Hoxe 22 de setembro cúmprense 10 anos xustos da aprobación do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, texto elaborado por varios centos de técnicos e especialistas e que recibiu no seu día o apoio únanime de todos os grupos parlamentarios e do goberno presidido por Fraga e vicepresidido por Núñez Feijoo.Este documento viña desenvolver a Lei de Normalización de 1983 e botaba a andar por vez primeira un programa integral de normalización da lingua galega en Galicia ante a imposibilidade de facer vida normal en galego e a alarmante perda de falantes da nosa lingua, sobre todo entre a mocidade das vilas e cidades.Eran cinco os grandes obxectivos que marcaba este Plan: garantir a posibilidade de vivir tranquila e normalmente en galego; conseguir para a lingua galega máis función sociais e máis espazos de uso, sobre todo en sectores estratéxicos (medios, administración, ensino, sanidade etc.); introducir na sociedade a oferta positiva de atender o cidadán ou o cliente en galego como norma de cortesía dun novo espírito de convivencia lingüística; promover unha visión afable, moderna e útil da lingua galega que esfarele prexuízos, reforce a súa estima e aumente a súa demanda; e dotar o galego dos recursos lingüísticos e técnicos necesarios que o capaciten para vehicular a vida moderna.O Plan contiña 440 medidas concretas agrupadas en sete eixos temáticos: administración e xustiza, ensino, medios de comunicación,economía, sanidade, sociedade e proxección exterior.Durante o cuatrienio bipartito puxéronse en marcha (timidamente) unha serie de medidas: as galescolas, as liñas en galego en máis de 40 centros do país, a aprobación do Decreto 14/2007 para o ensino (chamado do 50%) etc., pero o PP, ao regresar ao goberno galego empezou lexislar salvaxemente para desmantelar os poucos avances que se produciran: suprimiu galescolas, liñas en galego, decretos, avances en novas tecnoloxías en galego etc. Baste lembrar que a primeirísima actuación legal do goberno Feijoo en 2010 foi eximir os funcionarios do coñecemento do galego. A partir dese os funcionarios xa non teñenque saber galego para exercer en Galicia. Baste comprobar tamén que coa implantación do falsamente chamado “Decreto de Plurilingüismo” conseguiu eliminar toda a educación infantil e primaria en galego nas cidades e grandes vilas e prohibiu o ensino en galego de materias prestixiosas como Física, Química ou Matemáticas. Era a primeira vezna historia que un goberno se ensañaba coa súa propia cultura e lexislaba en contra dela.Podemos asegurar que daquel Plan Xeral de Normalización do último ano de Fraga apenas se cumpriron durante o goberno bipartito o 30% dos obxectivos, baixando esta porcentaxe a un escaso 10% actual, polo que debemos asegurar que foi un plan que cando se ía implantando paseniñamente foi dinamitado con mentiras e violencia institucional polo goberno Feijoo. Ou non é violencia -por exemplo-, ameazar a Xunta por escrito aos concellos con impugnar todas aquelas prazas a concurso nas que se esixa o coñecemento da lingua galega?No malchamado Decreto 79/2010 de Plurilingüismo, aprobado en solitario polo PP coa oposición de toda a comunidade escolar, de todas as asociacións pedagóxicas, de todos os sindicatos de ensino, de todos osgrupos de oposición etc., co (h)único afán de satisfacer sectores madrileñistas e centralistas alérxicos ao galego, dicíase hipocritamente que o obxectivo era que todos os alumnos galegos rematasen a escolarización obrigatoria sabendo falar e escribir galego e castelán.Dicíase tamén que o goberno tería que avaliar anualmente o cumprimento deste obxectivo final pero seguen sen dar un só dato destas avaliacións. Non fai falla que os dean, simplemente calquera cidadán pode tentar manter unha conversa en galego con alumnos de 6º de Primaria de calquera centro escolar urbano ou vilego de Galicia e comprobar como a inmensa maioría dos nenos e nenas non dan articulado unha frase en galego, porque non o saben e se senten inseguros, porque non teñen hábito, porque nunca manexan o idioma ou porque están -de novo- cheos de prexuízos.O Decreto 79/2010 de Plurilingüismo é un fracaso, só serviu para que naufagase toda a política de recuperación e rehabilitación social danosa lingua e para que resucitasen un quiñón de prexuízos ignorantes e clasistas contra o noso idioma. Por iso precisamente os actuais gobernantes ignoraron e incumpriron un Plan Xeral aprobado por unanimidade, para acabaren co noso idioma de maneira disimulada e indolora, niquiricando. Aquí e agora é cando se vai ver se Galicia se quere e ten autoestima ou non, e se dá reaccionado ou non ante este ataque frontal contra a súa identidade e o seu futuro como pobo.
Páginas
Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego
mércores, 24 de setembro de 2014
10 anos perdidos na normalización do galego
por Xosé Henrique Costas, O Sil.com:
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario