Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 9 de abril de 2013

Lingua precaria nos Celga

O profesorado colaborador do Celga denuncia a súa precaria situación de precariedade laboral, "exento de
dereitos laborais: sen contrato; sen posibilidade de negociar retribucións minguantes; sen seguridade do mantemento do posto de traballo; sen saber cando imos traballar e cando imos cobrar; somos profesorado colaborador, mais non podemos ter vínculo laboral con ningunha empresa para poder dar un curso… e sobre todo, somos un colectivo sen futuro". Por estas razóns lanzaron este manifesto:

Somos máis de cincocentas as persoas que figuramos na listaxe de profesorado colaborador da Secretaría Xeral de Política Lingüística para impartir os cursos de galego para adultos (Celga e linguaxe administrativa e xurídica). Moitas das persoas que pertencemos a ese colectivo levamos anos demandando cambios na maneira de xestionar o sistema de formación en lingua galega para adultos.

A maioría das mudanzas que pretendiamos ían moito máis alá das que simplemente reivindicaban melloras nas condicións laborais do profesorado colaborador e dos auxiliares de avaliación das probas Celga. Porén, despois de observar que na última convocatoria de cursos Celga se seguen a cometer os mesmos ou aínda peores erros que en convocatorias anteriores, algunhas das persoas que formamos parte da listaxe de profesorado colaborador e que participamos nas probas Celga como auxiliares de avaliación decidimos xuntarnos e organizarnos para desenvolver accións que mostren a nosa desconformidade cos abusos que a Administración está a cometer co noso colectivo.
Estamos fart@s de que a Secretaría (goberne quen a goberne) se aproveite da precariedade laboral que existe no ámbito da docencia en galego para contar todos os anos cunha listaxe de profesorado colaborador que fica exento de dereitos laborais: sen contrato; sen posibilidade de negociar unhas retribucións que minguan ano tras ano; sen termos a seguridade de se un ano imos traballar ou non; sen saber cando imos traballar e cando imos cobrar; somos profesorado colaborador, mais non podemos ter vínculo laboral con ningunha empresa para poder dar un curso… e sobre todo, somos un colectivo sen futuro. A idea da Administración é a de ir eliminando os cursos que impartimos o profesorado colaborador para usar como man de obra máis barata aínda o profesorado das escolas de idiomas (que tamén fixo público o seu descontento co sistema Celga) e o persoal técnico de normalización lingüística dos concellos (algúns dos que forman parte da Rede de Dinamización Lingüística xa imparten cursos en horario laboral).
Estamos fart@s de que cada ano cambien os procedementos para acceder á listaxe de profesorado. Este ano, un novo invento… a listaxe de persoas habilitadas! Algo que en anteriores disposicións da Secretaría non se contemplaba e que provocou que moitas persoas que cumprían os requisitos quedasen fóra da lista definitiva simplemente por non ter mirado durante os últimos vinte días a páxina web da Secretaría (algo ao que non estamos obrigad@s).
Estamos fart@s de ter só obrigas (ir ao gabinete para ser nomead@; volver aos tres días do curso con documentación; avisar se non hai o número suficiente de alumnado; preparar en 70 horas para as probas Celga un número indeterminado de persoas, cada unha delas con niveis de galego bastante dispares; non poder enfermar, etc.) e de non ter ningún dereito.
Estamos fart@s de prácticas escurantistas. As listaxes de chamamentos seguen sen ser públicas, polo que as persoas que formamos parte delas non sabemos cando realmente nos vai tocar dar un curso. Non sabemos cando se producen os chamamentos doutras persoas (agás polo boca a boca), moita xente descoñece como funciona a listaxe de chamamentos para os cursos de linguaxes específicas, así como para os cursos en liña ou como se xestiona o chamamento para participar nas avaliacións das probas. Tampouco sabemos por que alguén é membro dunha comisión de avaliación.
Todo isto provoca unha situación bastante grotesca, na que a Secretaría Xeral de Política Lingüística, coñecendo a situación de precariedade na que se atopan moitas das persoas que forman parte da listaxe de profesorado colaborador e avaliador, intenta dividirnos, enfrontarnos a algúns compañeir@s que nalgunhas ocasións se viron beneficiad@s polas prácticas caciquís da Administración. Lembrade sempre que a culpa é de quen permite esas prácticas…
Por todo isto o profesorado colaborador esixe:
1. A creación dun grupo estable de profesorado profesionalizado, seleccionado e contratado a través dun proceso selectivo público de acordo cos principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade, que ademais de dar cursos, participe da creación dun sistema máis acorde á realidade sociolingüística galega (creación de novos cursos para adultos, creación de materiais didácticos, etc.), o que provocará que se optimicen os recursos existentes e que a ensinanza do galego gañe en calidade.
2. Mentres non se cree ese corpo de profesorado estable, cremos que se deben mellorar algunhas cuestións relacionadas coas condicións do profesorado, cos requisitos, coa súa formación, coas listaxes, etc., como son as seguintes:
Contratación formal do profesorado colaborador, con todo o que isto supón: o establecemento dunhas condicións laborais xustas e pactadas entre Administración e persoas traballadoras.Clarificación e mellora dos requisitos para acceder á listaxe de profesorado colaborador, coa finalidade de que non se vexa prexudicad@ ningunha compañeir@.Listaxe pública de chamamentos para a impartición de todo tipo de cursos e para a avaliación das probas.Convocatoria anual de cursos de formación para profesor@s e avaliador@s, coa finalidade de que se poidan ir incorporando ás listaxes nov@s licenciad@s ou graduad@s.3. Revisar o modelo de validacións do sistema Celga para que lle permita ás escolas de idiomas captar alumnado novo, xa que a función destes centros non é preparar persoas adultas para as probas Celga. En todo caso, e mentres non haxa outra solución, as escolas de idiomas poderían impartir outro tipo de cursos que garantan unha formación completa en lingua galega a profesionais e usuari@s de fóra de Galicia.
Ademais haberá que aclarar se o persoal técnico de normalización lingüística pode impartir Celgas no seu concello, xa que este persoal debería cumprir os mesmos requisitos que se lles esixen ás persoas que estamos na listaxe de profesorado. Por outra banda, impartir formación non entra dentro das tarefas contractuais de moit@s técnic@s de normalización lingüística.


Profesorado colaborador, auxiliares de avaliación e profesorado das escolas de idiomas decidimos elaborar e asinar este manifesto ao que te podes adherir se é que estás de acordo coas nosas demandas. Só tes que enviar o teu nome e o número do teu documento de identidade ao enderezo de correo electrónico profesoradocolaborador@yahoo.com

Tamén estamos preparando outras accións co fin de que se atendan as nosas propostas. Se queres participar só tes que achegarte a algunha das asembleas que se están a desenvolver por algunhas cidades do país.

AQUÍ podes ver a xente que xa asinou.

Ningún comentario:

Publicar un comentario