Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 23 de setembro de 2014

A necesidade de actualizar e aplicar o PXNL

por Francisco Fernández Rei no Diario de Arousa:


O nacionalismo, co BNG como principal formación política, procuraba que se adoptasen todos os medios legais para que o galego fose lingua de uso normal, mentres que os dous partidos maioritarios (PP e PSdG-PSOE) mantiñan un compromiso máis ben morno coa normalización lingüística, o que explica que a política lingüística autonómica fose de “baixa intensidade”, como a definía Anxo Lorenzo no 2008. A inexistencia dun plan integral de normalización, a alarmante caída na transmisión familiar e a perda xeral de falantes, sobre todo na mocidade urbana, motivaron que o goberno do PP, que presidía Fraga Iribarne, iniciase no 2002 a redacción do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG), nun proceso aberto, consensuado e participativo, ó que lle puxo o ramo o Parlamento de Galicia o 22 de setembro do 2004 ó aprobáreno por unanimidade os tres grupos da cámara (populares, socialistas e nacionalistas).
O primeiro obxectivo xeral do Plan era “garantir a posibilidade de vivir en galego a quen así o desexe, sabendo que conta co amparo da lei e das institución”, para o que se propoñían 445 medidas. Na etapa do goberno bipartito de socialistas e nacionalistas (2005-09) déronse algúns avances salientables na aplicación do PXNLG, como a creación das Galescolas (rede de escolas infantís), a aprobación da Lei do Libro e da Lectura e a presenza do libro galego en feiras internacionais, o apoio á difusión da música galega e da industria editorial, a posta en marcha de Axencia de Industrias Culturais e a creación dos Premios Nacionais de Cultura, á vez que se adoptaron algunhas medidas para favorecer actitudes positivas para borrar prexuízos sobre o idioma. Non se creou o Instituto Rosalía de Castro, necesario para a proxección da lingua e a cultura no exterior, para o que se podería aproveitar a rede de Centros de Estudos e de Cátedras de Galego, que todos os gobernos da Xunta promoveron e apoiaron.No ensino a medida máis significativa foi o Decreto 124/2007, do 28 de xuño, polo que se regulaba o uso e a promoción do galego no sistema educativo. Aplicando as medidas do PXNLG, no anexo dese decreto establecíase que na educación primaria e na secundaria, nos bacharelatos e nos ciclos formativos se garantise “que, como mínimo, o alumnado reciba o 50% da súa docencia en galego”. O Partido Popular mantén actualmente un compromiso formal co idioma e nunca construíu un discurso para atacalo directamente; porén, desde que gañou as eleccións en marzo de 2009 asistimos a unha clara deconstrución dos avances legais. É a primeira vez que se adoptan medidas contra o proceso de normalización, das que salientan dúas: a eliminación da esixencia dunha proba de galego para acceder a un posto de traballo na administración (Lei 2/2009, de 23 de xuño, coa que se modificou o texto refundido da Lei da función pública de Galicia de 1/2008, de 13 de marzo); e o Decreto para o Plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia (Lei 79/2010, de 20 de maio), co que se reduciu a presenza do galego no ensino e se eliminou das materias científicas. Pola contra, no Decreto 201/2011, do 13 de outubro, que regula a presenza da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia na internet o artigo de usos lingüísticos favorece a lingua galega. Debe rematar a situación de laissez-faire, laissez-passer e a actual deriva que leva o idioma galego á marxinalidade. Cómpre vontade política para reafirmar e desenvolver o consensuado PXLNL, actualizando medidas necesarias. Cómpre esixirmos, con amable intransixencia, que se aplique a legalidade actual, porque arelamos que os nosos fillos e netos poidan hoxe vivir con naturalidade en galego na terra onde a lingua agromou.

Ningún comentario:

Publicar un comentario