Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 1 de abril de 2013

"Un cidadán recorreu unha multa porque non entendeu a lenda numérica dunha zona de carga e descarga ao estar só en galego"

por Eladino Cabanelas Fernández en Terra e Tempo:


Deste xeito recollía estes días o xornal dixital "Sermos Galiza" outro dos casos de galegofobia, que temos que sufrir case a diario, por parte dun destes francotiradores reaccionarios que, por desgraza, pululan ao longo deste noso País.

Sempre me resultou cando menos curioso e, cando máis, irracional este odio visceral dunha parte da sociedade galega cara unha lingua que, tristeira e realmente, estivo e está para eles aos pés da outra. Denigrada, insultada, asoballada, aldraxada, avasalada igual que aqueles e aquelas que a empregaron e empregan con máis ou menos orgullo ou con máis ou menos vergoña, que de todo hai ou que de todo produciron séculos de vexación e infravaloración programada e lexislada.

Porén este tipo de actuacións que, para quen coma min, son tan irracionais coma absurdas e raianas no esperpento máis ilóxico, non son simples anécdotas espontáneas de cidadáns enrabechados polos ataques, continuos e sen tregua, de non se sabe que inimigos autocreados en caletres formados no máis puro minifundio mental. Non vaiamos caer no erro de ser tan benévolos ou inocentes como para pensar neles coma uns pobriños infelices que, por ignorancia e enganados por tal ou cal partido político ou tal ou cal medio de comunicación, acaban reaccionando así porque creron sinceramente que lles quitaban parte dos seus dereitos cidadáns impoñéndolles o galego dun xeito ditatorial. -Pero, si con Franco sólo se podía hablar en castellano, ¿porqué ellos, ahora, intentan hacer lo mismo con el gallego?- Din eles, nun papel moi ben estudado de vítimas dun castigo que -líbreme Dios- nin buscaron nin fomentaron.

Eles tamén son "gallegos" de toda a vida, xa o din nun dos seus lemas máis recorrentes: "tan gallego como el gallego". Eles tan só pretenden que non se cambien cousas que foron así "de toda la vida". Pero para que queremos o galego se co "castellano" podes ir a todas partes. Ademais soa tan bruto, tan "de la aldea".

Para podermos entender isto -e digo entender que non é o mesmo que comprender nin xustificar- debemos ver estes actos como estratexias pensadas, organizadas e postas en práctica cara un obxectivo claro, nidio, diáfano como así o é a desaparición do galego da Galiza, cara á eliminación dun dos problemas que poderían contribuír á, segundo eles, posíbel disolución do Estado. Tanto eles coma nós sabemos que a lingua é o cerne do País, da nación galega. Sen o galego serían impensábeis a nosa cultura, os nosos costumes, o noso xeito de ser e de vivir. É máis, o galego -eles sábeno moi ben- abonou e abona a terra na que xermolan os máis puros sentimentos de pertenza á colectividade. Sen lingua propia, que nos diferenza hoxe de leoneses, zamoranos ou madrileños?

A asimilación de que este problema existe é fundamental para podermos loitar contra del dunha maneira consciente. Non se trata agora de facermos coma eles, de sermos belixerantes e agresivos cara esas actitudes ou cara quen non nos trate na nosa lingua cando estamos convencidos de que así debería ser. Non. Iso deixámosllelo a eles. Alá eles coa súa ignorancia e a súa falla de civismo. Despois de todo son os menos, porén uns menos medrados baixo o paraugas dunha administración carente de vontade para cumprir coas súas obrigas. Máis que carentes de vontade, debería dicir dunha administración coa vontade manifesta de rematar a faena que comezaron, hai uns cantos séculos, uns reis casteláns (e, como din por aquí, o que diga o contrario mente).

Unha vez asimilado o problema é cando se deben buscar as solucións para resolvelo. Nun país coma o noso no que, todos o sabemos e xa fixen referencia a iso máis atrás, séculos de humillación crearon un enorme sentimento de autoodio cara ao propio, a solución pasa, precisamente, por tornar esa situación. Os e as que consideramos fundamental a recuperación idiomática da Galiza debemos traballar unidos cara conseguir mudar autoodio por autoestima, mudar humillación por orgullo de nós.

Dicía Celso Emilio Ferreiro: "Nós defendemos a lingua galega porque tentamos axudar a resolución do seu problema. A lingua galega esiste; logo, tamén esiste o seu problema. Manterse neutrales ante iste problema é unha falsedade, que soio conduz á destrucción inútil dunha cultura."

A labor de quen queira mudar a actual situación debe ser un traballo constante de autoafirmación e reivindicación constante porén sempre dende unha visión pedagóxica. Os galegos e galegas deben saber que, como dicía Celso Emilio, existe un problema e que este problema só se acabará tomando partido por defender o que é de cada un. Do mesmo xeito que cada un de nós defende a súa casa pechándoa para que non entren nela amigos do alleo, así debemos facer coa nosa lingua. Non é un problema só dos gobernantes, dos que fan as leis, do mesmo xeito que non o é tampouco que se deixe a porta da casa aberta cando un non está nela. Mais si é obriga dos gobernantes facilitar que haxa policía que vixíe as nosas casas ou por os medios precisos para que unha lingua, con clara tendencia a desaparecer, se manteña coma patrimonio vivo inigualábel e irrepetíbel dun País, dunha Nación, tamén inigualábel e irrepetíbel como a nosa.

Para rematar e tan só como simples notas sobre a multa recorrida por este cidadán que, seica disque, non entende o galego:

1. O artigo 6 do código civil español di: A ignorancia das leis non escusa do seu cumprimento. 2. Unha pregunta a este cidadán: estacionaría o seu carro na República Checa, por poñer un caso, de non saber seguro se pode, ou preguntaría?

O mundo ten moitos embigos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario