Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 24 de marzo de 2015

A culpa non botedes á Virxe do Cristal

por Xosé Antón Laxe Martiñán, nas Voces de Prolingua:

Hai certos bens que non celebran a saudade nin teñen valor conmemorativo, senón que materializan o valor intanxible doutro ben que, se non situado no mesmo chanzo da elite, si lle anda moi próximo. Cunha consigna que percorrerá os séculos como cápsula do tempo, máis que cunha advertencia, como era adoito nel, instruía Castelao sobre o valor da lingua: un monumento superior á catedral de Santiago.

Non é complicado evocarmos preciosas páxinas coa Catedral compostelá ao fondo. Dende Rosalía ata todo o abano Xeración Nós arriba e os seus epígonos, e tamén no Cunqueiro xornalista. Por abondar no exemplo, reparamos nas campás de Bastabales cun punto brillante na mirada a partir de 1863. Cada badalada da de Anllóns é unha faísca nos corazóns aldraxados; e algo teñen os corvos de Xallas que lles falta aos do resto do país.
A universalidade dun poema pode ser un destes bens. Ondas do mar de Vigo... No manuscrito miniado da nosa historiografía literaria hai tesouros, materiais ou inmateriais, dos que é difícil non falar cando falamos de Nós.
Por iso cometéronse dous crimes a pasada semana en Vilanova dos Infantes. O roubo dunha vida. Quedou morto un home que, segundo se di, gardaba con extremo celo o cristal que fixa a citada vila das Terras de Celanova como un dos grandes lugares da nosa literatura. Unha lanterna na nosa xeo-grafía cultural. E o roubo dun símbolo. O que levantou o xenio poético de Curros Enríquez. O poema A Virxe do Cristal.
A nosa lingua foi ferida neste bárbaro feito. Non só roubaron un símbolo identitario local, e á vez símbolo identitario do pobo, senón que tamén nos roubaron unha parte do noso Rexurdimento.
Non sei se profesores e profesoras de relixión, despois da orde publicada recentemente no B.O.E., tan afeitos a vogar con mestría entre as augas toldas da metáfora, saberán explicar nas súas aulas que a Virxe do Cristal inspirou un dos máis fermosos monumentos literarios da nosa lingua. Non sei se esta verdade será central no seu discurso ou se a obviarán tras a versión celestial de conceptos como resignación, penitencia ou misterio.

Farían ben, ao meu ver, se botasen man de Curros Enríquez, cristián, para explicar tamén que a dádiva que entregou o anatematizado, o poema A Virxe do Cristal, contribuíu a engrandecer como ningunha outra a lenda da minúscula imaxe e, por extensión, a Igrexa Católica. Dos seus versos, gromos fortes da árbore da ciencia, non virá o silencio, como é adoito do coro de súplicas con que é cebado o narcisismo divino, senón a forza que termou con grandeza de tan fermosa historia ao longo dos anos. O precioso rebento dunha lingua que acababa de ser rescatada.

Que foi do Cristal? Emigraría, como as grandes carballeiras? Haberá que buscalo en Canarias, cara a onde apunta o indicador feroz do Capital, na compaña do valor humano deste interior en extención real? Farían ben, digo, profesoras e profesores se o poema, como unha buguina en funcións de radiobaliza, chamase pola talla e pol@s moz@s dende todas as aulas do país

2 comentarios:

  1. Case quedamos sen Códice,e agora sen Virxe do Cristal; pena de país!!!

    ResponderEliminar
  2. Xosé Antón Laxe Martiñán24 de marzo de 2015, 19:53

    Tes razón, Voz en off, pena. Aínda que entre os dous feitos que citas hai moitas diferenzas, da praxe á fin. O país... non sei se ten moito que ver neste asunto. Os seus gobernantes si, desde logo. En calquera caso é ben certo que a empresa, a Igrexa Católica, non inviste un can do moito que gaña nin do que o Estado lle dá na seguridade dese macrotesouro que temos espallado por todas as igrexas do país, sobre todo nas rurais, onde a seguridade é máis difícil de garantir. Así que o país algo pinta no asunto. Sofre as consecuencias da mala xestión da citada empresa ou da falta de responsabilidade da Xunta.

    Moitas grazas, Voz en off. E moitas grazas, Cibrán.

    ResponderEliminar