«A nosa fala constitúe o cerne central da nosa identidade, o alento e a alma do pobo galego, e como tal, debemos tra¬ballar todos moi unidos e na mesma dirección” Son as palabras que por escrito nos deixou Manuel Fraga Iribarne -daquela presidente da Xunta-, coincidindo coa sonada afirmación de Castelao: “Se somos galegos é por obra e graza do idioma”. E fíxoo para presentar un acordo histórico e exemplar do que, xusto hoxe, se cumpren dez anos: o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega aprobado no Parlamento, por unanimidade, o 21 de setembro de 2004. Ducias e ducias de especialistas, con preto de catrocentas cincuenta propostas, organizados por Comisións Sectoriais, traballaron arreo para non deixar fíos soltos: diagnósticos sobre o estado da lingua, puntos fortes e puntos débiles, análises dos problemas reais detectados, da competencia infantil, obxectivos, estratexias… Daquela Galicia comezou a tocar un soño esperanzador. Por fin todos os parlamentarios e parlamentarias que nos representan sentiron que a lingua, coma o oxíxeno, é un ben común de cuxa saúde todos e todas somos responsables. E aínda hai quen non o entende, a xulgar por un comentario que escoitei, a raíz da proximidade da efeméride: “¿Y por qué no hacen un plan para normalizar el castellano? También es nuestro, ¿no?” Por suposto que si! Mais non fai falta gozar dunha intelixencia privilexiada para recoñecer que defender unha lingua de noso, fermosa coma todas as linguas, non significa buscar a ruina de ninguhna outra. É triste que a estas alturas aínda falemos nestes termos do que debería ser obvio, verdade? Se tivésemos dous fillos, un deles gozando de boa saúde, coidado por moitos... e o outro igual de fermoso, intelixente..., e cantos adxectivos nos veñan á cabeza cando pensamos nos fillos, pero menos protexido porque só nos ten a nós para mirar por el e, como consecuencia, menos forte. A cal deberíamos prestar maior atención? Quizais a alguén, con boa lóxica, se lle ocorra que este último nos precisa máis, ou talvez haxa quen pense que os dous son fillos e que aos dous os hai que atender por igual. Quero crer que ninguén optaría por unha terceira e tremenda opción: se está menos forte, para que dedicarlle tempo? Vaise abandonando, a ver se falece. E eu que quería crer que a palabra diglosia empezaba a quedar en desuso! En fin, como diría Mahatma Gandhi, a humanidade é coma un océano e non se mancha porque unhas gotas estean sucias. En canto aos cambios con respecto ao galego no ensino, eu, xa xubilada, podo falar da miña experiencia. Impartín clases de galego e de matemáticas no primeiro ciclo da ESO, ambas en galego. O meu alumnado expresábase habitual e maioritariamente en castelán, e a lingua nunca xamais foi un obstáculo para a aprendizaxe, nin os fixo sentirse incómodos, nin me xerou problemas coas familias, nin eu deixei de sentir afecto por eles, só mágoa pola situación da lingua. Unicamente un, en certa ocasión -meu pobre!- , como lle dixen que tiña que practicar un pouco máis a lectura, respondeume: “profe, es que en gallego me cuesta mucho”. No recreo, cando marcharon todos, pedinlle que quedase un chisquiño e, púxeno a ler nun libro en castelán. Como me temía, a dificultade era a mesma. Co rapaz non entrei en máis detalles ca “ti tranquilo, que isto éche como aprender a montar en bicicleta, a forza de ler, irás collendo destreza”. En todo caso, se a desculpa non fose tal, só corroboraría que o que precisaba “normalizar” era a lectura en galego. Dez anos despois, a execución do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega continúa a ser unha tarefa inacabada con pasos da Penélope de Díaz Castro. Sigamos loitando polo soño de normalizar a lingua que herdamos dos nosos devanceiros empuñando as armas da palabra, esixamos que se cumpra co compromiso adquirido aquel 21 de setembro do 2004, cando o consenso entre as diferentes forzas políticas que nos representan fixo danzar os corazóns do pobo. Non esquezamos que a lingua é do pobo que a fala e que, no fondo, somos afortunadas e afortunados: nacemos con dous pans debaixo do brazo.
Páginas
Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego
martes, 23 de setembro de 2014
E Galicia comezou a tocar un soño
por Fina Casalderrey no Diario de Pontevedra:
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario