Que a 18º etapa da Vuelta Ciclista a España partise da Estrada xenerou varias consecuencias indesexadas. Unha delas foi noticia nalgúns medios de comunicación debido á utilización fraudulenta das brigadas de extinción de incendios. As asociacións profesionais do sector denunciaron que o modelo de contratación de brigadas municipais deriva na posta á disposición de man de obra aos caprichos da alcaldía, sen ter en conta as funcións para as que foron contratados e polas que os concellos reciben subvencións da Xunta. Neste caso os estradenses puidemos ver á brigada de extinción de incencios facendo traballos de xardinería na praza do concello, punto de partida dunha etapa da Vuelta.
"Pasou o día, pasou a romería", dirán algúns. Pois non. Para que quedara constancia da saída dos ciclistas desta vila que abeira ao Ulla, chantouse nesa mesma praza unha especie de menhir que inmortaliza o suceso en pedra... e en castelán: "SALIDA 11-09-14", certificando a data e a trapallada histórica cometida polo concello coa colaboración da Deputación de Pontevedra. Deberon tomar por parvos aos ciclistas partindo da suposición de que non serían quen de entender coa palabra "SAÍDA". E tamén tomaron por parvos aos estradenses ao chantar nunha das prazas principais da vila un monumento á exclusión da lingua que foron transmitindo de xeneración en xeneración.
Sen entrar xa nas disquisicións estéticas que, obviamente, darían para moito, só quixera lembrar que hai ben poucos anos solicitárase ao Concello que permitisen a colocación dun monumento ao mariscal Pardo de Cela en homenaxe á comisión pro monumento que neste concello no ano 1933 quixera levar xa o proxecto adiante. A comisión, presidida por Fermín Bouza-Brey estaba integrada por importantes galeguistas da época como Manuel García Barros, Antonio Fraguas, José Otero Abelleira, Alfonso Ramiro Castro Dono,... Finalmente o alcalde Ramón Campos hai uns 10 anos non deu o permiso para a instalación do monumento e como corolario a aquel desprezo ás máis insignes persoeiros da Estrada o actual alcalde José López certifica esta falta de respecto cun gravado en pedra.
P.S.: O alcalde da Estrada forma parte da Xunta Directiva da Rede de Dinamización Lingüística, a entidade que presuntamante é a que coordina o traballo de normalización lingüística nas entidades locais.
E que opinará Valentín "que estás en los Cielos del Todopoderoso"?
ResponderEliminarArre demo que presumen de monolito (como facía o Manolito), os monoslistos (se á pedrafita lle sobra un L ben podo eu engadirlles un par de S...)
Pois a min gustaríame saber que é o que opina o tal sobre o outro monumento, sobre ese de Pardo de Cela para o que denegaron o permiso cando o tal era normalizador no Concello. Quen sería o "ideólogo" da denegación?
EliminarPero como pretendes que se homenaxee a estas alturas o personaxe que mellor identifica no imaxinario colectivo a loita contra os Reis Católicos?
ResponderEliminarAgora, que se foron capaces de gastar os cartos nun menhir de pedra para conmemorar un acontecemento como a saída dunha Volta, pensa no que serían capaces de facer se algún día aparecesen por aquí os novos reis católicos, Filipe e Letizia.
Stonehenge quedaba en maqueta!
Non podo facer outra cousa que asinar o que ti dis
Eliminar