Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 21 de setembro de 2014

Dez anos de PXNL: Nada podemos celebrar

por Xosé Antón Laxe Martiñán, O SIL.info:


Este ano cúmprense dez da aprobación do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega. Era 2004 e naquela sesión do día 21 de setembro todo o arco parlamentario galego votou a favor dun plan que pretendía deter, en primeiro lugar, e reverter, despois, a xa indisimulable perda de falantes na nosa lingua. Hoxe, en 2014, se todo decorrese como debe ser en democracia, as institucións públicas galegas estarían organizando ducias de congresos, conferencias, seminarios e outros actos encamiñados a conmemorar a histórica data e a explicar os avances que se deberan lograr nunha década.Da mesma maneira, as nosas universidades, como comunidades superiores do saber, deberían intervir neste ano para analizar e criticar, se for preciso, o traballo feito neste tempo. As consellarías estarían a emitir informes que, previos os preceptivos estudos de evolución, explicarían os efectos da introdución, nalgúns casos, e promoción, noutros, do noso idioma na administración, nos distintos niveis do organigrama educativo, nos medios de comunicación e nas industrias culturais, na economía, na sanidade, na proxección exterior da lingua… na sociedade, en xeral.En definitiva, todas as organizacións que en Galicia velan pola saúde do primeiro trazo diferenciador que nos fai únicos no mundo, o idioma galego, deberían dedicar este ano ao estudo e emisión de comunicados explicativos e fiscalizadores dos éxitos ou fracasos do citado Plan.Pero nada disto será posible. Nada se celebrará, nada se analizará e nada se fiscalizará, porque ben poucas medidas foron aplicadas. E aínda que algo se fixo en eidos tan importantes como o ensino non universitario e a función pública, coa chegada do PP en 2009 todo isto se foi desfacendo ata a eliminación de todo o logrado. Hoxe a físgoa pola que escoa o noso idioma cara aos sumidoiros da Historia é máis ancha e fonda. Isto é así, en parte, porque o PXNL, esa folla de ruta que nos debería resituar no mundo como herdeiras e usuarias (e beneficiarias) dunha lingua milenaria e perfectamente capaz, nunca foi posto en práctica. Non é arbitrario lembrar que Alberto Núñez Feijoo era o Vicepresidente do goberno que impulsou a elaboración e aprobación do PXNL. Se iso non é un claro caso de transtorno tipo Dr. Jekyll e Mr. Hyde, xa me dirán o que é.

Ningún comentario:

Publicar un comentario