por Xosé Manuel Sánchez Rei en Terra e Tempo:
A onomástica é a disciplina que se ocupa do estudo dos nomes propios, referidos a persoas ou a lugares, en cuxos respectivos casos se chama antroponimia ou toponimia. Trátase dunha rama do saber en que conflúen outras perspectivas de pesquisa científica, como a demografía, a etimoloxía, a historia, a sociolingüística, a xeografía etc. Neste sentido, para alén das relacións entre a dialectoloxía e a toponimia, tamén se evidencian con facilidade vínculos entre a pesquisa dialectolóxica e os nomes persoais, nomeadamente nos apelidos, xa que se aprecian con relativa comodidade certas tendencias territoriais canto á documentación daqueles. Moitos antroponímicos teñen como orixe topónimos e constitúen un importante grupo, tanto pola súa cantidade canto pola notoria diversidade formal que presentan: Casás / Casais, Eirís / Eiriz, Parafita / Pedrafita, Queiruga / Queiroga / Quiroga, Teixedo / Teixido etc. Nas liñas que agora comezan imos reflectir brevemente sobre algunhas atestacións que se poden observar nos apelidos galegos a respecto da súa documentación no territorio e poderemos corroborar diversas predominancias antroponímicas en determinadas rexións do país.
Sobre estes particulares asuntos, chama a atención, con todas as imprecisións derivadas dunha análise especialmente intuitiva, como a xente de idade ás veces dá mostras de ter unha relativa capacidade para adscribir apelidos a comarcas concretas. Posibelmente, isto estea en relación co costume, tan arraizado na Galiza tradicional, de ir aos enterramentos e de ver os xornais para consultar as nótulas necrolóxicas. Non está sen exemplo o feito de ouvirmos persoas idosas relacionaren os apelidos Chouciño e Varela coa zona de Ponteceso e de Malpica, en Bergantiños, pois nesa parte do país presentan frecuentes documentacións entre a cidadanía e, de parecido xeito, algúns vellos tampouco dubidan en adscribir Mato e Abelenda a esa mesma rexión occidental. Igualmente, o apelido Mantiñán, que tamén responde a un topónimo e a un hidrónimo do termo municipal da Laracha, na Coruña, identifícase entre a xente vella especialmente coa comarca que circunda esta urbe. Aliás, Seivane e Savane son patronímicos asaz coñecidos no país, mais presumibelmente orixinarios das serras orientais, de forma que na provincia de Lugo se di, ás veces, que proveñen deses lugares. E, por súa vez, Canzobre, que dá nome a unha aldea do Concello de Arteixo, é comunmente identificado polos petrucios cun apelido habitual na comarca ártabra, pouco ou nada asociado a outras rexións do país.
Algo de razón levan, pois, esas avoas e eses avós cando elaboran tal tipo de equivalencias xeográfico-onomásticas. Precisamente, ao consultarmos a información que figura na Cartografía dos apelidos de Galicia (http://servergis.cesga.es/webiste/apelidos), puidemos tirar algúns datos referidos á antroponimia e á súa frecuencia de documentacións en diferentes partes da nación, moitos deles coincidentes coas impresións da “mocidade” galega de setenta ou oitenta anos. Eis algúns exemplos tirados da Cartografía: o apelido Alvedro aparece especialmente na comarca da Coruña e en Bergantiños; Cuns é un patronímico común na provincia da Coruña, en particular na Terra de Soneira e en Fisterra; Morandeira rexístrase en varias partes do país, mais onde coñece unha frecuencia relevante é no centro-oeste da provincia de Lugo; por seu turno, Mourelle está presente en diversas comarcas, mais é na zona do Val do Dubra onde se máis rexistra; o apelido Naia (grafado ás veces como *Naya) aparece normalmente en Bergantiños e nas Mariñas coruñesas, ao mesmo tempo que dá nome a unha aldea limítrofe entre as administracións municipais da Coruña e de Arteixo; Pacio, por súa vez, documenta o maior número de casos na metade setentrional da provincia de Lugo, o que resulta congruente coa isoglosa toponímica Pazo / Pacio; Quiroga detéctase en xeral en todo o territorio galego, mais é nesa mesma provincia onde se rexistra en maiores proporcións, e en especial na metade meridional e nos concellos próximos de Ourense; Quintela é coñecido na maior parte da Galiza, embora sexa na rexión coruñesa de Sobrado dos Monxes onde posúe un máis elevado número de documentacións, ao paso que unha outra súa variante, Quintenla, é habitual en Bergantiños e nalgunhas áreas de Pontevedra; Vieites, que debería ser grafado como Bieites ou Biéitez, ten numerosas atestacións na Galiza occidental, sobre todo na provincia da Coruña e na metade setentrional da de Pontevedra; etc.
Por outra parte, dada a orixe toponímica de moitos apelidos galegos, os casos de fenómenos dialectais con repercusións nos nomes de lugar transparecen tamén nos antroponímicos da Galiza. Non é a nosa pretensión citarmos aquí todos eses exemplarios, mais si notarmos que se perciben algunhas tendencias equivalentes canto á documentación nos apelidos que resumimos do modo que segue: así, en primeiro lugar, dáse unha relativa correspondencia entre os nomes xeográficos e os antropónimos do punto de vista dialectal; aínda que as persoas viaxan e se moven (cada vez máis nos nosos tempos) e os topónimos fican sempre designando as mesmas realidades, tamén se constatan exemplos de fenomenoloxías rexionais na onomástica persoal, como os casos de Aira / Eira ou Abeleira / Abelaira / Abraira, de seseo (-ís / -iz, Maseda / Maceda, Sas / Zas etc.), das terminacións -án / -á, -án / -ao (Fontán / Fontao, Aldán / Aldao, Vilameá / Vilameán, por exemplo), -áns / -ás e -aos / -áns (como en Chans / Chas, Chaos / Chans) etc., o que inspira inmenso pesquisas dialectolóxicas canto á procedencia orixinaria de quen levar eses sobrenomes. E sen segundo lugar, tamén se observan nos antropónimos determinadas diverxencias nos resultados actuais debidas aos fenómenos da lingua popular, como os casos da aférese (Agrelo e Grela), a síncope (Coruxeira e Cruxeiras), as transformacións nos ditongos (Eiravedra e Iravedra), a oscilación entre vogais átonas (Folgueira, Felgueira e Filgueira, Regueira e Rigueira, Socastro e Sueiras, Tobío e Tubío etc.), a metátese consonántica (Gándara e Grandal, Castro e Crasto) etc.
Falarmos de antroponimia tamén nos leva a termos unhas palabras para os alcumes, xa que na sociedade galega tradicional o seu uso para identificar persoas é práctica que vén de moito antigo e mesmo algúns pasaron a engrosar as listaxes de apelidos. Con frecuencia o alcume, que por súa vez pode ter tamén diversas orixes (características físicas ou psíquicas dunha persoa, oficio, lugar da morada etc.), dá nome á casa e aos individuos que nela habitaren, de modo que non é raro que nas necrolóxicas da prensa apareza, xunto ao nome “oficial”, estoutra posibilidade de nominación. O alcume, o nome da casa, sobrevive con frecuencia as persoas que a habitan e costuma pasar dunhas xeracións a outras. Cómpre facermos a pregunta de se entre os alcumes tamén se aprecian tendencias rexionais na Galiza, e a resposta parece ir na mesma dirección: como tamén acontece cos topónimos e os patronímicos, os alcumes resultan polo xeral lingüisticamente harmónicos coas solucións da área dialectal orixinaria; isto significa que, de apareceren, os fenómenos dialectais van posuír tamén unha relativa documentación no ámbito dos alcumes: solucións con gheada e sen ela, -án e -ao, presenza e ausencia de seseo, plurais das palabras acabadas en -n etc. tamén se documentan neste tipo de nomes (Os Ghorechos, Os Mighelantes, A Galiña Negra etc; O Coutelán, As dos Chaos etc.; As Soqueiras, Os de Bermús, O Zapateiro etc.; Os Caimarás, Os Batecáns etc.).
Por último, aínda que non é un obxectivo deste traballo estudar contrastivamente a antroponimia do ámbito galego-portugués, pódese sinalar algunha tendencia particular no referente á atestación de determinados apelidos nos actuais territorios galegos e lusitanos. Con efecto, embora todas elas sexan formas patronímicas comúns no antecitado ámbito, o certo é que resultados como Teixeira ou Pereira parecen coñecer unha maior frecuencia en Portugal do que na Galiza; inversamente, Teixeiro ou Pereiro, sendo rexistrábeis hodiernamente en terrritorio portugués, semellan ser máis habituais no noso país. Como queira que sexa, é posíbel que se trate con tales fenómenos dunha distribución case dialectal ou rexional no sistema lingüístico galego-portugués no tocante a ambas as posibilidades de documentación.
En síntese, podemos reparar en como os apelidos son susceptíbeis tamén de posuíren fenómenos propios da lingua común no tocante ás diferentes hipóteses de variación (dialectal, popular etc.) e, xustamente por isto, tamén poden presentar certa distribución territorial no país. Así, en canto os hai máis habituais nunhas comarcas que noutras ou case exclusivos destas, apareen outros, no entanto, que gozan dunha grande presenza en toda a nación. O estudo combinado da onomástica con diferentes ramas do coñecemento a que fixemos referencia máis arriba vira unha moito interesante liña de investigación, capaz de facer que saibamos máis da nosa idiosincrasia como pobo..
Ningún comentario:
Publicar un comentario