Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 11 de maio de 2012

Avaliación de diagnóstico do Conselleiro de Educación


Posiblemente pola proximidade do Día das Letras Galegas, Jesús Vázquez, conselleiro de Educación e Cultura, vén de emitir un comunicado expresando que  "a política lingüística que está a realizar a Xunta de Galicia parte do convencemento do que o galego é útil en calquera ámbito e para todas as funcións". Pola contra esa mesma Consellería remitiulle aos centros de ensino unhas probas de matemáticas na que a lingua galega destaca pola súa ausencia. Claro que se podería pensar que o que se está a facer é cumprir co funesto decreto 79/2010, o do plurilingüismo, que declara que na función docente e no ámbito das matemáticas, a lingua galega é inútil. Iso, por certo, non daría máis que outra mostra do lesivo que é ese decreto para a promoción social do galego, pero é que a Consellería vai máis alá dese decreto pois nel non se indica nada a respecto deste tipo de probas, as de avaliación diagnóstica,  e se envía o exame en castelán é para mandar unha mensaxe a todos os centros de ensino de cal é a súa decidida aposta en materia de normalización.
Tendo en conta que a poboación galega non está en contra da súa lingua, ao conselleiro non lle queda outra que mentir e apostar xusto polo contrario do que fai decote"a lingua require de todos -sociedade, institucións e Goberno- un esforzo especial, coherente, compartido e continuado no tempo". Como mostra podemos volver a recurrir á proba de matemáticas da avaliación diagnóstica. Non só as preguntas non veñen redactadas en galego, senón que isto tampouco acontece coas instrucións para contestalas. Está claro xa que non se trata xa de identificar as matemáticas co castelán, senón de identificar tamén a Consellería (que é quen emite a proba) con esa mesma lingua, pois esa, e non outra é a que realmente fomenta. Identificación que vemos reforzada con outras medidas como a da redución dun 70% da dotación aos Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística, retirada de axudas a edición de libros de texto en galego,...
Aínda así Jesús Vázquez insite cínicamente na importancia da "promoción social do idioma e na oferta da formación en galego, así como no impulso da dinamización do idioma desde o eido educativo". Máis por se a alguén lle queda algunha dúbida, un outro exemplo desa mesma proba diagnóstica de que a Consellería de Educación actúa sistemáticamente en contra do uso do galego. Hai unha folla que non é para a cubriren os estudantes, senón o profesorado. Trátase pois dun documento de caracter exclusivamente administrativo. A redacción vén nos seguintes termos: "Para cubrir por la persona que aplica la prueba", "El nombre del grupo coincidirá con el que figura en la lista de aplicación de la prueba",....
Claro que aqueles que sinten un odio e un desprezo pola nosa lingua, como o que realmente sinte o noso conselleiro de educación, tenlles que abrollar por algún sitio ese auto-odio. Así, na súa nota de prensa, Jesús Vázquez comete un erro que nos revela cal é a súa verdadeira face, e referíndose ao galego pídenos que "a sociedade cale o necesario sentimento de afecto e utilidade que ten o noso idioma". E acerta, pois só se calamos o noso amor polo galego pode callar o seu proxecto de ataque e exclusión da lingua de noso quen ben evidente se demostra neste documento emitido pola administración que el dirixe.
Eis que Jesús Vázquez Abad, conselleiro de educación, suspende a avaliación de diagnóstico.

4 comentarios:

  1. Cero patatero.
    Un destrutor da normalización.

    ResponderEliminar
  2. Ademais de todo o que comentas arredor da hostilidade destes señoritos ignorantes fronte ao galego, Cibrán, aínda un absurdo máis:
    U-la diagnose por parte da Consellería derivada desta "Avaliación de Diagnóstico"?

    ResponderEliminar
  3. Como se nota que eres profesor!
    Sobre o que comentas recordo unha conversa cun responsable desa avaliación (non sei que cargo tiña). El defendíaa con toda clase de argumentos. Eu quedeime coa seguinte idea: que a tal avaliación ao final só serviría para clasificar os centros en tres ou catro categorías (urbanos, urbano-periféricos, vilegos,...) e que, ANTES de facer esa avaliación xa se podía indicar a que tipo pertencía cada un. Non sei se isto responde ás túas dúbidas.

    ResponderEliminar
  4. Acabo de ler polo miúdo o caderno da competencia matemática (non aturo a palabra competencia, cheira a mercantilismo que dá noxo),e non podo crer a burrada que fixeron co da ecuación, ítem 12:
    -En primeiro lugar: ninguén se decatou de que, se pasas un documento feito co Word 2013 (e co Editor de Ecuacións 3.0) a pdf, as parénteses quedan distorsionadas?
    -En segundo: ninguén comprobou ao facer as copias que non se entendía o texto?
    -En terceiro: para que pos parénteses en +(x-6)? Para enlear?
    Vaia auténtica trapallada. E só analizando unha pregunta.

    ResponderEliminar