por Xoán Babarro González, nas Voces de Prolingua:
Para achegármonos á literatura do occidente de Principado convén partir do feito de que se produce nunha área xeográfica administrativamente non galega, onde a lingua autóctona non gozou do mesmo respaldo político, social e cultural que en Galicia e onde a miúdo a progresiva conformación do sistema literario e os movementos pola normalización lingüística e oficialización do galego en xeral tan só afectaron tanxencialmente. A iso habería que engadir a existencia en Asturias doutra lingua autóctona, o asturiano, cunhas variantes dialectais moi marcadas, tradicionalmente denominadas bables, onde algunhas veces atopamos encadradas as falas galegas e os textos que nelas se producen.
O autor galegoasturiano máis coñecido ao longo do século XX, antes da época autonómica, foi o primeiro presidente do Seminario de Estudos Galegos, Armando Cotarelo Valledor, natural da chamada daquela A Veiga de Ribadeo, polas súas pezas teatrais, publicadas e representadas na década dos anos vinte e posteriores, e porque a Real Academia Galega lle adicou o 17 de maio de 1984. O resto dos escritores, salvo para algún que outro lector de periódicos mariñaos, pasaron desapercibidos en Galicia e permaneceron circunscritos ao ámbito comarcal do oriente de Lugo e do occidente de Asturias.A partir de 1963, coa aparición da Historia da literatura galega contemporánea de Ricardo Carballo Calero (Galaxia, Vigo), como epígonos do Rexurdimento, empezamos a ter noticia de tres “poetas da dereita do Eo”, Antolín S. Mediante, Conrado Villar Loza e Ramón García González; ordenados polo historiador segundo o grao de galeguidade das respectivas obras, un trazo que, visto con ollos actuais, radicaba en que tiveran o galego literario como referente ou ben utilizaran a variante dialectal propia, dúas posturas que teñen convivido nesta área xeográfica ata os nosos días. Coa diferencia de que, actualmente, utilizar formas do galego normativo é considerado como demérito polos partidarios de construír unha literatura autónoma xebrada da de Galicia.Presupoñemos en Carballo unha información limitada dos devanditos autores, xa que só utiliza como apoio bibliográfico a Antología de poetas asturianos de Pedro G. Arias (Instituto de Estudios Asturianos, 1958), onde os tres figuran entre os escritores en bable. Deducimos que descoñecería que García González publicara o libriño Amarguras d’un viaxe en 1920, que Villar Loza editara o “pasillo en dialecto tapiego en un acto y en prosa” Un feixe de tapiegadas en 1922 (estreado en Tapia en febreiro de 1921) ou que Mediante, cando xa contaba cunha ampla obra espallada polos xornais das dúas bandas da ría e a quen Arias cualificaba como “poeta terruñero, muy leído por el campesinado de ambas riberas del Eo”, fora galardoado na Festa da Poesía organizada en Lugo pola Asociación de Prensa en 1925, baixo o tema “á mellor poesía en galego”, polo poema “A un moíño desfeito”,[…] Moín de rego cativo, / con sede nunca saciada,que, nas landreadas paredes / inda parece que gardas
a quentura dos afeutos / que, mentras no gran mazcabas,ó teu arrimo prenderon / en muitas sinxelas almas. […]
Chama a atención a última ausencia se pensamos que a composición fora recitada polo secretario do xurado na velada de entrega de premios, onde actuaba de mantedor Antón Villar Ponte e onde figuraban entre os compañeiros premiados Ramón Otero Pedrayo coa “crónica periodística” “La poesía gallega” e Antonio Couceiro Freijomil con “Retranqueiro”, “cantares galegos” dos que publica unha mostra no número 23 da revista Nós, coa indicación de que fora premiada no Certame lucense. No manual citado, polas lóxicas limitacións, tampouco se fai ningunha referencia aos textos destes e doutros escritores divulgados por Las Riberas del Eo, La Comarca, Castropol, El Agricultor, Brisas del Eo, Ecos Vegadenses e demais cabeceiras mariñás.Hoxe sabemos que o Rexurdimento con oriundos de entre o Navia e o Eo comeza a visualizarse timidamente a finais do XIX e principios do XX con autores coma o veigués Antonio Cuervo Fernández, o boalés Bernardo Acevedo Huelves ou o tapiego Carlos Pérez Méndez, recollidos por Xosé Miguel Suárez Fernández en Unde letras falan. Antoloxía da poesía en galego-asturiano (1891-2006) (Trabe, Uviéu, 2006). Mais, a medida que pasan os anos, acaba por producirse un cambio significativo. Este maniféstase ao longo de 1913 (cincuenta anos despois dos Cantares gallegos de Rosalía), especialmente a raíz da publicación de “A Veiga de Ribadeo” de Mediante, pola transcendencia popular que tivo este canto á Veiga, de 298 versos, e polos múltiples recoñecementos ao autor, entre os que salienta no mundo literario o de Federico Magadán Vidal, que lle dedica o soneto “Gratitú”,[…] Cantache ben, poeta, e de por vida,deuda de gratitú, deuda sagrada,
