Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 14 de novembro de 2014

Q-Q-Q-CH-D



- Canto vive un *pulpo? -pregúntalle o neno ao avó
- O que lle deixen -é a resposta, chea de razón.
Éste é un dos diálogos do último anuncio de Gadis, e tamén é unha das zaragalladas lingüísticas que aparecen no mesmo.
Non hai moito que a RAG ofrecía un comunicado lembrando que polbo é a única forma patrimonial galega. Por iso non creo que os que elaboraron este anuncio escolleran inocentemente unha forma errónea para o seu uso neste audiovisual. Seguramente a súa decisión ten moito que ver coa idea de que se recollían a voz polbo, o público percibiría falta de naturalidade no diálogo. Pero se lembramos esa mesma falta de naturalidade na entonación da campaña 'Se chove, que chova!', non dubidaremos que estamos ante a evidencia dun prexuízo que deste xeito alcanza unha difusión enorme. Un spot tan longo coma éste transmite moitas cousas: optimismo, recoñecemento do amor polos nosos, identificación cunha forma de ser propia,... A mágoa é que tamén envía mensaxes indesexables, e iso é o último que debe facer unha emisión publicitaria.
Noutro momento faise burla das redes sociais, en concreto do facebook:
- Hoxe andan todos: "me gusta", "no me gusta"...
Relevante caso do excluída que anda a lingua galega das novas tecnoloxías. Hai xa moito que se pode ver o muro de facebook en galego pero aos moitos que tiveron que participar na realización do spot non lles debeu chegar a noticia. Algo pasa.
Noutro momento un dos contertulios comenta:
- Os galegos necesitamos un cu-cu-cu-che-de
- O que? -pregunta outro sorprendido
- Un: "qqueres que che diga"
E non será un que-que-que-che-de?. Ao denominar as letras en castelán colócase unha bomba na cerna do discurso xeral que estaba a discorrer en galego. Non é unha cuestión menor pois a un tempo estase desprezando a lingua galega, situándoa como subordinada, e colocando como alternativa de prestixio á que xa goza de todas as ventaxas.
Se só un desta serie de desatinos lingüísticos se cometeran nun anuncio en español, a restra de protestas e portadas de noticiarios non tería fin. Pero como o sufridor destes golpes é o galego, a ninguén lle importa. Así, sen dicilo, rebáixaselle a categoría de lingua a simple fala. Non faltará alguén que xustifique: "a pesar de que vos poñen o anuncio en galego aínda vos arrepoñedes". E o peor é que tal e como anda o panorama ata vai ter o seu quiñón de razón. Velaquí un caso de estudo para os expertos en lóxica de como unha frase pouco atinada deixa de selo en función das circunstancias externas ao significado interno da mesma.
É certo. Estamos diante dun anuncio en galego! Unha rara avis no panorama da mercadotecnia ou da comunicación. Ademais é unha campaña exitosa, con centos de miles de visualizacións e con impacto na cidadanía. A súa forza reside sobre todo en que destaca o orgullo por sermos nós mesmos, por identificar trazos de carácter propios e tratalos con cariño e simpatía.
A empresa á que se lle ofrece esta imaxe de autoafirmación galeguista non é pequena, por iso a campaña publicitaría é todo un exemplo para moitas outros negocios que ata o día de hoxe viven de costas ao galego. Se Gadis o fixo, non hai razón para que calquera outra empresa o faga tamén.
Así, que se me preguntan que me parece a nova campaña do Gadis, eu teño ben clara a resposta:
- Qué queres que che diga?

Non sei se me explico

2 comentarios:

  1. e o volver "a" nacer do final? que me dis diso..... ai, que atinada análise cibrán.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Grazas Sandra. Velaquí a importancia de que "os de ciencias" miremos pola lingua, que se non é por nós...

      Eliminar