Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 6 de setembro de 2014

Outro debate parlamentario sobre o defenestramento dos Celga



Neste vídeo podemos seguir o desenvolvemento da Comisión 4ª de educación e cultura que se celebrou o pasado 04/09/14 no Parlamento de Galicia na que se discutiu unha proposición non de lei do BNG presentada por Ana Pontón sobre as actuacións que debe levar a cabo a Xunta de Galicia para reparar os dereitos laborais do profesorado que viña impartindo os cursos Celga despois que que as catro sentenzas xudiciais emitidas sobre estes casos resultaran todas desfavorables ás teses da Xunta.
Tanto  parlamentaria que presentou a proposición, Ana Pontón, como Carmen Iglesias, do grupo mixto, Ramón Vázquez, de AGE ou Francisco Caamaño, do PSOE se viron na necesidade de pedir o cese do secretario xeral de política lingüística, Valentín García, pola nefasta forma de actuación que xenerou todo este conflito co despedimento, polo que se ve ilegal, do profesorado Celga. O caso é dobremente grave pois Valentín García, por ter sido no seu día dirixente da CTNL, debería coñecer con profundidade o problema que se viña repetindo ano tras ano derivada da inestabilidade do profesorado que impartía estes cursos. Precisamente fora a mesma CTNL quen no 2012 presentara unha proposta para poñer fin á irregular situación na que se se encontraba este grupo de profesores. Valentín García non quixo nin sentarse a falar pois o seu único cometido dentro da SXPL é a de desmontar toda a aparataxe normalizadora que aínda existía dentro do organigrama da Xunta. Os resultados son ben visibles: unha sentenza tras outra confírmase que o que o proceder da SXPL atentaba contra os dereitos dos traballadores, a Xunta terá que pagar importantes sumas derivada desta mala práctica e todos nós teremos que pagar a desfeita da Xunta. Valentín García seguirá no seu cargo porque está aí para iso, destrozar a normalización lingüística con cargo aos presupostos da Xunta.

Finalmente podemos ver neste mesmo vídeo (a partir do minuto 52) como os deputados do PP non sabían que debían votar  e no que se ve como fraudulentamente o presidente da comisión Antonio Muriño inicia o perído de votacións dúas veces, despois de que na primeira o deputados popular Román Rodríguez,  que debía indicar o sentido do voto, estaba ausentes. Pois así nos vai.

Máis información en Lingua precaria, no seu perfil de facebook, ou no seu twitter

Ningún comentario:

Publicar un comentario