contigo ten A Veiga contraguida. […]
A presenza de escritos nos xornais continúa nos anos seguintes e, ás obras obras que xa mencionamos, poderiamos engadir a comedia El trato de Francisco F. Arias Campoamor, estreada nas Figueiras en 1926, ou moitas das poesías de José Fernández García “Pepe Muestras”, escritas na fala de Navia.Durante os anos que preceden á Guerra Civil, unha serie de manifestacións de carácter cultural van modificar sensiblemente o mundo literario; de tal maneira, que dan en marcarse trazos diferenciais con respecto á mentalidade e aos estilos decimonónicos que predominaran. Vai resultar fundamental o labor desenvolvido en torno á Biblioteca Popular Circulante de Castropol, fundada xa en 1922, en relación coa popularización da lectura, o folclore e o teatro, no que tamén se contempla o de monicreques para nenos.Deste tempo consérvanse varios orixinais e traducións ou adaptacións teatrais, así como textos narrativos publicados no quincenario El Aldeano. Entre os artífices, como ben sinala Xosé Miguel Suárez Fernández en El “Teatro Aldeano” da Biblioteca Popular Circulante de Castripol (1929-1934) (Ámbitu, Uviéu, 2009), cómpre citar, entre outros, a Manuel Marinero, Francisco Marinero, Vicente Loriente, Mª Ramona Penzol, Claudio Penzol, Ramón Martínez “Xuanín de Xonte” e Alejandro Sela, ao que pertence este fragmento de “Os santurrois” (El Aldeano, nº 30, 30-XII-1930):Duas ou tres casas en cada pueblo son abondas pra que se xunten os devotos d’os santurrois, que son muitos. Van os novos de cada casa, y’unha vez c’outra, os santurrois vellos, pr’acompañalos. Eu sempre acompaño a os meus fiyos porque, s’ei decir a verdá, gústanme a min tanto como a elos, y ademais, gústame acompañar as fiyas, porque n’estos tempos non se poden deixar solas. ¡Haivos cada xilitron por ei!Cun pequeno conxunto dos escritores nacidos durante a segunda década, entre os que se acha Sela, seguindo De Pondal a Novoneira (Xerais, Vigo, 1984) de Xosé Luís Méndez Ferrín, individualizamos o grupo xeneracional de 1936, como xa fixemos público en Évos un amaicer guapo. Aproximación á poesía en lingua galega do Principado de Asturias (Universidade de Vigo, 2007). Son autores que, ademais de proporcionárenlle un novo aire á narración, mostran na poesía a pegada do modernismo e das vangardas. Do concello de Castropol coñecemos bastante ben a obra de Alejandro Sela, Francisco Fidalgo Villaveirán e Amador Fernández Mejeras. A eles únese Ovidio Martínez Álvarez “Ovidio de Queipo”, natural de Boal, moi amigo de Amador. Con obra espallada por diferentes xornais, coinciden os catro no ribadense Las Riberas del Eo, ás veces colaborando dous deles no mesmo número.Alejandro Sela, a quen Suso Fernández Acevedo n’A herdade que nós temos. Historia e escolma da prosa en galego do Eo-Navia (Universidade de Vigo, 2008), considera “un dos precursores da tradición prosística en galego no Eo-Navia”, deixou, asinando cos pseudónimos “Fulano de tal” e “El tío Pepe”, unha serie de narracións sobre temas etnográficos e de costumes. Escribe nunha lingua fiel ao sistema familiar, na que non deixan de aparecer dobretes en formas coma non e nun, vellos e veyos, cando e cuando, para e pra, pra este e preiste, etc.Fronte ao sistema anterior, Mejeras, que salienta polo uso do soneto, a oitava real e outros metros clásicos, utiliza sempre o galego común. Poeta formado no seminario de Mondoñedo, onde coincide con outros escritores, figura ao lado de Fidalgo Villaveirán no número fundacional do xornal Atalaya, que elaboran nas Figueiras (Castropol). Pola contra, o sistema literario de Fidalgo é cambiante. En escritos de xuventude, coma o sainete [As dúas riquezas], fai convivir formas orientais galegoasturianas (tolluras, adelante, mía, el...) con outras de maior uso (diante, miña, Bonifaciño...). En cambio, a partir de 1950, no poema e nas narracións que lle coñecemos, acomoda a escrita aos trazos dialectais do lugar onde ve a luz o programa de festas que recolle o texto.Pola súa parte, a musa poética de Queipo, quen frecuentara en Madrid os ambientes literarios do Café Gijón, sabe integrar as variantes boalesas entre as maioritarias, como podemos observar por esta estrofa de “Bagoas e tristuras” (Las Riberas del Eo, núm 3384, 27-IV-1940):Eu qu’a y’alma atormentéin,con amoriños lexanosy chorosos:Diréivos que equivoquéin¡Experiencia d’os meus anos,mentirosos...!
Ningún comentario:
Publicar un comentario