Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 15 de maio de 2013

Don Avelino Pousa Antelo

por David Otero, no Sermos Galiza:


O día catorce deste mes das nosas letras ( ao ir de Roberto Vidal Bolaño), así como tamén lle atinxe a Chuchiño o fillo de Virxínia Pereiras e de Daniel Castelao, fanse 99 anos de vida de Don Avelino Pousa Antelo ( dicir disto que 98 anos en animosa andadura en clave de resistencia e case que un xa en viaxe para térmolo sempre en nós e connosco).Si, serán noventa e nove anos que debemos ter en presenza e así sen dúbida na nosa memoria ( que é dicir lealdade) e na nosa admiración ( que son afectos militantes). Lucho do Peto, como así lle chamaban na súa casa da Baña de Negreira ( casa con Peto das ánimas) , Lucho de neno, e asemade quen o queríamos e compartíamos tanto de tanto, permanece como un referente necesario na nosa historia e no noso futuro desenvolvemento nacional. O seu estar aquí ( e digo Galicia) foi de traballo e de intencións coherentes a prol de facermos unha Galicia de seu e determinada. Interviu niso con ánimos e entregas a distintas intensidades consonte aos momentos, limitacións, e tempos que lle tocou apandar. Non o tivo doado que se diga. Nunca renunciou ao seu ser galeguista ( na referencia do PG fundacional).
O día catorce deste maio imos estar con Lucho na Urbanización Os Verxeis de Teo, ás oito da tarde,no paseo AVELINO POUSA ANTELO, para en comuñón de galegas e de galegos poñer os nosos afectos a maiores acentos, en auténtica Irmandade Nacional, para testemuñarlle a Avelino a nosa mostra de memoria viva e de contíno ( non soamente por datas festivas). Farémolo en clave de irmandade e como tribu familar, emocional e sentida, para que na súa exemplariedade poidamos poñer un algo máis de esencia nas nosas propostas vitais compartidas a prol de nos dicir nós e soberanos.

A dimensión vital de Avelino foi ( e é) de considerable medida pois estivo (está) a contido recurrente de quen nunca renunciou, de quen nunca recuou, de quen non transixiu con calquera andrómena. Estivo e ben presente co fundamental que nos sostén e define, Galicia ( o pobo do galego) e nel salientablemente coa figura imprescindible de Daniel de Rianxo e Castelao de Galiza. Avelino foi un infantigable conservador da figura e vida, obra e pensamento, de Castelao e así puxo enerxías ben potentes na difusión da figura do noso rianxeiro universal exemplar. Avelino nunca deu o seu brazo a torcer no referido a poñer en valor o nome egrexio, vida inmorrente, de Castelao e moi especialmente así se entregou a través do seu traballo diario na Fundación Castelao ( que presidiu ata o vinte de agosto de 2012). Foi un galego xeneroso, cordial e animoso.Alí onde o chamaron, alí estivo. O seu tempo era de Galicia. El foi un servidor. Cría no construír desde abaixo e por iso dicía que cando estaba no (co) pobo, sentíase no máis alto. O seu potencial de loita nos últimos anos foi crecente e claramente rexeitaba nesta loita as políticas de nos dinamitar, lingüicidas, que soamente traballaban todos os días no desexo fagocitario de nos negar (de facernos desaparecer?) como pobo soberano, Pobo do Galego.
Avelino está contemporáneo, connosco, e xa que logo, pola que nos anda a caer, vixente nas súas ideas. Ideas expostas tantas veces nos últimos anos, saídas da reflexión , e sobre todo manifestadas en tantos espazos, foros e lugares, para que a confluencia nacional deste noso pobo se produza unitaria co dinamismo efectivo e necesario. Confluencia nacional, ampla, horizontal, participativa, que traballe nos recoñecementos e se empeñe teimosamente en que sexamos recoñecidos. Determinados na capacidade de decidir para que así deamos pasos nesa dirección ben orientados por quen somos. Eu teño escoitado moito estes plantexamentos de Avelino e afirmábase neles con forza convincente. Resumireino dunha maneira que a el lle gustaría: “ nós os galegos e as galegas tamén facemos o mundo, nos construímos e construímonos e así facemos obra.”
O día catorce deste maio a todas as letras , nos Verxeis e con Avelino, a día de gardar atención potente, converxendo sumaremos un pouco máis e aforneceremos as nosas responsabilidades para coa súa persoa global e asemade así facémolo sen renuncias con este noso Pobo do Galego. Faltaría máis Lucho. Faltaría máis….

Ningún comentario:

Publicar un comentario