Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 29 de setembro de 2014

As mentiras do PP sobre a lingua galega

A política lingüística do PP aséntase sobre o imperio da mentira. Non lle queda outra.
Hai catro anos debullei por aquí as 6 mentiras fundamentais coas que se presentou o funesto decreto 79/2010, alcumado "do plurilingüismo" polos seus defensores. Daquela era Anxo Lorenzo quen dirixía a Secretaría Xeral de Política Lingüística. Cando en xaneiro do 2012 se produciu o cambio neste cargo e pasou a ocupalo Valentín García, xa ventaba eu que non mudaría o rumbo da política lingüística. Polo tanto o novo secretario xeral, ao asumir o cargo, asumía o oficio de mentir á cidadanía.
Parece ser que  Valentín García anda a comentar por aí que a política lingüística baixo a súa dirección e a de Anxo Lorenzo é o garante do consenso xurdido arredor do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNL). Concretamente afirma o seguinte:

Este foi o espírito que herdou o actual Goberno da Xunta e ao que lle está a dar continuidade de forma fiel dende hai 6 anos despois de que durante o Goberno de coalición entre o PSdeG e o BNG se rompese o tan valioso consenso a raíz da aprobación do Decreto 124/2007 sobre o uso e a promoción do galego no sistema educativo, o que debilitou os elementos que fixeran do PXNLG un proxecto abrazado por todos.

Só lle quero lembrar que o 21/02/2007 nunha rolda de prensa conxunta de PP, PSOE e BNG (a totalidade da representacion parlamentaria naquela altura), a representante do PP, e portavoz de Educación, Manola López Besteiro, dicía que si ao decreto 124/2007 pois "garantiza o equilibrio das dúas linguas cooficiais, tanto no número de horas como de materias, desde a educación infantil ata ao final do ensino obrigatorio, incluso o non universitario. Ademais este decreto garantiza a competencia lingüística tanto en galego como en castelán, garantiza o respecto á lingua materna, e deixa abanos importantes de decisión aos profesores xa que da súa decisión  e do seu entusiasmo dependerá o éxito deste decreto e porque a súa capacidade pedagóxica e o seu sentido común é importantísimo  .... e remato dicindo que hoxe é un día positivo para a lingua galega". Para comprobalo, basta ver os cinco primeiros minutos:



Se desde a aprobación da Lei de Normalización Lingüística (1983) a política lingüística consistiu nun deixar ir as cousas, co cal as inercias do franquismo foron as liñas directrices dunha planificación lingüística de baixa intensidade, a partir do ano 2007 houbo un importante cambio de rumbo. Se nun principio o PP parecía asumir o PXNL, na volta duns días houbo un xiro de radicalización antigalega. No mes de febreiro Manola López Besteiro parecía a redactora do decreto 124/2007, ao pouco este decreto presentábao como o exemplo da "imposición" do galego.
López Besteiro, Anxo Lorenzo e Valentín García aparecen como tres marionetas que falan coa voz dunha política lingüística deseñada en Madrid pola FAES.  Este é o teatro de monicreques que se repesenta cada día na vergoñenta política lingüística dunha Xunta que cedeu o poder que lle concederon os galegos ao peor dunha zunia radical que ten como obxectivo final a aniquilación de todos os procesos normalizadores das linguas minorizadas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario