por Alba Nogueira, en Praza Pública:
Cando en 1985 no xulgado nº2 de Santiago o xuíz Carlos López Keller absolvía aunha persoa acusada dun delito de danos por ter cambiado o topónimo dun sinal, mal sabía o xuíz que o razoamento usado para a absolución de o acusado terse limitado "a adiantarse á actuación oficial" de cumprimento do mandato estatutario de protexer a lingua propia seguiría sendo unha tarefa por facer en 2013. Outravolta a toponimia e un xuizo penal por inxurias contra o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística ou o cambio ao que está procedendo AUDASA para castelanizar os sinais das autoestradas lembran que a sociedade civil segue "adiantándose" ao que o artigo 5 do Estatuto de Autonomía lle esixe aos poderes públicos. E tamén que son estes poderes públicos, a Xunta de Galicia, a xustiza, os representantes institucionais, os que fallaron clamorosamente ao longo de 30 anos.
Non outra é a explicación do devalo do galego. A ausencia dunha política de normalización dirixida polos responsables políticos que dera pasos e marcara obxectivos para prestixiar a nosa lingua, para asentala como lingua de comunicación social en todo tipo de usos na educación, a xustiza, os medios de comunicación, a administración, ou a sanidade cunha oferta positiva en galego. Buscar culpables noutro lado, cando sabemos a morte por inanición inexorable á que os poderes públicos someteron á lingua, é ruín. Mostra de que hai que resintonizar a antena.
Se en 30 anos os obxectivos, nunca vixiados, de mellora na educación, medraron primeiro nunhas porcentaxes mínimas e agora decrecen; se mentres se asiste ao peche de medios de comunicación en galego danse millóns de euros de axudas a medios en castelán; se o programa informático da xustiza non permite unha xustiza áxil en galego; se a Xunta -esta semana pasada- esixe os concellos enviar os anuncios de contratos públicos en castelán á plataforma electrónica de contratación, o que abafa o galego é tanta agresión e o fariseísmo que o acompaña.
Dixo o presidente da RAG, nesa calidade era entrevistado e será interpretado mentres dure o seu mandato, que non é de quita-e-pon, que el era un falante táctico do galego. O dicionario da RAG define a táctica como o "programa de acción coordinada para levar a cabo unha empresa ou tentar acadar un obxectivo". Por máis que lle dou voltas non vexo cal é o obxectivo, en relación co galego, que pode acadar Xesús Alonso Montero cando compra chirimoias en castelán.
Porque cando o fillo de Francisco Castro decide á mantenta tirar córners en galego aos once anos, cando á miña filla xogando ao baloncesto aos nove anos había nenas que lle indicaban que ela é galega pero as outras son españolas por falar en galego, cando Fran Lorenzo no Instituto Santa Irene cometía a excentricidade de afirmarse en galego, estes falantes non tácticos, seguros da nosa lingua, teñen que ter ao lado ao presidente da RAG. As vintecatro horas do día. Porque o maior compromiso ético que lle pedimos á dirección da RAG é o da lingua. Sen tacticismos, sen tregua para mercar chirimoias. Coa seguridade que lle damos as nais as nosas fillas queréndoas. O amor á lingua non abafa. Dálle seguridade.
Como seguridade lle da á lingua e á súa continuidade, as mensaxes positivas e actuais. Mensaxes non clasistas de criadas, pailáns, catedráticos ou gravatas. Mensaxes que non quedaron ancoradas na normativa do galego dos oitenta. Mensaxes novas e afirmativas como a de multiplicar x 100 a nosa lingua, a de Gústame o galego, como as das 300 persoas reunidas en Vigo ao chamado da Irmandade Xurídica Galega, como as que saen da música de María Fumaça, Zënzar ou de Dios ke te crew, dos recitais de María Lado e Lucía Aldao, dos lipdup que fan tantas mestras e mestres nas escolas que conseguen prender a afirmación (eu falarei) na xuventude. A mensaxe que transmite xente que aínda hoxe ten que seguir "adiantándose" á Xunta no ensino en galego creando Avoaescola ou a Semente, nos medios en galego desde Dioivo, Praza Pública, Sermos Galiza, Quepasanacosta ou GalizaAnoCero. Porque a nosa lingua sabe a pan e a chirimoia tamén en Brasil.
Ningún comentario:
Publicar un comentario