Cando eu era neno, naquelas autárquicos anos cincuenta, aos rapaces gustábanos coleccionar ovos de paxaro. Ben sei que desde a perspectiva de hoxe era un costume bárbaro e rexeitable, mais naqueles anos viviámolo como algo natural. Para conservar os ovos, tan fráxiles, depositabámolos nunha caixa de cartón, das dos zapatos, chea de farelo ou de serraduras da madeira. Pero antes, para que non podrecesen, faciámoslles aos ovos dous diminutos buratos cunha agulla, un en cada extremo; despois, soprabamos por un deles e todo o contido do ovo ía caendo polo outro, ata quedar baleiro por completo. Así, aqueles ovos tan fráxiles e fermosos que gardabamos entre o farelo, non eran máis que cascas, envoltorios brillantes e atractivos que só contiñan o baleiro no seu interior.Lémbrome deste episodio da infancia cada vez que a realidade me leva a reflexionar se á Constitución, e ao Estatuto de Autonomía, e á Lei de Normalización Lingüística non lles estará pasando coma aos ovos daqueles anos grises. As sucesivas Ordes, Decretos e Normativas que tentan desenvolver a lexislación fundamental, en moitos casos só perseguen baleirala de contido: deixala igual de aparente por fóra, mais neutralizala ou contradicila na práctica.Isto trae consecuencias, xaora. Na Galicia de hoxe, as persoas galegofalantes sabemos que a nosa liberdade lingüística é limitada. Son numerosos os atrancos que se nos presentan, sobre todo en determinados ámbitos urbanos, para desenvolver a nosa vida cotiá e profesional en galego. Tan numerosos son, que moitas persoas ocultan socialmente a súa lingua, sexa para evitar desagradables problemas nas relacións sociais, sexa por imperativo da empresa onde traballan.Estes atrancos reiterados non os padecen as persoas castelanfalantes, que poden desenvolverse con plenitude na súa lingua. A min isto paréceme magnífico, como é obvio. O que me desacouga é que as galegofalantes non poidamos ter uns dereitos semellantes. Se non se quere que haxa cidadáns de primeira e de segunda, deben crearse as condicións para que se poida vivir en galego coa mesma normalidade que o pode facer unha persoa que teña o castelán como lingua habitual.Para iso é imprescindible que a cidadanía sexa competente nas dúas linguas oficiais, para que logo cadaquén decida libremente se usa unha ou outra nos diferentes ámbitos e situacións. Esta competencia bilingüe xa a posuímos todos os cidadáns que temos como lingua de instalación o galego. E tamén a posúe un estimable sector das persoas castelanfalantes que non teñen prexuízos sobre a lingua e non perciben como unha ameaza a presenza do galego na sociedade.Por iso nos preocupa o que está a suceder no ensino. Unha porcentaxe do alumnado, logo dos cambios lexislativos dos últimos cursos, acadará unha escasa competencia en galego (incumpríndose así o mandato esencial da LdeNL), como comprobaremos de aquí a poucos anos, aínda que xa se percibe na actualidade. A consecuencia é evidente: un significativo número dos futuros cidadáns que exercerán a avogacía, ou traballarán na administración, ou na fontanería, ou no comercio, ou na medicina, ou nas notarías... non van desenvolver a capacidade para utilizar, oralmente e por escrito, a lingua galega. Onde quedará a nosa liberdade, ou a dos nosos fillos e fillas, para usar a lingua cando nos relacionemos con eles? Sería unha liberdade demediada. Nestes días, cando lembramos o décimo aniversario do Plan Xeral de Normalización da Lingua, aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia, cómpre reiterar o primeiro dos cinco Obxectivos Xerais que o Plan sinala: "Garantir a posibilidade de vivir en galego a quen así o desexe, sabendo que conta co amparo das leis e das institucións." Non son, non poden ser palabras baleiras.(Este artigo é un fragmento, lixeiramente modificado, do texto que lin en Trasalba o pasado 29 de xuño, logo de recibir o Premio Trasalba na súa XXXII edición. O discurso completo, "Unha carabela de camelias para levar a Trasalba", vén de publicarse no número 202 da revista Grial.)
Páginas
Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego
martes, 23 de setembro de 2014
Palabras baleiras
por Agustín Fernández Paz nas Voces de Prolingua:
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario