por Xabier Docampo nas Voces de
Prolingua:
A primeiros da semana escribín un artigo en Sermos Galiza no que relataba a miña experiencia con rapaces e rapazas de primaria en colexios dunha das sete cidades grandes de Galicia. Alí falaba da imposibilidade que tiñan de diciren unha frase simple en galego e da implícita idea que teñen de que a lingua galega é unha lingua allea a eles. Pero segundo a lei de Murphy, calquera cousa que poida empeorar, empeorará.
Non se pense que o que contei no artigo de Sermos e o que vou contar agora sucede porque sexa a lingua o tema do que eu lles falo aos rapaces, nunca o fago. O meu xeito de facer apoloxía da actitude de falar galego é a normalidade de falalo. Só lles pido, por razóns educativas e escolares, que me fagan as preguntas en galego, e só lles dou a miña opinión sobre do asunto lingüístico cando mo preguntan ou me interrogan sobre por que escribo en galego. Eu vou aos centros para lles falar de literatura, de lectura e de libros, non para ningunha outra cousa. Calquera dos que estiveron presentes nos xa centos de encontros con lectores que levo feito desde hai máis de vinte e cinto anos, poden dar fe de como fago eu estas actividades.Hoxe estiven nun centro doutra cidade. Tamén neste caso nun centro de primaria. Primeiro cun grupo de alumnos e alumnas de terceiro (8 anos) e despois con outro de sexto (12 anos). Foi no dos pequenos onde encontrei ese novo fenómeno de cuxa existencia tiña noticias e coñecía casos aillados, refírome á hostilidade persoal ou familiar. Ademais das abundantes dificultades para se expresaren en galego, varios dos rapaces e rapazas dixeron en diversos momentos do diálogo que “súa nai (sic) non lle deixaba falar en galego”. Así o manifestaron catro, non máis porque eu mesmo lles pedín que non continuásemos por aí, e rogueilles que ningún outro me dixese tal cousa (os profesores non se sentían cómodos escoitando tales cousas e non quería eu que aquilo se convertese en tema do diálogo que eu pretendía ter cos eles).No grupo seguinte, os de sexto, xa non houbo ningún tipo de problema co idioma. Con maior ou menor dominio, todos e todas se dirixiron a min en galego como facía eu con relación a eles. Estes comezaron a sufrir os efectos do decreto de plurilingüismo e a consecuente hostilidade contra a nosa lingua xa algo andada a súa vida escolar, e na sociedade non campaban aínda con chulería pública os negacionistas coas súas infamias sobre da lingua galega.Calquera me pode dicir que esta situación non é nova, hai moitos anos que nos ambientes urbanos se dá isto: un desexo, seguido dunha imposición paterna, de borrar dos fillos e fillas calquera sinal da lingua propia de Galicia, mesmo o sotaque. Mais un pensaba que, pasado o tempo, chegadas xeracións mellor formadas e informadas, admitida a presenza do galego na escola, nalgúns medios de comunicación, no parlamento (no galego, no outro non), chegaríamos a unha situación de, se non destrución dos prexuízos, polo menos de amortecemento da súa presión, e con iso decaeria a vella hostilidade franquista contra a nosa lingua. Pois non! Aí seguimos co mesmo comportamento racista contra o idioma.E fago agora aos responsábeis da educación e da normalización lingüística do goberno galego actual a mesma pregunta que estoutro día: u-lo o gaño que tiramos todos de que sigan existindo estas actitudes? Onde o lucro de que aparezan xeracións incapaces de falar na lingua propia do noso país? Vostedes que falaban da liberdade lingüística, díganme, poderán estes nenos e nenas no futuro escoller libremente en que lingua queren falar e vivir? Non, porque non teñen máis que unha, así non se pode escoller. Xa sei que iso era o que vostedes desexaban e procuraban. Mira ti por onde vai resultar que vostedes si que recoñecerán os beneficios da súa política lingüística: facer dos nenos e nenas hoxe, homes e mulleres mañá, seres mudos na lingua que lles había ser propia.E diante deses pais e nais que lles prohiben aos seus fillos falar en galego, os mesmos que corearon con vostedes aquilo de “contra a imposición do galego”, pregúntolles: cal é agora a imposición?
Ningún comentario:
Publicar un comentario