Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 26 de setembro de 2014

10 anos sen Plan de Normalización

por Marcos Maceira Eiras en El Correo Gallego:

O 22 dede sesetembro de 2004, as persoas que amamos o noso país e a nosa lingua comezabamos a ollar o futuro con novas esperanzas. A unanimidade arredor do noso idioma atravesaba as filas de todos os grupos parlamentares. Víñase de aprobar o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, que contara na súa elaboración coas opinións de case mil persoas de todos os ámbitos sociais. Un punto de partida para normalizar o uso do idioma, para convertelo de feito en oficial, e non só na apariencia legal.
Os primeiros pasos –tímidos e insuficientes– cos que botou a andar este PXNLG frustráronse de vez coa chegada de Núñez Feixó á presidencia do Goberno, cuxas primeiras accións se destinaron precisamente a lexislar de forma belixerante en contra das medidas do Plan, dinamitando os consensos sobre a lingua.
De forma que dez anos despois seguimos igual ou en moitos casos mesmo peor que en 2004, como vén de demostrar a avaliación que presentou estes días a Mesa pola Normalización Lingüística.
O do ensino, onde por primeira vez na historia da autonomía está prohibido ministrar en galego as materias do ámbito científico como matemáticas, ou onde a nosa lingua está eliminada da Educación Infantil nas cidades, é o caso máis palpábel e o que maior rexeitamento social provocou.
Mais son outros moitos sectores nos que o galego non está en igualdade de condicións, onde a opción de escoller o galego non existe, ou de existir, a súa escolla aparella molestias difíciles de aturar, que marcan diferenzas segundo a lingua que se fale, e onde quen fala galego sempre ten as de perder.
Para comprobalo basta con ver o que acontece ao solicitar un documento público en galego. Alugar ou comprar unha casa, atopar impresos en Facenda, ou casar, require engadir moita forza de vontade se se quixer facer en galego. Por non falar de que non temos posibilidade de vermos filmes na nosa lingua nin sequera en DVD cando si hai unha oferta ampla noutros idiomas. Cantas usuarias ou usuarios de servizos de atención ao público teñen que soportar que lle neguen a atención se non mudan ao castelán? Mesmo nunha estraña inversión de papeis, empresas con interese en vender determinados produtos exixen do cliente a renuncia á súa lingua para continuaren coa conversa.
Pór en marcha dunha vez o PXNLG non é máis que retomar o consenso. Un camiño ao que teñen que voltar quen o abandonaron a golpe de decreto, se queren honrar a palabra dada en sede parlamentar, o Presidente Feixó e o Partido Popular. Queremos vivir en galego con total normalidade como calquera pobo vive na súa lingua. O camiño trazouse no PXNLG, fagamos todo o que estea da nosa man para que se cumpra.

Ningún comentario:

Publicar un comentario