Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 24 de abril de 2013

Real Academia Galega

Engadir título
por Francisco Rodríguez en Terra e Tempo:


Ler Amada liberdade, memorias de Fernando Pérez-Barreiro Nolla, nado en Ferrol no 1931 e morto en Lancaster en 2010, é acceder á posibilidade de comprendermos moito mellor as causas que explican, en boa maneira, a evolución política da Galiza desde a transición até hoxe. Para quen, como min, tivo un compromiso político nacionalista desde a década dos anos sesenta, ofrece unha experiencia, uns dados, unha análise e unha interpretación que axudan a esclarecer por que o nacionalismo galego, nunha das súas ponlas iniciais (o PSG) foi un proxecto fanado, e aporta, por contraste e de forma implícita, claves para explicar as dificultades para a outra ponla, a UPG. Faino dunha forma moi suxestiva e eficaz, porque non depende de ningún criterio orgánico. Desprende así arrecendo de liberdade e independencia de criterio, no senso de que só está supeditado ás conclusións das súas experiencias persoais, e a unha perspectiva desde fóra, que non anula nin o entusiasmo nin a preocupación polo país. Verdade é que de aquí tamén proveñen tamén as súas limitacións.

Nunca limos nada tan contundente como estas memorias á hora de desvendar o papel de Ramón Piñeiro, a súa concepción política e cultural, no obxectivo de anular a posibilidade dun nacionalismo galego operativo entroncado co do exilio no franquismo e na transición. Optou, con teimosía e decisión, contando con cobertura internacional, por contribuír a instaurar un réxime monárquico, bipartito, e a cativa autonomía conseguinte para Galiza, sen que aparecese nin a nivel simbólico como debedora do nacionalismo republicano. Nada pasou por casualidade. O nacionalismo galego foi o único que non tivo conexión xeracional operativa entre o exilio e a mocidade que o restaurou socialmente, tomando como modelo o exemplo e o legado ideolóxico e político, fundamentalmente, de Castelao. Xustamente, é a outra pola, a que nada ten a ver con Piñeiro, a UPG, a que non é para nada aludida por Barreiro-Nolla, como non o é a forza política hexemónica do nacionalismo galego, o BNG, que naceu, xa no réxime democrático, como confluencia do nacionalismo realmente existente. Esta ausencia das súas memorias non se debe seguramente a que non tiver xuízos positivos ou negativos sobre as súas actuacións, ou por desconsiderar o seu papel ideolóxico, político e social. Coido máis ben que é por non ter participado para nada neste mundo, por resultarlle alleo, xustamente pola falta de conexión co piñeirismo, alén de desbotar conscientemente guiarse por informacións ou opinións interpostas e interesadas. En todo caso, chama a atención a lucidez dun home galego que, vivindo en Londres, con viaxes constantes a Galiza, detectou sen complexos a caricatura que representaba a Comunidade Europea e o Estado das Autonomías, desde un punto de vista democrático, popular e nacionalista. Tamén resulta moi revelador da forma de funcionar atomizada, do fragmentarismo comunicativo, da censura e da desinformación que padecemos en relación con nós mesmos, debido a deseños alleos e deficiencias e limitacións propias. Para persoas como min foi na práctica un descoñecido ao que descubro nunhas memorias, xa morto.

Estarédesvos a preguntar a que vén todo este excurso para falar da Real Academia Galega e as súas convulsións últimas. Vén como anel ao dedo. Non hai que ser expertos na materia para nos decatar de que a RAG, a única institución cultural oficial con lexitimidade histórica, desde a chegada da democracia, foi unha institución controlada polo “neogaleguismo” (antinacionalismo) de matriz piñeirista, igual que o resto das creadas ao abeiro do marco autonómico ou en previsión dunha certa oficialidade para a nosa lingua: ILGA, Consello da Cultura Galega, Instituto Ramón Piñeiro. Non só se pagou así o papel desempeñado persoalmente por Piñeiro, senón que se intentou lexitimar cun verniz cultural galeguista o réxime bipartito, claramente escorado aquí a favor do PP, en versións con varias fases: Albor, Fraga e Feijóo. A presidencia de García Sabell e a posterior de Paco del Riego ilustran o deseño. A concepción, a función e o control último segue a ser o mesmo, naturalmente cun devalar que non pode ser alleo ás circunstancias nin ás necesidades (Barreiro, Ferrín). Como e por que foi posíbel logo a convulsión e a confrontación que viviu ultimamente esta institución? Cais son os actores e axentes en confrontación? Que novas circunstancias a provocaron? Quen está interesado no control, en curto ou a distancia, da RAG? Imos enumeralos, sen a pretensión de pretender sinalar cais deles son os máis prementes, influentes ou desencadeantes do conflito:

1.- As editoriais que controlan o mercado do libro galego: Galaxia e Xerais. Non teremos que lembrar as íntimas conexións de Del Riego, Casares ou Freixanes, cunha delas, e as de Ferrín ou Manuel Rivas, coa outra.

2.- O ILGA e o Instituto Ramón Piñeiro, ambos os dous produtos alimentados intelectualmente desde a Faculdade de Filoloxía de Santiago, unha corporación onde se selou o pacto entre o piñeirismo e o bipartidismo en materia lingüística, especialmente, pero non só, no aspecto normativo (a sombra de Constantino García aínda asombra).

3.- O Consello da Cultura Galega, unha institución creada ad hoc para oficializar o piñeirismo cultural, pago directo aos servizos prestados, en primeiro lugar, e toda unha forma de concibir a cultura galega no marco autonómico.

4.- A progresiva redución de diñeiro público destinado a estas institucións culturais oficiais do marco autonómico, moi endogámicas, leiriñas particulares que usufrutúan un número reducido, sempre os mesmos. Obsérvese cantos membros da RAG son á súa vez membros do Consello da Cultura Galega, do ILGA e do Ramón Piñeiro. A tensión derivada da pretensión de cada quen por manter a súa rede clientelar e as súas influencias devén lóxica dentro do deseño cultural autonómico.

5.- As conseguintes actitudes nepóticas, provocadas por unha atmosfera endogámica derivada da falta de contacto cos problemas e os conflitos reais no terreo da lingua, a cultura, a literatura e a sociedade, aparecen inevitabelmente e dan pé ao choque de intereses e á denuncia, torticeira ou non, delas. A selección de novos académicos ou académicas non está allea a criterios nepóticos e sectarios confrontados. Nada disto é contraditorio co feito dos últimos presidentes, Barreiro e Ferrín, pretenderen ofrecer unha imaxe máis aberta.

6.- O PP, a Xunta, con recursos e medios dabondo ao seu alcance de todo tipo, actúa e inflúe. Non cabe dúbida de que as súas relacións coa RAG foron rechamantes pola concordia e recoñecemento mutuos, máis aló do protocolario, algo chocante tendo en conta a política lingüística e cultural que, sen complexos, desenvolve o Goberno Galego. A mesma RAG viuse obrigada a presentar recurso contra o Decreto da Xunta. Agora só está claro que ao PP non lle gusta o Sr. Axeitos, único que foi atacado publicamente desde a Xunta polas súas opinións.

7.- Á marxe de verborreas innecesarias e algo teatrais facendo ostentación do credo ideolóxico que se profesa, da que non nos imos librar co novo presidente, máis ben medrarán en relación directamente proporcional aos seus flirteos interesados co seu amigo o Conselleiro de Cultura, a ausencia de compromiso nacionalista, patriótico, é notoria na maioría dos membros da RAG (non nego que o teñan galeguista ou neogaleguista, que eles saberán en que consiste: como diría Barreiro-Nolla acreditan en que a soberanía é un concepto decimonónico, superado). Esta carencia lévaos a unhas concepcións lingüísticas e culturais, incluído o papel das institucións que deben servir para a defensa da lingua e cultura do país, ancoradas na parálise, no elitismo e nun sectarismo que, ao cabo, pode resultar mortal. Axen como se non existise un Estado español que, con todos os poderes que o sustentan ao seu servizo, incluída esta Xunta de Galiza, non anda con miramentos na execución do seu deseño españolizador.

Volvamos a Fernando Pérez-Barreiro Nolla. Falando da transición política di: “Con todas as diferenzas do caso, non deixa de haber paralelismos entre os papeis de Ramón Piñeiro e Santiago Carrillo naquela conxuntura” (p. 183). Traballaron para unha transición pactada que, na Galiza, dou lugar a esta caricatura de autonomía. Pois ben, agora temos na Presidencia da RAG, non a un díscolo gracioso e tolerábel mentres conveña, temos a un antinacionalista visceral, bendicido, malia o seu cacarexado comunismo de opereta, en vida polo mesmo Piñeiro en persoa, ao cabo da década dos 80 do século pasado. Segundo nos informa Barreiro-Nolla, Piñeiro era “un anticomunista visceral, igualmente visceral antinacionalista”. Quen colocou o novo Presidente da RAG? Ide ao conxunto de elementos devanditos, mesturádeos na dose axeitada e da forma propicia, e teredes a resposta. Por certo, estou abraiado polo tabú, o silencio, a censura, o control nos medios de comunicación do réxime e nos profusos comentarios sobre o conflito académico verbo dun aspecto tan notorio como significativo: nin unha soia palabra sobre a común militancia do expresidente e do novo presidente, por eles ostentosamente anunciada e enunciada até a obscenidade, en AGE. Estaremos perante unha conspiración dentro da propia coaligazón? Non, nada diso. Si estamos perante unha mostra clara do seu papel no eido ideolóxico, lingüístico e cultural de Galiza. Aparentemente vale para un roto e para un descosido: mentres Beiras denuncia a operación como neofranquista, deixando misteriosamente a salvo a reputación de quen publicamente a preside, Iolanda levita de gozo. O que acontece é que estamos nunha nova fase do piñeirismo cultural, que é político, agora si cunha presidencia que aporta unha inesperada dose de maior confusión, desnorte e demagoxia ad maiorem gloriam de España.

Ningún comentario:

Publicar un comentario