Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 2 de setembro de 2014

Vigo dixital: un medio comprometido coa nosa lingua

Onte, 1/09/14, erguíamonos cunha boa nova: botaba a andar un novo xornal dixital en galego: Vigo dixital, coa pretensión de abrir unha xanela da que tan precisados andamos para poder informármonos acaídamente do que sucede no noso arredor, especialmente pensado para a veciñanza de Vigo.
O que quixera destacar é o compromiso que no seu primeiro editorial mostra coa nosa lingua:
VIGO dixital nace, pois, para ofrecer outra información local. Unha información diferente á das cabeceiras tradicionais. Tamén no relativo ao idioma. Fronte unha oferta mediática case que exclusivamente en castelán, a pesar de que --contrariamente á imaxe que se proxecta-- só un 35,7% (*) da veciñanza de Vigo afirme utilizar exclusivamente esa lingua, nós apostamos polo galego para informar e opinar. Facémolo pensando, precisamente, nese 92,8% (*) de cidadás e cidadáns que recoñecen non teren ningunha --ou só algunha pequena-- dificultade para ler no noso idioma, e como contribución para promocionar o seu uso social.

Así Vigo dixital vén a sumarse a unha serie de medios dixitais de carácter local como A voz de Vilalba, 7 Canal Rías Baixas,  Crónica 3, Que Pasa na Costa, ou  valmiñor.info, Se a este catálogo lle engadimos xornais de información xeral como Sermos Galiza, Praza Pública, Galicia Confidencialde Luns a Venres, Diario de liberdade e  Noticieiro galego, ou dixitais de carácter máis específico como Código Cero, Disquecool ou Terra e Tempo, xurde de forma nartural a pregunta de por que a Secretaría Xeral de Política Lingüística ou, no seu defecto, a propia Xunta, non contribúen en forma algunha a apoiar estes alicerces da normalización lingüística. A pesar da repetida mentira de que cos cartos públicos se subvenciona aos medios en galego, só temos constancia de desvío anual de enormes cantidades de euros aos medios que publican, na práctica, exclusivamente en español.

2 comentarios:

  1. Respostas
    1. Efectivamente.
      Porén a mala noticia tamén a comento na entrada: o goberno galego continuará a desprezar medios como Vigo dixital mentres subvenciona outros que reclúen o galego, e aínda teremos que aturar notas de prensa nas que a Xunta se gabe de apoiar o uso do galego nos medios.

      Eliminar