Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 6 de maio de 2013

Don Roberto González Pastoriza

por Xosé González, no Faro de Vigo e en Galeguizar Galicia:

Que o futuro da lingua galega non se xoga unicamente nos ámbitos da cultura e menos aínda no da literatura está máis que constatado. Hai ben tempo que algúns vímolo dicindo e procurando novos espazos sociais.

Este é o labor que veñen desenvolvendo todos os colectivos que se aglutinan no colectivo Galeguizargalicia ( www.galeguizargalicia.com e www.galeguizargalicia.tv ) do que forma parte a Irmandade Xurídica Galega que vén teimando hai ben anos para que o noso idioma se incorpore ós procedementos procesuais, orais e escritos.
Como acontece nas asembleas anuais, este ano ingresarán na Irmandade unha nova fornada de xuristas que apostan pola incorporación da lingua galega nas súas tarefas profesionais. Xa son algo máis de douscentos os profesionais do ámbito do dereito que se nuclean nunha asociación que conta con activos en todos os estamentos xurídicos, recuperando o discurso galeguizador de egrexios xuristas que tivo Galicia.

Nesa galería de xuristas está don Roberto González Pastoriza, avogado de recoñecida notoriedade profesional nos tempos da República española e durante os anos que durou a dictadura franquista, que tivo que sufrir primeiro con desterro en Verín durante tres anos, en 1936, e posteriormente con detencións e acosos policiais polo seu compromiso cos valores humanístas e co galeguismo. Por estes motivos a Irmandade Xurídica Galega renderalle merecida homenaxe de gratitude e admiración para que o seu exemplo sexa coñecido e secundado.
Xurxo Martínez González é un investigador que enteirou os retazos ciscados da biografía do Sr. Pastoriza ofrecéndonos un relato aleccionador dunha figura relevante do dereito, coetáneo doutros que participaron na creación das Irmandades da Fala e do Seminario de Estudos Galegos. Velaí están na historia figuras como Lois Peña Novo, Lois Porteiro Garea, Salvador Cabeza de León, Banet Fontenla, Sebastián Martínez Risco, Pedro González, Victorino Gutiérrez Aller, todos eles forxadores dun galeguismo xurídico do que nos sentimos herdeiros.
A Irmandade Xurídica Galega concederalle a medalla de ouro ó profesor Gómez Segade, titular da cátedra de dereito mercantil da universidade compostelá, unha autoridade de prestixio internacional que, contra vento e marea, impartíu a docencia en lingua galega. Por semellantes méritos será galardoado o decano do Colexio Oficial de Avogados de Vigo don Alfonso Álvarez Gándara.
Facemos un chamamento a todos os profesionais do dereito para que acudan ó acto que se celebrerá o próximo sábado, día 11, ás 12.30 horas no Auditorio do Centro Social de Novagaliciabanco rúa Policarpo Sanz de Vigo. Asemade, o convíte facémolo extensivo a todos os colectivos sociais, porque os seus integrantes son parte decisiva na galeguización da xustiza. O lema escollido para esta ocasión resume con certeza a pretensión da Irmandade Xurídica Galega: "En galego con todo dereito".

Cómpre crear unha nova conciencia social para que a lingua galega sexa de uso común nos actos xurídicos documentados e nas actuacións perante as instancias xudiciais. A responsabilidade debe ser compartida, por unha banda, os usuarios demandando dos profesionais que defendan os seus intereses na nosa lingua, e pola outra, polos avogados, procuradores e notarios, que co seu uso garantiranlle ó noso idioma un futuro mellor.

Ningún comentario:

Publicar un comentario