de formas hoxe catalogadas comunmente como arcaísmos, dialectalismos, estranxeirismos ou xirias gremiais. Por súa vez, quen tematizar o seu interese na morfoloxía, tanto na derivativa canto na flexional, dispón en 5.7, so o nome “A estilística morfolóxica” (pp. 251-350), dun completísimo estudo de como os trazos morfemáticos das palabras son capaces de seren aproveitados con eficacia expresiva. E, do mesmo modo, a profesionais que se dedicaren á análise do texto como unidade lingüística máis alá das consideradas adoito como gradativas (isto é, morfema, palabra, frase e cláusula) seralles de lectura proveitosa sen dúbida o capítulo sétimo, “A estilística do texto” (pp. 409-509). A obra cobre, por tanto, as expectativas pesquisadoras da práctica totalidade das disciplinas gramaticais, circunstancia que fan dela un sólido traballo destinado a se erixir nunha das referencias bibliográficas máis importantes destes primeiros anos do século XXI.
O segundo aspecto que quereriamos ponderar é a cantidade de obras literarias empregadas na elaboración do traballo. Varias cuestións merecen aquí ser sinaladas: primeiramente, o autor, que parte de textos escritos, ten en conta tanto mostras da literatura denominada comunmente culta canto exemplificacións provenientes da poesía tradicional, en que destacan as compilacións de Ramón Cabanillas (Cancioneiro popular galego) e a de Pérez Ballesteros (Cancionero popular gallego), este último coleccionado e publicado na segunda metade do século XIX. En segundo lugar, igualmente no ámbito literario, ten de se ponderar a perfecta simbiose que se dá entre obras da literatura galega contemporánea consideradas clásicas e a recorrencia a autoras e autores da nosa época, sen descoidar textos medievais, cal o Cancioneiro da Vaticana; iso permite a Xosé Ramón Freixeiro Mato contar cuns corpora de exemplos certamente amplos e variados, aproveitados con sumo acerto. Por último, e xa en terceiro lugar, debemos facer fincapé noutra cuestión, como é que, na elaboración deses exemplarios, ocorren todos os xéneros literarios clásicos, o que, máis unha vez, lles proporciona unha ricaz variedade. En síntese, no tocante á procedencia das mostras, o autor non escatima recursos nas fontes literarias máis adecuadas, sempre na procura de nos ofrecer os trazos de estilo verdadeiramente representativos da lingua galega.
A terceira cuestión, non menos importante que a anterior, é a protagonizada polo modelo de lingua en que se exprime o investigador. Trátase, en liñas xerais, dunha consciente e traballada concepción da lingua que ten como referente fundamental a calidade lingüística, na liña defendida pola maioría do profesorado da Área de Filoloxías Galega e Portuguesa da Universidade da Coruña. Tres son os alicerces que definen con claridade o modelo que usa Xosé Ramón Freixeiro Mato: (i) o potenciamento dos trazos xenuínos do sistema lingüístico galego-portugués, tan erosionados, cando menos nos territorios da moderna Galiza, nas cuestións lexicais, morfosintácticas e semánticas; (ii) o necesario reencontro da variedade galega coa lusitana ou brasileira, que se percibe, entre outros factores, na práctica feliz dunha proveitosa recorrencia á compoñente lexical nese camiño de recuperación / anovación vocabular e de confluencia coas modalidades máis internacionais da nosa lingua; e (iii) o rexeitamento de todos os españolismos gratuítos, mesmo que teñan relativo suceso na praxe oral contemporánea ou mesmo que fiquen compilados nalgunhas obras lexicográficas modernas. Desde este punto de vista, pois, a ELG vai dando cumprida conta, a través do propio estilo do autor, dunha plástica prosa firmemente asentada na nosa tradición lingüística, definida aquela por se significar na procura dunha expresión xenuína. Por iso, á parte de analizar as particularidades estilísticas do idioma, a obra serve tamén como un ilustrativo manual de estilo para todas aquelas persoas que quixeren mellorar as súas habilidades co galego.
Outros dos méritos que ten o traballo parte do seu constante diálogo coas obras de referencia existentes sobre a materia. Quer no propio corpo do texto, quer nun nutrido sistema de notas no rodapé, Xosé Ramón Freixeiro Mato vai expondo acaidamente opinións de diferentes autores e autoras a respecto dos temas e subtemas que enforman esta ampla e rigorosa ELG. En ocasións, ese diálogo ten como finalidade mostrar ao público lector o estado da arte sobre un determinado asunto desenvolvido na obra, cal é o intitulado “A gheada e o seseo desde a perspectiva estilística” (cap. 4, pp. 89-96), en que o autor nos ofrece unha completa visión da súa consideración por parte de lingüistas e da súa recepción social xa desde as gramáticas e dicionarios do século XIX. Outras veces, perséguese, con esas ocorrencias, a matización dalgún pormenor ou cuestión estilístico-gramatical ou mesmo proporcionar aos lectores e ás lectoras información sobre determinados aspectos do texto para, se o así desexaren, aprofundar nesas temáticas. De calquera forma, o manexo e explicitación desas referencias bibliográficas tórnase unha práctica que vira moito de agradecer nun traballo de tales características e, nestes medios, corrobora moito doadamente que o profesor da Universidade da Coruña manexa adecuadamente todas esas fontes e sitúaas ao servizo dos trazos de estilo da nosa lingua.
Moito máis se podería sinalar relativamente ao novo traballo do autor. Para irmos concluíndo, e a enlazarmos co subliñado máis arriba, a Estilística da lingua galega de Xosé Ramón Freixeiro Mato constitúe, desde xa, unha obra imprescindíbel no panorama lingüístico e literario galego. Elaborada co mesmo rigor epistemolóxico que caracteriza o resto da súa produción científica, servirá de magnífica monografía non só para quen, do ámbito da filoloxía, quixer saber máis sobre a expresividade do idioma, mais tamén para aquelas autoras ou aqueles autores que tencionaren mellorar os seus propios trazos estilísticos. Nestas palabras finais, pois, só nos resta parabenizarmos máis unha vez o autor por esta nova e transcendente achega e, tamén, a casa editora por posibilitar a súa publicación.
Páginas
Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego
luns, 22 de abril de 2013
Un contributo fundamental ao noso idioma: a Estilística da lingua galega (2013) de Xosé Ramón Freixeiro Mato
por Xosé Manuel Sánchez Rei en Terra e Tempo:
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario