Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes 23 setembro 2014

Dez anos sen Plan de Normalización. Mudemos rumbos

por Antón Dobao, na Praza Pública:

Non sabemos se aquel Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG) aprobado unanimemente polo Parlamento de Galicia hai agora dez anos serviría para que hoxe puideramos falar dunha situación substancialmente diferente da lingua galega. Abondaría talvez con que fose aplicado co rigor que o compromiso político das tres forzas parlamentarias debería esixir. Principalmente o do partido que naquela altura, e tamén hoxe, ocupaba o goberno da Comunidade Autónoma. Mais non foi así, e o máis probable é que esa propia dúbida exposta ao inicio sexa innecesaria e un pouco absurda. Parece evidente que hai conciencia común dunha ocasión perdida, mesmo que non quede unha memoria moi exacta dos contidos daquel PXNLG. Non todas as medidas propostas eran as máis audaces nin estaban todas as que cumpriría ter en conta, pero hoxe igual iso é xa o menos importante. A década pasou coma un foguete, e para a lingua galega non foi a máis brillante.
Non todas as medidas propostas eran as máis audaces nin estaban todas as que cumpriría ter en conta, pero hoxe igual iso é xa o menos importante. A década pasou coma un foguete, e para a lingua galega non foi a máis brillante
Coa experiencia acumulada nesta década violenta, talvez sexa o momento de avaliar e reconsiderar algúns aspectos relacionados coas nosas necesidades normalizadoras. Digo así porque somos nós, como colectividade social, quen precisamos unha lingua de usos normalizados. Unha colectividade social que implica a maioría inmensa, porque a lingua é de todas e todos, de quen a usamos a cotío, evidentemente, e mesmo de quen sen falala a usa, porque inevitablemente participa en actos de fala nos que o galego se pon en vigor como ferramenta comunicativa. Mesmo quen non fala galego habitualmente necesita dominar o código para garantir a eficacia das comunicacións, e iso tamén o fai usuario da lingua, aínda que en moitos casos esa condición sexa pasiva ou se actualice con moi pouca frecuencia.
A lingua non goza dunha inmellorable posición, é esta unha evidencia que nos mobiliza, mais iso non quere dicir que estea enferma nin en perigo de extinción. Por moito que lle doia á Brigada de Demolición e aos seus colaboradores necesarios, a lingua galega está moi lonxe de desaparecer. Á parte da riqueza de expresións en que se refunda constantemente e vai conformando unha bagaxe textual que nunca poderá ser suprimida, existe a seguridade da súa pervivencia máis aló das xeracións que hoxe están vivas: unha lingua, e o galego non é outra cousa, vive mentres queden falantes vivos. Non é tan cedo o enterro. Os e as brigadistas de demolición non poderán asistir a el. Nós, por sorte, tampouco.

Por tanto, non deberiamos proxectar contra a lingua as nosas frustracións colectivas, que non son máis ca o resultado dunhas condicións materiais opresivas. Aí está, sempre, o lugar das intervencións colectivas. Falamos, dalgunha maneira, de que é imprescindible nesta altura concibir novas políticas lingüísticas -institucionais e sociais, de base-, que tal vez nos esixan desviarnos dalgúns vieiros que vimos transitando durante décadas, sen resultados esperanzadores. Pasar, se cadra, con menos obsesión por certos ámbitos sociais considerados de maior prestixio (nunha indubidable visión clasista da diversidade social) e deternos máis en asuntos nucleares para primeiro resistir o avance do proceso de substitución e desde aí avanzar na extensión social e privada: os dereitos dos falantes, o reforzo da lealdade lingüística, o freo aos procesos de creba da transmisión de nais e pais a fillos e fillas. Empecemos por asumir o que somos. A lingua sobrevive nas clases populares maiormente, está materialmente ligada ás relacións de produción -e de poder- que nos organizan en sociedade.

Lembrarmos o décimo aniversario, que case é tamén cabodano, do PXNLG se cadra é útil para manter esperta a conciencia, para que non sucumba á perplexidade ao comprobar como o goberno da Xunta constrúe unha hexemonía cultural uniformizadora e glotofáxica. Con todo o que iso significa non só para a lingua, senón para todas as dimensións materiais e simbólicas comúns a este pobo que non merece sequera o recoñecemento como suxeito colectivo de pleno dereito. A memoria dese PXNLG debera convidarnos tamén a impoñernos a necesidade de mudar rumbos. A mudanza significa trocar certos clixés idealistas por unha concepción materialista da realidade da lingua e dos seus procesos. E devolver responsabilidades e culpas aos lugares dos que nunca deberon saír. Porque nun proceso de substitución tamén hai vítimas. Hai quen domina e quen é dominado. Asumamos a existencia de formas de alienación, pero non acudamos a elas como explicación universal. A culpa dos abandonos da lingua, da caída da lealdade lingüística ou das crebas na transmisión non é dos falantes nin do seu máis que discutible autoodio. Esa é unha explicación consoladora, ao tempo que inxusta e ineficaz. Acudamos dunha vez á base material das nosas formas de vida. Aí, nese nó, esgazando o aparente misterio, está o núcleo dunha nova política lingüística normalizadora. Non o vaiamos procurar aos arredores, porque alí só bateremos de fociños con máis formas de distanciamento entre unha elite que o comprende todo e unha gran masa de falantes que posúen o don da lingua pero non a conciencia do seu uso nin o amor que ela require nin sequera o respecto pola súa pureza arcádica. Abandonemos esa distancia ocasionada por unha interpretación idealista dos fenómenos sociolingüísticos. Cómpre poñer en cuestión esa especie de inversión de proba á que acudimos con tanta frecuencia.
Desde que Núñez Feijóo accedeu á presidencia da Xunta de Galicia, a lingua e os falantes temos a estraña sensación dun contacto metálico e frío na tempa esquerda. Pero o gran triunfo da súa política lingüística, que a ten, preguntade en FAES, non foi o de terminar co galego; para iso non abondaría cunha acción de goberno, por moi obsesiva e infame que fose. Xa dixen que, nese sentido, a brigada fracasou e fracasará constantemente. O seu triunfo é discursivo. Por unha banda, porque promove que manteña e incremente carta de normalidade social toda clase de atropelo contra os dereitos dos falantes e a institucionalización explícita da imposibilidade de desenvolvermos as nosas vidas na nosa lingua.

Falamos dun dereito inalienable que tamén conculca o Estado español. E a Unión Europea, tal como vemos estes días, aínda que algúns, disparatadamente, acudan á inversión da proba e culpen a quen é vítima desa conculcación dun dereito fundamental. Ademais, o goberno do PP conquista hexemonía xusto na medida en que os sectores e grupos sociais máis concienciados abandonan lugares e recúan no horizonte de expectativas. Pensemos, coma un exemplo flagrante neste sentido, no abandono absoluto dunha reivindicación básica e imprescindible, tamén desde un punto de vista pedagóxico, como é a dun modelo de inmersión lingüística. Dicir hoxe inmersión lingüística equivale a empregar un significante de aparencia terrible e totalitaria. Pero só se se trata do ensino da lingua galega; nos outros casos conserva todo o seu valor pedagóxico. No plano do discurso, a radicalización da política lingüística oficial, que é transversal malia as aparencias e por tanto non depende da Secretaría Xeral de Política Lingüística, impuxo unha nova verdade: todo tempo anterior a Feijóo foi mellor, e por tanto sería un avance regresar a momentos previos ao 2009. En parte é o que nos está a ocorrer coa lembranza, tamén se cadra algo mistificada, do malogrado PXNLG. A consecuencia é unha alta dose de renuncias e unha perda de audacia e de radicalidade na formulación de vías alternativas para a normalización. É coma se hoxe nos viramos obrigados a concibir como obxectivo desexable aquela pax fraguiana que impoñía a morte lenta por inanición. Coidado con certos consensos... E se o obxectivo era desactivar todas as correntes normalizadoras?

Sexa como sexa, toca lembrar o PXNLG. Probablemente máis pola súa desaparición que polo seu contido. É un símbolo que expresa a dimensión do ocorrido estes anos. Pero cómpre pensar xa nun novo punto de partida sobre o que construír o camiño que nos leve a onde ningunha das políticas lingüísticas destes últimos corenta anos nos levou. O problema é máis complexo ca o seu simple enunciado, ben o sei, e igual require dun gran debate social, político e cultural que nos xunte arredor dun novo espazo normalizador diverso, plural e activo.
Empecemos a concibilo e a construílo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario