Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 28 de maio de 2013

Sermos Rosalía

por Moncho do Orzán, no Sermos Galiza:


Nasin cand'as prantas nasen,
no mes das froles nasin,
nunh'alborada mainíña,
nunh'alborada d'abril.
O domingo rebentaron as fontes, rebentaron os carballos e os castiñeiros, rebentaron todas as flores. A primavera rosaliana chegou ao templo onde a historia honra a súa palabra, presente en nós. O pasado domingo día 19 o único teatro galego co nome da Musa acolleu o sinceiro recordo que o pobo galego, cheo de amor, sementou máis unha vez nas leiras da memoria. O programa de man reflectía nidiamente este sentir nas verbas do presidente da súa Fundación, Anxo Angueira: “É unha honra inmensa poder participar desta xustiza”. Ateigado até os ceos: Rosalía no Rosalía e o Rosalía en Rosalía.
Alí estivemos: Galiza toda! Anxo Angueira, Elvira Varela, Luz Pozo, Dores Tembrás, Emma Couceiro, Lydia Botana, Estíbaliz Espinosa, Miguel Ladrón de Guevara, Pedro Lamas, Antía Barreiro, a Banda Municipal da Coruña, Cántigas da Terra e os teceláns que fiaron esta festa rosaliana: Xurxo Souto e José Luis Represas. E moito botamos en falta a Sito Sedes, ausente polo pasamento dun ser querido.
Tamén estiveron os que xa non están: Andrés Gaos, Xoán Montes, Pascual Veiga, Bernardo del Río, Prudencio Romo, Pucho Boedo, Roberto Vidal Bolaño (homenaxeado neste ano e autor da meirande obra dramática adicada a Rosalía), Emilio Corral (falecido hai unhas semanas con 103 anos e antigo membro de Cántigas e da Banda) e tantos outros que encheron as nosas vidas de vida.
Reparade ben. Celebramos as nosas Letras un dezasete de maio, día en que Rosalía edita “Cantares Gallegos” e día do aniversario do seu home. Así hai cen anos A Coruña lle rendía unha homenaxe a Manuel Murguía e agora A Coruña lembra o século e medio dunha obra imprescindíbel na nosa Literatura. Todos nós somos orgullosos herdeiros deste camiño de Rosas e por iso cómpre implicarse nesta xeira. Afellas que o domingo cada un de nós puxo no bico un cantar e, tamén, na fronte unha estrela!
ssshhh... as luces empardecen, vai chegando o silencio... ollade... escoitade... lede... cantade... que todo recomeza!
Por eso me chaman Rosamais á dó triste sorrircon espiñas para todossin ningunha para ti.

Ningún comentario:

Publicar un comentario