Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 16 de setembro de 2014

Apúntome a un bo plan

por Xavier Senín en El Correo Gallego:


HAI dez anos, en setembro de 2004, o Parlamento galego aprobou por unanimidade o Plan Xeral de Normalización Lingüística. Un grupo de persoas coñecedoras da situación da lingua galega en cada unha das áreas que se abordaron, xuntáronse para elaborar un documento que se presentou ao Parlamento galego para a súa aprobación. Hai dez anos dirixía os destinos do país o Partido Popular, que desde o goberno tomou a iniciativa dous anos antes, en marzo de 2002, de xuntar as persoas que traballaron na redacción e de presentalo ao exame e aprobación dos representantes lexitimamente elixidos polo pobo. Horas de traballo e de debates das comisións encargadas das distintas áreas permitiron redactar o documento que os parlamentarios converteron en definitivo. Dez anos despois, aquel documento nacido do traballo corporativo e do consenso político aínda está en vigor e ben é que así sexa porque, se nalgunha parte se podería considerar cumprido, moitas das medidas que se propoñen seguen esperando a inquebrantable decisión política de poñelas en marcha. Desde xuño de 1983 en que se aprobou a Lei de normalización lingüística, nunca se chegara a dar un paso tan transcendental para o idioma galego e o documento fixo renacer as esperanzas de que Galicia tivese mil primaveras máis, como quería Cunqueiro.
Tiven a honra de que se me chamase a participar no sector de medios de comunicación e industrias culturais. O mundo da cultura que segue a mover mesmo hoxe moitos miles de persoas segue a falar maioritariamente en galego. Trátase dun campo moi extenso que vai desde a creación literaria até as artes plásticas, pasando polo teatro, a música, o cine e outras manifestacións. Non é do caso agora facer un memorial de agravios, pero abonda ver o alarmante descenso do mundo do libro para decatármonos de que a cousa non vai ben. Canto aos medios de comunicación a situación é ben peor: non existe ningún diario impreso escrito en galego nestes momentos.
Non coñezo un proxecto mellor para tentar salvar a lingua de nosos pais, así que seguirei a apuntarme a este Plan.

Ningún comentario:

Publicar un comentario