por Prolingua:
Prezado/a amigo/a,Como ben sabe o vindeiro 21 de setembro de 2014 cúmprese o 10º aniversario da aprobación no parlamento galego do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega. Este documento constituíu un fito importante, pois era a primeira vez que se puña en marcha un plan integral de normalización do galego ante a perda xeral de falantes e o alarmante descenso do seu uso na mocidade urbana.
Con tal motivo, ProLingua, plataforma a prol da defensa e promoción da lingua galega, fai un chamamento para conmemorar esta efeméride con sentido crítico e reivindicativo, pois nesta década non se desenvolveu nin se levaron a cabo as medidas necesarias para cumprir os cinco obxectivos xerais do texto: garantir a posibilidade de vivir en galego a quen así o desexe, sabendo que conta co amparo da lei e das institucións; conseguir para a lingua galega máis funcións sociais e máis espazos de uso, priorizando a súa presenza en sectores estratéxicos; introducir na sociedade a oferta positiva de atender o cidadán ou o cliente en galego como norma de cortesía dun novo espírito de convivencia lingüística; promover unha visión afable, moderna e útil da lingua galega que esfarele prexuízos, reforce a súa estima e aumente a súa demanda; e dotar o galego dos recursos lingüísticos e técnicos necesarios que o capaciten para vehicular a vida moderna.
Nestes dez anos non se aproveitaron as potencialidades do PXNLG e a lingua galega segue a recuar na terra onde agromou. A perda da transmisión familiar é cada vez maior e tamén do seu uso, especialmente no ámbito urbano. O PXNLG foi aprobado por unanimidade no parlamento galego, pero despois dunha serie de medidas positivas e esperanzadoras adoptadas ata 2009, os retrocesos lexislativos e o desmantelamento do galego en ámbitos como o educativo e o administrativo emprendidos polo actual goberno, sitúan o noso idioma nunha situación de emerxencia. O goberno debe asumir o plan que todos os grupos políticos, incluído o PP, aprobaron no Parlamento hai dez anos e adoptar as medidas axeitadas para a plena normalización do galego.
ProLingua quere lembrar esta data e difundir a importancia do texto ou aspectos concretos dos sectores do PXNLG, como a educación, familia e mocidade; medios de comunicación e industrias culturais; economía; sanidade; sociedade e proxección exterior da lingua. Polo mesmo, facemos este chamamento aos medios de comunicación e a persoas que, coma vostede, teñen espazo neles, para que contribúan á visibilización da importancia de desenvolver este texto que segue vixente e que é máis necesario ca nunca aplicalo. Gustaríanos que o vindeiro 21 de setembro lle dedique a súa columna ou unha entrada no seu blog ao PXNLG na perspectiva que considere oportuna, porque sempre é necesario lembrar e reflexionar e cremos que esa data é relevante na historia social da lingua galega.Dende ProLingua agradecemos de antemán a súa colaboración. Quedamos ao seu dispor.
Ningún comentario:
Publicar un comentario