Pasaron outros cinco anos e a cousa non foi a mellor, todo o contrario. Prolingua avisaba da situación de emerxencia na que o goberno galego situou á lingua galega despois da política lingüística desenvolta nestas dúas últimas lexislaturas. A Mesa publicaba un informe denunciando o incumprimento do PXNL e instando ao goberno á volta ao consenso, abandonado sectaria e unilateralmente polo Partido Popular. A pesar de que se reduciron moito as referencias ao PXNL, no discurso oficial continuamos a velas aínda a día de hoxe:
Ata finais de ano, FalaRedes 2014 chegará á totalidade de concellos da RDL cun total de cinco actividades e 150 sesións de dinamización lingüística que buscan cumprir os obxectivos do Plan xeral de normalización da lingua galega, nomeadamente aqueles que animan a promover o uso e a valoración positiva do noso idioma na infancia, na mocidade e na familia, enchendo o seu tempo de lecer con actividades de calidade en galegoClaro que isto significa que todas as propostas en materia de política lingüística da Xunta no ámbito da infancia, mocidade e familia se reducen a que, se cadra, a un de cada dous concellos poida chegar unha actuación teatral ao ano. Pois non hai ningunha outra proposta por ningures. Pola contra por orde dese mesmo goberno retiráronse milleiros de libros de texo das escolas por estaren redactados en galego.
Para conter a indignación que xenera este ataque frontal contra a lingua galega emítense desde as oficinas de prensa da Xunta unha serie de mensaxes que xeneran ideas erróneas sobre a realidade lingüística da nosa sociedade. É moi habitual, por exemplo, escoitar argumentacións que dan a entender que a redución de galegofalantes ten as mesmas características que unha plaga bíblica e que, polo tanto, non pode facerse nada desde as posibilidades que permite o densolvemento dunha ou doutra política lingüística. Nada máis falso. Esta mesma semana a rede CRUSCAT-IEC presentou un estudo no que se evidencia o fortalecemento do catalán en Cataluña así como dunha "involución sen precedentes" en Aragón, Baleares e Valencia debido, no primeiro caso ás boas prácticas na política lingüística e ás malas nos outros tres. Destacábase no informe que a maior involución se daba no ámbito educativo, fundamental para apuntalar un bo plan normalizador. Aquí é habitual escoitarlle ao secretario xeral de política lingüística que para porlle freo á perda de transmisión interxeneracional hai que poñer o foco nas familias, no hábitat [sic], na sociedade..., pero non na política educativa. Sabemos que establecer liñas exclusivamente na educación non son garante o éxito normalizador pero sen o apoio deste pé non se poden dar pasos cara adiante.
A Xunta viroulle as costas ao galego. A proba verémola hoxe mesmo, ante este aniversario do PXNL non hai programado ningún acto oficial para celebrar a data. Teremos que darlles a razón, non hai nada que celebrar. Non fagades festas! A lingua galega está de loito.
De seguido, un repaso dalgunhas liñas de actuación da Xunta contra o PXNL. Hai máis, non as engado por falta de tempo, non porque non haxa máis que, desafortunadamente, si que hai.
Na educación.
As maiores dificultades que encontra o goberno no seu empeño de promoción da nosa lingua veñen precisamente do propio goberno. Basta con poñer uns poucos exemplos.
O PXNLG di, concretamente nas medidas 2.126 e 2.1.27 que as matemáticas e a tecnoloxía impartiranse en galego no ensino non universitario. O decreto 79/2010 asinado e promovido por por Jesús Vázquez explicita exactamente o contrario nos artigos 6.3 e 7.3.
O punto 2.1.6 di que a Xunta establecerá "a obrigatoriedade de coñecer a lingua galega para acceder á docencia en Galicia" e a primeira medida do goberno Feijóo do 2009 foi precisamente o de retirar en todas as probas de acceso ao funcionariado esta garantía de servizo ao cidadán en lingua galega.
O PXNLG di que se debe garantir que o alumnado do ensino non universitario reciba un mínimo dun 50% de docencia en galego. O decreto 79/2010 establece o 50% como máximo cun engadido de que tendencialmente se reducirá ao 33%.
O PXNLG di que será un obxectivo o de 'garantir unha ampla oferta educativa en galego nos primeiros treitos educativos e na aprendizaxe da lectoescritura, na perspectiva de que este idioma se converta na lingua primeira do sistema educativo en Galicia' e para acadalo establecía as medidas 2.1.22, 2.1.23, 2.123, 2.1.24 , 2.1.25 e 2.3.4 que asegurase para todos os nenos galegofalantes un primeiro ensino en galego así como un mínimo dun terzo en contextos castelanófonos. A Mesa publicou un informe que establece nun 3% a porcentaxe de centros que traballan en galego nas etapas infantís.
A medida 2.3.9 do PXNLG propoñía que a ' TVG que sitúe en horarios de maior audiencia o programa “Preescolar na casa”'. En contra das protestas e das mensaxes de apoio á iniciativa "Preescolar na casa", a Xunta púxolle o peche definitivo a este programa educativo infantil.
E que dicir da redución constante aos Equipos de Normalización dos centros de ensino nestes últimos cinco anos?: 70% menos de orzamento, redución de dispoñibilidade horaria para a realización de tarefas normalizadoras, falta de apoio organizativo e institucional, atrasos nas convocatorias de axudas,...
Nas administracións.
A medida 1.2.3 do PXNLG establece que 'todos os departamentos e organismos dependentes das deputacións e concellos (oficinas de atención ao público, instalacións deportivas, televisións e radios municipais, servizos de augas, etc.) teñan a lingua galega como lingua xeral de referencia oral e escrita'. Pola contra as medidas adoptadas van na dirección contraria pois desde o 2009 pódese acceder a unha praza de funcionario sen realizar ningunha proba nin de nin en galego.
A medida 1.3.5 do PXNLG di que se debe 'verter ao galego os programas informáticos de xestión e os formularios de uso cotián e garantir a súa presenza en todos os órganos xudiciais de Galicia'. Desde o 4 de maio do 2010 púxose en marcha un novo programa de xestión das tramitacións xudiciais exclusivamente en castelán. Van catro anos e medio de exclusión completa do galego da administración de xustiza.
Na vida pública e na empresa privada.
A medida 2.4.19 di que se debe 'fomentar a dobraxe ao galego do cine exhibido en Galicia e garantir a súa distribución e exhibición en condicións de igualdade respecto do cine en castelán'. Propoñía a dobraxe de polo 10 filmes anuais. Hai alguén que poidera ver unha película en galego no cine nos últimos 10 anos?, e nos últimos 30 anos?
A medida 2.1.38 do PXNLG determina que debe haber un 'compromiso do Goberno para que os conselleiros e altos cargos da administración autonómica se comprometan a desenvolver o seu labor e a súa relación con administradores e administrados en galego'. Por mostrar só unha evidencia, lembremos que pretentación de Feijóo dos contratos con Pemex, alén de atentar contra a lei electoral, foi un desprezo a todo o pobo galego por ser realizado íntegramente en castelán. Durante toda a lexislatura multiplicáronse os casos nos que os conselleiros realizaron intervencións en español no labor de desenvolvemento do seu cargo.
Medida 2.4.2 do PXNLG indica que se debe 'fomentar o uso do galego nos ámbitos sociais de máis impacto e utilización por dos máis novos (pubs, discos, bares musicais, etc.)...', e a 2.4.11 aposta polo 'fomento da utilización do galego nas actuacións e actividades musicais'. Pola contra a propia Consellería de Cultura e Educación mantén un programa e un portal, Galicia importa, exclusivamente en español. Así que xa non pararemos a buscar os inexistentes soportes en galego (medida 2.4.12) que difunden actividades de interese para a mocidade, nin andaremos á procura deses programas en galego destinados á mocidade (mediad 2.416), pois os poucos que había, como o da Radio Galega, Aberto por Reformas, foi un dos primeiros en ser pechado polo goberno Feijóo.
Medida 3.1.21: 'A Administración Galega realizará a súa publicidade en Galicia en galego' . No mes de maio do 2010 a Xunta presenta a súa primeira campaña en castelán: Ahora Galicia conecta contigo. Isto converteuse nunha obsesión. Lembremos a estrañísima campaña: Galega 100%, referida ao leite galego.
A Xunta debería promocionar, segundo a medidas 3.2.15, 3.2.16 e 3.2.17, a tradución ao galego. A resposta: baixan un terzo no 2011, e volven a reducirse nun 20% no 2012, e novas reducións para o 2013 e 2014
E sobre as medidas 4.2.x, que son as que teñen que ver co comercio galego? Aprobouse unha lei do comercio sen ningunha referencia á normalización. Lembremos que o anteproxecto presentado no 2008 si garantía os dereitos lingüísticos dos usuarios.
Nos medios e na cultura
O punto 3.1.17 indicaba que se deberían asinar "Acordos cos diarios de maior tirada, para ir aumentando a presenza do galego, atachegar en 10 anos a un mínimo dun 30%" Outras medidas establecían que as axudas aos medios só se achegarían despois de obxectivos cumpridos ou a promoción de xornais de ámbito local redactados en galego. Non vou repetir aquí a lista de medios en galego que pecharon non últimos anos, só lembrarei un detalle que explica cal é a forma de actuación da Xunta: o ano pasado a campaña institucional do Día das Letras emitiuse en todos os medios agás naqueles que tiñan o galego como lingua.
Se houbo un colectivo destacado pola plena normalización éste foi o do teatro. Os paus que recibiu nas últimas lexislaturas son antolóxicos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario